Na Terceira RFEF destacamos o importante triunfo do Viveiro en Cantarrana fronte ao Estradense. O Racing Vilalbés sumou un punto na súa visita ao difícil campo da UD Ourense. Na Preferente soamente o Lemos foi quen de acadar os tres puntos, ademáis fíxoo diante dun rival directo como o Sigüeiro. A Residencia empatou na Cheda fronte ao Ordes, mentres que Sarriana, Ribadeo e Portomarín perderon os seus encontros fronte a Montañeros, Noia e Victoria, respectivamente.
O Racing Vilalbés suma un punto no Couto e segue na cuarta praza (0-0)
Comezou mellor o encontro a UD Ourense nun encontro cun gran ambiente nas gradas do mítico campo do Couto. Os de Jorge de Dios monopolizaron o balón sobre todo nos primeiros vinte minutos de xogo, aínda que non foron quen de xerar situacións de moito perigo. O cadro chairego, malia non sufrir defensivamente, sacudiuse o dominio ourensán, pero tampouco foi quen de inquedar a portería do soberino Ramón.
O Racing Vilalbés mellorou logo do descanso e xerou un bo número de ocasións para traer de volta os tres puntos. Ramón tivo que lucirse nun lanzamento de Marcos Álvarez, así como nun bo disparo de Javi Rey. No desconto o gol estivo nas botas de Dani Fernández, pero o marcador non se moveu.


Tres puntos e golaverage para o Viveiro logo de derrotar ao Estradense (2-0)
O Viveiro segue a amosarse moi sólido en Cantarrana, onde non perde desde o pasado mes de outubro. A primeira metade resultou moi igualada na que o cadro local foi quen de controlar o sistema plantexado polo focense Nacho. Nico adiantou ao Viveiro tras rematar un bo centro de Barroso. A raíz do tanto, o Estradense controlou o xogo nos seguintes minutos e contou coa mellor ocasión do encontro ao sinalar o colexiado un dubidoso penalti de Edgar. O disparo de Javicho detívoo providencial Casillas.
A segunda metade o Viveiro foi controlada defensivamente polo Viveiro. Tan só Mella cun tiro cruzado inquedou aos de Albert López. Moi preto do final Josemi sentenciou o encontro ao rematar un centro de Rolle.

A Sarriana perde o primeiro encontro da temporada na Ribela (0-1)
Dez xornadas despois a Sarriana voltou perder, e foi diante do Montañeros no seu campo, onde non o fixera en toda a temporada. Os de Brais Prados teñen agora un só punto de ventaxa sobre o Noia, pero o marxe sobre o terceiro é de oito puntos. A primeira metade tivo moitas interrupcións que impediron un ritmo alto na circulación de balón da Sarriana. Diego Santín e Keko tiveron as mellores ocasións para o conxunto local.
Logo do paso por vestiarios, a Sarriana mellorou no seu xogo e Jacobo e Álex Perez tiveron nas súas botas o gol, pero non estiveron atinados. Nunha perda de balón, o Montañeros nunha rápida transición acadou o único tanto do encontro, obra de Diego Lamas na que foi a única chegada do cadro coruñés con perigo.
O Ribadeo perde con polémica no campo do Noia e suma a cuarta derrota consecutiva (2-0)
A derrota dos mariñáns complica a súa situación na táboa clasificatoria, situándose a catro puntos do descenso directo. O Ribadeo realizou un bo encontro diante do segundo clasificado e puido adiantarse no marcadorcun testarazo de Álex Meitín a centro de Xaime que se estrelou no longueiro. Pouco despois o colexiado sinalou un dubidoso penalti que o Noia desaproveitou nunha boa intervención de Carrera. Poucas oportunidades ata o intermedio, pero xusto antes de ir a vestiarios Álex Meitín rematou desde a frontal e estrelou na parte interior do pao e logo de pasearse pola liña saiu fóra.

A segunda metade seguiu un guión parecido, pero nun desaxuste defensivo chegou o primeiro gol local, obra de Marcos Piñeiro. O Ribadeo meteu ao Noia no seu campo e reclamou o que parecía un claro penalti sobre Álex Meitín logo de que o xovense se internara na área e fora derribado por un defensor. No desconto, os de Iván Carril fixeron o segundo tanto obra de Elier ao aproveitar un rexeite despois de errar outra pena máxima.
A Residencia sumou un punto nun difícil encontro fronte ao Ordes (0-0)
Non se moveu o marcador na Cheda. A Residencia viu como o rival foi superior pero soubo defenderse para sumar un valioso punto fronte a un conxunto que segue na clasificación por debaixo dos de Dani Galán. Na primeira metade non abundanron as ocasións. A máis clara tivo cor visitante. O talentoso Ernesto Ropa estrelou o balón no longueiro nun bo tiro cruzado.
Na segunda metade o encontro abriuse e a Residencia tivo a súa ocasión de facer gol nas botas de Yago, pero Manu Vázquez desviou a córner. O gardameta local Diego convertiuse en protagonista ao deter os perigosos lanzamentos de Mouriño e Yago.
O Lemos suma tres puntos de outro e supera na táboa ao Sigüeiro (0-2)
Sétima xornada sen coñecer a derrota para o cadro monfortino que foi quen de asaltar o Lino Balado e superar na clasificación a rival directo. O Sigüeiro levou a iniciativa desde o comezo cun ritmo alto de xogo e contou cunha clara ocasión que salvou Losada. O Lemos mellorou co paso dos minutos e Diego Torres a piques estivo de marcar, pero o gardameta local respostou providencial. Xusto antes do descanso nun balón colgado á área Mauro rematou ao fondo da portería.
Na segunda metade Óscar Moure trocou de sistema coa entrada ao campo de Carrasco e o Lemos gañou en control do balón. Losada voltou a intervir con éxito nun lanzamento desde a frontal nun bo achegamento local. A dez minutos para o final Mauro, nunha xogada moi semellante á do primeiro tanto, sentenciou o choque.
O Portomarín caeu na súa visita ao campo do Victoria (2-0)
Trocou o Portomarín a súa estratexia e non agardou polo seu rival. Presionou máis alto e logrou roubar balóns en campo contrario. Nunha delas Pardo a piques estivo de marcar. O Victoria non se atopaba cómodo con balón e non era quen de achegarse aos dominios de Chumi con perigo. Pero nunha falta lateral Andrés rematou o balón ao fondo da rede. A balón parado tentouno o Portomarín cunha boa ocasión de Fer.
Na segunda metade abundou o mediocampismo e non se chegou con moito perigo ás áreas. O Victoria ampliou diferencias logo dun dubidoso penalti que transformou Óscar ‘La Magia’.
