Comezaron os oitavos de final en Sesión Plenario. A primeira eliminatoria desta rolda xogárona Kiños e Tucho. O xogador do Folgueiro formou parella co deportista e afeccionado ao fútbol natural de Muimenta.
Os cruces dos oitavos de final foron formados por sorteo. Non obstante, as eliminatorias non seguirán a orde do cadro e iranse xogando en función da dispoñibilidade dos participantes.
Á diferenza da primeira rolda, a quenda de xogo vén dada polo propio sorteo. Comezan a responder de primeiros os concursantes cuxa papeleta saíu de primeira.
Dezaseis participantes buscan un oco nos cuartos de final. O cadro do concurso xa mostra ademais cal sería o camiño para chegar a unha hipotética final. Comeza a parte máis emocionante do programa que entretén e difunde o fútbol lucense.



A Resi e o Racing, protagonistas nas primeiras preguntas:
De novo, foi un concurso competido no que ambos xogadores chegaron con opcións ata a quinta rolda. A vitoria levouse pola mínima.
Nas preguntas desta semana tocou volver falar da Residencia. O equipo lucense que está facendo unha gran temporada na Preferente competindo pola salvación foi protagonista das dúas primeiras preguntas.
A seguir, houbo oco para falar de dous dos últimos movementos do mercado que teñen como raíz o Racing Villalbés. A saída de Xurde que lle xurdiu a opción de marchar para o Ribadeo. Ademais da fichaxe de Diego Ferreiro pola Sarriana. O mediocentro lucense estaba facendo grandes números na Terceira Rexional e xa está no Trío de Ases da Preferente.

Dous clásicos da provincia apareceron na terceira rolda de preguntas. Diego Pardeiro Morado do CD Castro e Rubén Moscoso López do Taboada protagonizaron sen querelo a Sesión Plenario 17.
A continuación falamos de números. Nas últimas temporadas houbo cambios na cantidade de integrantes dalgunhas das categorías que contan con representación lucense. Falamos da Terceira RFEF e da Preferente norte.
Para rematar, demos unha boa volta pola provincia. A xeografía foi o tema que empregamos para pechar esta Sesión. Viaxaron os nosos concursantes aos sitios do que falamos?
Esta sección conta co apoio imprescindible de Plenario Veiga. O xerente de Discoteca Hermo e Bar Tibor (patrocionadores principais deste espazo) tamén colabora no concurso para avaliar as respostas dos participantes.
O redactor Iván Calaza foi o encargado de presentar esta décimo sétima Sesión Plenario que non contou excepcionalmente con Plenario Veiga.

O play-off da Segunda norte une aos nosos concursantes:

Ambos participantes da Sesión Plenario 17 están relacionados polo play off da Segunda Rexional norte. Marcos Calvo ‘Kiños’ é un dos referentes do Folgueiro. O equipo do Vicedo aspira a ter algunha opción de acabar primeiro e senón competir por volver subir á Primeira na promoción de ascenso.
«Estamos chegando ao duro e o Meira non cede. Vai estar complicada a cousa», afirmaba Kiños antes de comezar a responder as preguntas do concurso.
Adrián Paz ‘Tucho’ é natural de Muimenta pero xogou tanto no Cospeito (club onde ten grandes amigos da súa xeración) como no equipo da súa parroquia. Agora practica outros deportes pero segue moi pendente do balompé afeccionado.
O Cospeito está en postos de fase de ascenso e o Muimenta aspita a volver logo de estar nesas posicións boa parte da temporada. «Están os dous aí arriba, parece que o Muimenta se quere descolgar pero queda moita liga aínda», comentou Tucho que concursou cunha bandeira de ‘O noso derbi’ para ambientar a Sesión.