#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Racing Vilalbés e Ribadeo, rachas inversas como locais

A xornada en Terceira RFEF déixanos o triunfo do Racing Vilalbés na Madalena fronte ao Choco e a derrota do Viveiro na súa visita ao Arousa. Na Preferente, a Sarriana segue con paso firme logo de derrotar ao pechacancelas Fisterra. O Lemos sumou un bo punto diante do Dubra, mentres que Ribadeo e Portomarín caeron como locais fronte a O Pino e Noia respectivamente. A Residencia non puido sumar no campo do Sofán.

Triunfo do Racing Vilalbés diante do Choco para consolidar a praza de promoción (2-0)

Encontro dominado desde o comezo polo conxunto chairego, con claras ocasións para marcar, as máis claras nas botas de Pablo Rey e Álex Pérez. No minuto 26, nun saque desde o curruncho, Javi Varela cun bo testarazo adiantou ao Racing. Co marcador en contra, o Choco xogou máis en campo contrario, aínda que non chegou en poñer en serios apretos a Álex Santomé.

Na segunda metade as ocasións sucedéronse para que o Racing Vilalbés deixara o encontro visto para sentencia, pero o segundo gol non chegou ata o minuto 90. O disparo de Rares rexeitouno o gardameta e Cuadrado moi atento recolleu o balón e fixo o segundo e definitivo tanto.



O Viveiro mereceu máis na súa visita ao campo do Arousa (1-0)

Non puido sumar o cadro celeste na Lomba. A primeira metade resultou igualada, pero o conxunto local penalizou varios erros na saída de balón dos de Alberto López. Nunha falta sacada por Brais Pedreira o balón golpeou en Edgar e colouse na portería de Casillas. En ataque, o Viveiro non foi quen de xerar ocasións de gol.

Na segunda metade o adestrador mariñán revoluciou o once con xogadores de refresco e dominou o encontro. O Viveiro arrinconou ao Arousa no seu campo e contou con ocasións para igualar ou mesmo gañar o encontro. As máis claras nas botas de Iker Hurtado, Lucas Fanego ou Josemi.



A Sarriana gañou sen demasiados apuros no campo do Fisterra (1-4)

Partido que non tardou en poñerse de cara para os sarriaos, cun penalti que transformou Jacobo por man dun defensor fisterrán. Dous minutos máis tarde un bo pase de Julio Camba aproveitouno Herrero, que logo dun desmarque de ruptura fixo o segundo. Os de Brais Prados xeraron numerosas ocasións de gol coas que puideron deixar o encontro visto para sentencia no primeiro tempo.

O Fisterra, nada máis saír de vestiario, recurtou diferencias cun tanto de Ibrahim logo dunha perda de balón da Sarriana en propio campo. O conxunto local volcouse na procura do empate nos seguintes minutos con varias chegadas á área que non son quen de finalizar. A Sarriana repúxose do empuxón fisterrán e Herrero fixo o terceiro ao culminar unha transición. Tan só catro minutos máis tarde Brais pechou o marcador cun tiro cruzado.

O Ribadeo cae goleado por segunda xornada consecutiva no Pepe Barrera (2-5)

Terceira derrota consecutiva para o Ribadeo e segunda na que cae goleado como local. O encontro fronte ao Pino comezou fulgurante. En tres minutos dous goles, un por bando. Óscar Fidalgo adiantou aos visitantes e na seguinte xogada Aitor igualou para os mariñáns. O partido tivo alternativas e víronse ocasións para ámbolos dous conxuntos. Jhony avisou cun remate a centro de Iván García ‘Ivalotelli’ que detivo ben Dos Santos e Asier rematou desde o vértice da área lixeiramente desviado. Nun córner voltou a adiantarse o Pino. Dos Santos deixou o balón morto e de novo Óscar Fidalgo, moi oportuno, rematou a gol. Iván Rodríguez rozou o empate cunha boa volea, pero foron de novo os visitnates os que golpearon. Unha gran xogada de Ivalotelli rematouna Jhony ao fondo da portería. Antes do intermedio, un inocente penalti cometido por un defensor visitante transformouno Xaime.



Na segunda metade os visitantes xuntaron liñas e defenderon o resultado buscando saír con perigo á contra. O Ribadeo tivo o balón e contou con ocasións para igualar ou mesmo darlle a volta ao marcador, as máis claras protagonizadas por Álex Meitín. O Ribadeo reclamou o segundo cartón amarelo para o visiante Fofo por unha dura entrada sobre o debutante Xurde. O último tramo de encontro tivo un nome propio: Ivalotelli. O arzuán decidiu o encontro con dous goles á contra, nos que cruzou o campo co balón e definiou ben diante do porteiro.

A Residencia non pode sumar no difícil campo do Sofán (3-1)

Encontro moito máis igualado que o que reflicte o marcador, pero que non puido comezar peor para os lucenses. Aos vinte segundos de xogo, nun erro defensivo Iván Parafita puxo por diante ao Sofán. Diego tivo que esforzarse pouco despois para evitar o segundo, pero a Resi repúxose e contou con dúas claras ocasións nas botas de Yago e Yeray.

Na segunda metade Poratti, a pase do xuvenil Jorge, rozou o gol e minutos máis tarde, os memos protagonistas voltaron a inquedar a porta do Sofán. Desta volta o arxentino rematou lixeiramente alto. Pero o que perdoa paga, e Taibo fixo o segundo para o cadro local cun remate dentro da área. Os de Dani Galán non se viñeeron abaixo e Yago estrelou un balón no corpo do gardameta Brais. A falta de trece minutos para o final por fin chegou o tanto lucense. Un bo pase de Poratti rematouno pola escadra o xuvenil Gabri. Pouco máis tarde Taibo sentenciou nunha xogada na que a Resi reclamou falta sobre Yeray.

O Lemos prolonga a súa boa xeira cun empate diante do Dubra (2-2)

Comezou mellor o encontro o conxunto visitante diante dun Lemos ao que lle costou entrar no partido. Co paso dos minutos melloraron os monfortinos e foron quen de adiantarse cun tanto de Mauro que rematou un bo centro de Dani Arias. Moi preto do descanso o Dubra foi quen de empatar cun penalti moi dubidoso que transformou Álvaro Varela.

A segunda metade resultou igualada, sobre todo ao comezo. A medida que avanzou o encontro, o Lemos acusou o esforzo en boa parte debido ás numerosas baixas. A falta de vinte minutos para o final, Martín adiantou ao Dubra, pero os monfortinos non se viñeron abaixo e o xuvenil Youness, que facía o seu debut co primeiro equipo igualou o encontro.

O Portomarín non pode cun Noia que non sentenciou ata o tramo final (0-3)

O encontro non tardou en coller cor visitante. Un centro lateral rematouno ao fondo da rede Marcos Piñeiro. O Portomarín adiantou liñas e Javicho a piques estivo de igualar cun bo lanzamento que detivo providencial Iván Bouzón. A primeira metade transcurriu sen moitas ocasións, malia que o Noia quedou cun home menos por dobre amonestación ao lateral Paco.

Na segunda metade o Portomarín saiu ben na segunda metade tratando de crear perigo sobre todo a balón parado, pero o Noia non viu ameazado o marcador. William fixo o segundo no ecuador do periodo final e Marcos Piñeiro sentenciou preto do final.

Racing Vilalbés e Ribadeo, rachas inversas como locais

Sesión Plenario: o sorteo dos oitavos de

Racing Vilalbés e Ribadeo, rachas inversas como locais

Máxicos Futbolinlugo, xornada 24

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *