A Segunda Futgal botou a andar cunha primeira xornada que deixou ao Corgo e ao Abadín, dous recén ascendidos, como primeiros líderes dos dous grupos lucenses. No sur houbo máis diferenzas e goles, co Corgo á fronte tras o seu contundente triunfo ante o Monterroso B (7-1) e co San Roque segundo logo de vencer á Piringalla (5-1). No norte, en cambio, non houbo goleadas e o Abadín toma o mando despois de gañar no campo do Castro (0-2), co Alfoz na segunda posición. Non gañou ningún dos recén descendidos de Primeira.
Trátase, obviamente, dunha clasificación aínda anecdótica, pero Corgo e Abadín ocupan as dúas prazas de ascenso directo, mentres que San Roque e Alfoz sitúanse nos postos que ao remate da liga darían acceso á promoción. A primeira xornada quedou incompleta no grupo sur polo aprazamento do Sarriana B-Chantada B debido ás obras no campo da Ribela.
Grupo 1
O Abadín celebrou o seu regreso á categoría cun triunfo ante o renovado Castro (0-2). O duelo de proximidade entre dous equipos separados pola LU-113 deixou unha primeira metade igualada e sen goles. O encontro abriuse despois do descanso e Ferreiro, participante no All Star Futbolinlugo 2026, adiantou aos visitantes. O tanto obrigou ao Castro a buscar a igualada e o Abadín aproveitou os espazos para ampliar a vantaxe por medio de Noé González, de regreso no club tras o seu paso polo Rioaveso Machinango. O Castro, que estivo preto de desaparecer durante o verán e afronta o curso cun equipo moi renovado e novo, buscou reducir diferenzas sen éxito.
O Alfoz levou o primeiro duelo mariñán de proximidade ante a Candelaria (1-2). Os dous equipos, bos coñecedores entre si, protagonizaron un encontro disputado e con poucas ocasións claras. Adán permitiu aos visitantes chegar ao descanso por diante. Ao pouco de comezar a segunda metade, a Candelaria igualou cun gol en propia porta de Álex Marqués. O Alfoz desaproveitou posteriormente un penalti, pero Víctor apareceu mediada a segunda parte para facer o 1-2. Os locais buscaron a igualada no treito final, pero o marcador xa non se moveu.

Tamén resolveu o seu partido nos últimos instantes o Goiriz, que superou ao Riotorto no Ventiño (1-0). Foi un encontro pouco vistoso e con dificultades para combinar, no que o marcador permaneceu pechado ata o treito final. A entrada de Lobato deulle maior presenza ofensiva aos locais e o dianteiro acabou sendo decisivo ao anotar o único gol do encontro tras unha acción que naceu nun mal despexe da defensa visitante.
O Pastoricense iniciou con vitoria a nova etapa de Isaac Rouco no banco ao superar o Xermade no Acebreiro (2-1). Despois dunha primeira metade sen goles, Osky abriu o marcador cun remate de cabeza tras un servizo de Lourido. O Xermade deu un paso adiante na procura do empate e os locais aproveitaron os espazos para ampliar a diferenza: Saavedra conectou con Dani, que resolveu para facer o 2-0. Jose Adega reduciu distancias no treito final e mantivo o partido aberto ata o remate. Os últimos minutos deixaron tamén as expulsións dos dous adestradores.

Outro dos equipos que comezou sumando os tres puntos foi o Meira, que venceu no regreso do Mondoñedo á Segunda Futgal (0-1). O encontro do Viñas da Veiga mantívose sen goles ata os instantes finais, cando Brais Pin aproveitou un pase de Farra para conseguir o único tanto e permitir ao Meira iniciar a temporada cun triunfo.
O Catro Roldas rescatou un punto ante o Xove Lago na Canteira (2-2) nun encontro entre un recentemente ascendido e un equipo que viña de descender da Primeira Futgal. Os visitantes chegaron ao descanso cun 0-2 favorable grazas aos tantos de Alejandro Pernas e Samu Orosa en propia porta. A reacción local produciuse na segunda metade. Gonzalo recortou diferenzas e, xa nos instantes finais, Santi Cazás asinou cun gol de calidade o 2-2 que permitiu ao Catro Roldas sumar no seu retorno á categoría.

Tampouco houbo vencedor nas Valgas. Iberia e Guitiriz empataron sen goles (0-0) no reencontro de dous clubs que nas últimas campañas conseguiron dar o salto á Primeira Futgal sen lograr asentarse nela. O Guitiriz dispuxo dunha das oportunidades máis claras desde o punto de penalti, pero Álvaro evitou o tanto. No treito final, ambos equipos tiveron opcións para romper a igualdade, mais os gardametas mantiveron o marcador inicial.
Por último, o Celta Barreiros estreou a etapa de Álex Cobelo cun triunfo a domicilio ante o Cabreiros (1-2). Pajarito abriu o marcador para os visitantes na primeira metade, antes de que fora sustituido polo seu pai Edi e Dani Montoya ampliou a vantaxe despois do descanso. Pouco despois, Xoel Laya recortou diferenzas desde o punto de penalti, pero o marcador xa non volveu moverse.

Grupo 2
No sur, o Corgo celebrou o seu regreso á Segunda Futgal cunha goleada ante o Monterroso B (7-1). David Peral abriu moi cedo o marcador cun disparo desde fóra da área, pero Efrén Toral respondeu pouco despois para devolver a igualdade. Os visitantes tiveron incluso unha oportunidade para poñerse por diante, pero o porteiro local evitouno. Rubi recuperou a vantaxe do Corgo antes do descanso e Ethan ampliouna nada máis comezar a segunda metade. A partir de aí medrou a diferenza cun gol en propia porta, outro de Ethan e os tantos de David Núñez e novamente Rubi.
Tamén deixou unha ampla diferenza o derbi lucense entre o San Roque e A Piringalla (5-1). Luca Corredoira abriu o marcador para os locais, que marcharon ao descanso cun 3-0 favorable. A Piringalla reduciu diferenzas na segunda metade por medio de Miguel Seoane, pero o San Roque respondeu e acabou ampliando a súa renda. Tsotne e Yelko asinaron cadanseu dobrete.
Máis alternativas deixou a vitoria do Antas no Carboeiro ante O Incio (1-3), na estrea dos locais na categoría. Urdi adiantou moi cedo ao cadro local, pero o Antas conseguiu darlle a volta ao marcador antes do descanso. Alexandre asinou o empate e Carlos completou a remontada. Xa na segunda metade, Alexandre volveu marcar para completar o seu dobrete e establecer o resultado definitivo.
O Friol levou un partido de ida e volta ante o Portomarín (3-4) na estrea oficial de Álex Cortón e Juanma nos bancos dos dous equipos. Marcos Arias adiantou aos visitantes, pero Arturo e Varo déronlle a volta ao marcador. Róber igualou antes do descanso e Cancio devolveu a vantaxe ao Friol cunha falta directa na segunda metade. Daniel Seijas puxo o 3-3 e o encontro chegou igualado aos instantes finais. Xa co Friol con dez por unha expulsión, Marcos apareceu de novo para completar o seu dobrete e decidir o partido no desconto.
Moito máis axustado foi o triunfo do Rubián ante o Santa Comba (1-0). O encontro chegou sen goles ao seu treito final, cando Lagoa conseguiu o tanto que decidiu o partido. O Santa Comba mantívose con opcións ata o remate e contou cunha destacada actuación de Roy baixo paus. O resultado supuxo tamén a primeira vitoria do novo curso para o Rubián de Pasín, mentres que Álvaro estreouse á fronte do Santa Comba despois de exercer anteriormente como segundo adestrador.
Tamén comezou con triunfo o Paradela, que superou ao Ferreira (2-0) nun partido que tivo que trasladarse do Baliño ao Gandarón polo mal estado do terreo de xogo. David Losada adiantou ao conxunto local antes do descanso. O Ferreira buscou a igualada durante a segunda metade e mantívose dentro do encontro, pero non atopou o gol. No treito final, Juan David Díaz anotou o 2-0 que deixou os tres puntos na casa no regreso de Senén ao banco do Paradela.
O único empate do grupo produciuse nos Chacotes. Palas e San Lázaro repartiron os puntos (1-1) nun encontro condicionado polas altas temperaturas. O conxunto visitante, na estrea de Pablo Gómez no seu banco, adiantouse por medio de Borja Candal tras unha xogada colectiva. A vantaxe durou pouco e Pablo López aproveitou un erro nun despexe para establecer o 1-1. A partir de aí escasearon as ocasións e ningún dos dous conseguiu desfacer a igualdade.
O Sarriana B-Chantada B foi o único encontro que non chegou a disputarse. O partido quedou aprazado polas obras que se están a realizar no campo da Ribela, polo que ambos filiais comezarán a competición cun encontro pendente.



