A SD Antas remata a primeira volta líder
-
- 0
- 10min de lectura
Aínda que os paróns longos, coma este de Nadal, son unha incógnita para o estado de forma dos equipos, o PM Friol semella ter ben amarrado o seu xogo e anota no seu casilleiro particular outros tres puntos no primeiro partido do ano.
O encontro comezou de cara para o PM Friol, que se adiantou no marcador. Mais o Sporting de Gijón non viñera pasar un anaco ata terras friolesas e, aproveitando un saque de banda e un cúmulo de erros defensivos do Friol, empataba o partido (1-1).
Porén, o tanto do Sporting para o que serviu foi para espertar as gañas de morder das friolesas, que se activaron, fixéronse as donas do balón e tamén do partido. Xa antes do descanso, conseguían por o 2-1 para marchar ós vestiarios dominando no luminoso.
Na segunda parte, o xogo do PM Friol pasou como unha treboada por enriba das xixonesas, que se viron asolagadas polo dominio friolés. O partido rematou cun 4-1, mais por oportunidades e chegadas, o resultado puido ser moito maior.
O partido comezou cunha primeira parte moi igualada, sen que ningún dos conxuntos (Lugo e Oviedo B) gozaran de ocasións claras agás dun par de chegadas á porta con perigo para cada equipo, que resolveron cadansúas defensas con éxito.
Ambos conxuntos tentaban ser donos do balón, o que deu lugar a un bo futbol nos primeiros 45 minutos.
Tras o paso polos vestiarios, o CD Lugo púxose por diante na primeira xogada a partir do cal semellaba ter o partido controlado. Porén, chegaría o empate do Oviedo case deseguido, que afundiu ás luguesas. A partires de aí sucedéronse os erros das albivermellas, totalmente fóra do partido, que remataron por encaixar outros dous goles para rematar o encontro cun 3-1 no marcador, favorable ás asturianas.
A primeira parte comezou coas luguesas fóra do partido, cun Dumbría claramente superior ás albivermellas na calidade do xogo e tamén na intensidade. Así, as rivais tiveron tres ocasións mediante balóns enviados ás costas das luguesas, que lle custaron ás xogadoras de Iria tres goles.
Co partido xa totalmente na conta o filial do CD Lugo semellou espertar, e conseguiu reducir á mínima a distancia (3-2) en menos de cinco minutos.
Con ese resultado as xogadoras fóronse ós vestiarios. Na volta ao verde, as albivermellas tiveron dúas ocasións claras de gol que non souberon aproveitar e, porén, o Dumbría foi capaz de aproveitar á perfección os erros das luguesas e anotar outro gol máis para rematar o encontro cun 4-2 no luminoso.
O PM Friol recibía a un equipo da parte alta da táboa, o Sporting Burgo, un conxunto moi físico, con axudas moi rápidas pola banda, grazas á súa axilidade.
O equipo técnico friolés non coñecía con profundidade ao equipo rival, polo que optaron por facer unha dobre planificación do partido. Na primeira parte, o equipo amarelo saiu máis á defensiva, conseguindo chegar ó descanso co 0-0 no marcador.
Trala volta polo vestiario, os adestradores moveron ficha para que o equipo fora máis agresivo, arriscara máis arriba, tratando de roubar en campo contrario. Iso permitiulles ter máis continuidade co balón e facer o xogo que as caracteriza. Grazas as axudas defensivas das carrileiras do Friol o equipo funcionaba mellor e co traballo físico destas xogadoras, o partido tornou para mellor.
Pódese dicir sen tapuxos que, quizabes, estamos ante un dos mellores desempeño sobre o verde da tempada por parte do filial friolés. Así, xa preto do minuto 80, chegou o gol de Alba grazas a unha boa transición. Aínda que o Burgo se botou arriba non conseguiu crear perigo máis aló das accións a balón parado, pero non lles serviu para anotar.
Vitoria final pola mínima, 1-0, para un PM Friol B que consegue 3 puntos ante un moi bo equipo e que deixa as mellores sensacións posíbeis no equipo, que amosa seguir medrando.
A SD Antas remata a primeira volta da liga na primeira praza despois de golear ó Casablanca, que chegaba na primeira posición ao Castro Seoane, pero marchaba de Antas perdendo o liderato, que quedaba en mans das locais.
As xogadoras da SD Antas, nun gran momento de forma, saíron ao partido con ideas moi claras. O traballo defensivo foi chave, obrigando ás visitantes a estar lonxe da portería das seoanesas. A SD Antas procuraba chegar con perigo á portería do visitante. Avisou Jenny cun balón que pegou no travesaño.
Foi Nuria a encargada de abrir a lata dos goles despois de roubar un balón no medio do campo e, tras unha condución, coa porteira adiantada decide disparar e bater por arriba para pór o 1-0 para chegar ao descanso.
Tralo paso polos vestiarios, a SD Antas dominou toda a segunda parte con claridade, xogando case a totalidade do tempo en campo rival. A SD Antas tivo numerosas ocasións de perigo, nun xogo moi superior ás visitantes.
Volveu avisar Nuria con outro balón que pegou no pau. Tamén Jenny tivo varias ocasións antes de pór o 2-0 no marcador cun disparo dende a frontal.
Xa nos minutos finais, un bo pase de Mel a Eva, que chegaba en velocidade dende a segunda liña, cruzou o balón para pór o terceiro e definitivo gol que pechaba un dos mellores partidos da SD Antas ante un grandísimo rival.
Non era o mellor rival para que a SD Chantada tentara atopar a súa mellor versión no 2025, e o partido amosouno. Aínda que as chantadesas non fixeron un mal encontro, o Villalonga amosou de inicio a fin a súa superioridade.
Os principais erros do cadro visitante – Chantada – chegaron pola falta de concentración. Así o amosa o gol recibido xa no primeiro minuto do encontro. O resto da primeira parte decorreu cun Villalonga dono do partido, pero sen conseguir bater de novo a Andrea.
O problema da SD Chantada estaba tamén nas súas ocasións, prácticamente inexistentes por erros no último pase.
Á volta dos vestiarios anotou o Villalonga para desbaratar calquera atisbo de esperanza das chantadesas. O partido seguiu o mesmo patrón da primeira parte, co xogo dominado polo equipo local e coa SD Chantada defendendo, sen conceder demasiadas ocasións e cun partido excelso de Andrea, que defendeu cunha gran actuación a portería.
Aínda así, a superioridade das locais fixo que o encontro rematara cun 5-0 final para o Villalonga.
Impuxéronse as locais, as guerreiras do Carballedo, no partido desputado ante a Milagrosa.
Porén, o partido tivo dúas caras moi diferentes. Na primeira metade o Carballedo non saiu ben, moi nerviosas e non atopando para noada o seu xogo. Aínda así, as adestradas por Sementa foron quen de aguantar as ocasións do Milagrosa. Nos primeiros 45′ minutos, ningún dos conxuntos tivo ocasións claras.
A volta dos vestiarios revolucionou ás rosas. Tranquilas e con aplomo sobre o verde, conseguiron o definitivo 2-0, aínda que o resultado puido ser maior se non fora pola gran actuación da porteira da Milagrosa, Rosalía.
A protagonista do partido, Ana Lamas, anotou o dobrete do Carballedo. Un deles, de falta, un auténtico golazo (vídeo).
7-0 é un resultado dun partido cunhas soas donas, sen paliativos. O ADC Monte Forte adiantouse pouco despois do pitido inicial do partido. Carla Vázquez abría o marcador, ao que logo sumaría outros tres goles, anotando catro dos tantos do seu equipo.
Á festa goleadora sumáronse Sara Mougán (29′), Iria Fernández (37′) e Nerea Pereiro (59′).
O Resmón ademais de chegar en horas baixas a este encontro (nove derrotas e un empate no que vai de tempada), situadas na penúltima praza da táboa. Ademais, acudiron ao partido sen cambios.
Con esta vitoria, o Monte Forte colócase na 6ª posición, empatadas a puntos coa SD Cruces.
Partido moi igualado como deixa entrever o resultado final (1-1). O San Lázaro trataba de chegar por banda mentres que as xogadoras do Nicrariense trataban de conectar balóns coa súa dianteira estrela ás costas, Daniela Barbazá, pichichi da categoría con 15 goles ata o momento. Mais Mireia estivo moi atenta á súa cobertura, impedindo que moitos balóns chegaran ata a letal punta.
Así, comezou adiantándose o San Lázaro grazas a un balón longo de Jessi que tras un bo control de Kaoutar Attouch consegue anotar no minuto 54′ no man a man. Despois disto, o San Lázaro creceuse e xogou os seus mellores minutos, con grandes ocasións.
Nos últimos 15 minutos as rivais botáronse arriba e, xa no desconto grazas a un lanzamento dende o curruncho, as visitantes anotaron o gol do definitivo empate do partido.
Partido que xa antes de comezar semellaba moi complexo para as de Vicky, xa que recibían nin máis nin menos que ás líderes, as xogadoras do Santiso. Porén, a Comercial saiu con todo e foi quen de adiantarse cun 2-0 no luminoso grazas á creación de boas xogadas, cunha gran defensa, e a efectividade goleadora de Lara e Katheryn. O primeiro dos tantos, un golazo dende o mediocampo.
As xogadoras do Comercial ían por máis, e nas súas botas tiveron a posibilidade de aumentar o marcador, mais o balón, como en tantas ocasións, non quixo entrar.
Porén, o que si foron decisivos foron os erros puntuais, que decantaron a balanza na contra das luguesas. Aínda que chegaron tres goles case seguidos do Santiso antes de chegar ao descanso, a Comercial non baixou os brazos e seguiu a crear xogadas de mérito e loitando por volver a un empate que era, canto menos, o resultado merecido.
Aínda así, a adestradora da Comercial insiste en pór en valor o traballo e xogo amosado polas súas xogadoras. «Estou moi contenta, o equipo deuno todo nos 90 minutos«, afirma Vicky.