Un club moi por diante nos Máxicos da Primeira
-
- 0
- 6min de lectura
Os Máxicos Salvatierra Abogados viviron o primeiro partido do ano con moita intensidade e emoción. As victorias de Burela, Castro e SD Chantada consolidan aos seus equipos na zona alta da táboa.
A SD Chantada supera ao Monterroso no Sangoñedo (2-1). A superioridade inicial dos chantadinos traduciuse no 1-0 de Pablo nun man a man logo dunha asistencia de Xende e en dous erros do propio Pablo que puideron ampliar a vantaxe. O Monterroso, porén, mantivo a intensidade e medrou co paso dos minutos. Xa na segunda metade, o ímpetu dos visitantes converteuse no 1-1, obra de Martín logo dun gran golpeo desde a frontal. Aí volveu a forza ofensiva dos locais, que puxeron o 2-1, de novo por medio de Pablo, neste caso tras un pase de David. O Monterroso buscou o empate con xogo directo, pero non o conseguiu e os puntos quedaron na vila do Asma.
O Foz mantén a súa boa xeira diante do Meira (2-1). O gol inicial dos meirenses nunha boa transición de Alonso culminada por Farra trastocou ao cadro mariñán, que non logrou empatar ata a recta final do primeiro tempo, cando Aitor rematou un gran pase de Jose. Na segunda metade, os Máxicos focenses melloraron e, a pesar de xogar cun xogador menos durante case media hora, conseguiron premio á súa insistencia logo dunha xogada de Aitor na que asistiu ao seu irmán Álvaro para culminar a remontada no Martínez Otero.
O San Lázaro non levanta cabeza diante do Taboada (0-1). Victoria importante dos Máxicos de Martín Murado contra un cadro celeste que mantivo a orde no primeiro tempo e que se mantivo vivo co bo facer do gardamallas Alejandro, pero un gol de Adri á volta dos vestiarios desnivelou o marcador e obrigou aos de Mincha a buscar o empate. Porén, os visitantes mantiveron as liñas ordenadas e o electrónico non se moveu máis, 0-1 nas Gándaras.
O Outeiro de Rei cae cun enxeirado Xove Lago (0-1). Cando a dinámica é positiva, todo vai de cara. E así sucedeu no Municipal para un Xove Lago que, pese a estar sempre moi intenso e concentrado, viu como o Outeiro errou tres ocasións claras no primeiro tempo. Tras a reanudación o partido igualouse e ambos equipos gozaron de oportunidades: o Outeiro con dominio posicional e o Xove en transicións. Finalmente, a calidade de Cora decidiu o choque co 0-1 cando xa se acariñaba o asubío final do colexiado.
O Castro vence nun Acebreiro en mal estado cun gol de penalti (0-1). Os nervios pasaron factura aos pupilos de Juanma na primeira media hora de xogo, e Álvaro aproveitou unha pena máxima para adiantar aos seus. Porén, o gol visitante deu tranquilidade aos locais, que estrelaron un balón ao pau. No segundo tempo o Castro mantivo o dominio co balón, pero o Pastoricense xeraba perigo con ataques rápidos e con balóns parados nos que estivo moi seguro Josema, o gardamallas de Dumi. Ao final, os puntos marcharon para un Arturo Pereiro no que se recurtan diferenzas co liderado.
O Guntín vence a un errático Oural (5-2). Os sarriáns fixeron o primeiro gol do partido á saída dun saque de esquina e dominaron o comezo do choque, pero un erro defensivo traduciuse nun penalti por man que anotaron os Máxicos locais. A desconexión visitante mantívose ata a recta final do primeiro tempo e o cadro laranxa foi quen de anotar dous goles máis antes do descanso e o cuarto xusto á volta dos vestiarios. Monit recurtou diferenzas (4-2) pero a efectividade dos Máxicos do Ladairo puxo o 5-2 definitivo nun córner cando aínda restaban 20 minutos para o asubío final.
A Milagrosa puntúa na casa do Tomiño e segue viva (2-2). Aínda que os Máxicos de Madriles tiñan un duelo moi duro por diante, controlaron a primeira media hora de xogo e Migui fixo o 0-1 no 32′. A mágoa chegou coa rápida reacción local, co 1-1 no 36′. Porén, Joel devolveu a vantaxe aos seus no comezo da segunda metade e desde os once metros, pero o Tomiño demostrou a súa fortaleza e voltou reaccionar aos poucos minutos para poñer o 2-2 que se tornou definitivo.
O Lourenzá supera a un Santaballés pouco efectivo (2-0). A primeira parte foi dos locais, que manifestaron a súa superioridade con máis posesión e cun gran gol de Yago Cruña, que anotou pola escadra desde o pico da área. O gol supuxo a reacción dos Máxicos de Freire, que non estiveron atinados de cara a portería e non foron quen de igualar. Tampouco na segunda metade puideron os chairegos perforar a meta dun gran Clemente, ata que unha falta lateral a prol dos locais supuxo o 2-o definitivo na Santa Cruz.
O Burela asalta A Cheda e mantense como favorito (0-1). Foi un partido propio do que estaba en xogo. Ningún dos Máxicos quería sufrir na zona defensiva e o xogo directo, para evitar erros, foi protagonista en Lugo. A Residencia dispuxo das máis claras por medio de Rois na primeira metade, mentres que o Burela procuraba contragolpear, sen éxito. No segundo tempo cambiou o guión.
O esforzo físico pesoulle a unha Resi que tivo chegadas claras con centros laterais, mentres que os mariñáns someteron aos branquiazuis con accións rápidas e balóns parados. Nun deles, un córner botado ao segundo pau no minuto 88′, Yago rematou o envío e puxo o único gol da tarde para desatar a tolemia entre os seus.
Resultado xusto entre o Chantada Atlético e o filial do Racing Villalbés (1-4). Os chairegos foron claros dominadores do xogo desde o primeiro intre e, aínda que os Máxicos de Edu reaccionaron ao gol inicial dos visitantes, o resultado no minuto 25′ xa marcaba un 1-3 que se antoxaba curto. Na segunda metade, os de Iván Lamas mantiveron o control do choque e fixeron un gol máis para pechar un partido cun claro dominador no Sangoñedo.