Magníficas noticias na Terceira RFEF, onde os dous representantes lucenses colleitaron sendas vitorias nesta última data. O PM Friol consolídase na zona alta da táboa despois de impoñerse ao Real Oviedo B. Custoulle entrar en xogo ao equipo da Reigosa. Despois de varios sustos, as ovetenses adiantábanse cun tanto en propia porta.
Ana Castro apareceu a tempo para igualar o choque antes do tempo de lecer. No segundo acto, o PM Friol foi máis recoñecible e superou ao seu rival. A antiga porteira Isabel marcou nada máis saír e liderou unha goleada que ela mesma pechou.
O CD Lugo logrou un triunfo fundamental ante un rival directo pola salvación. O cadro albivermello tivo problemas de adaptación ás dimensións do terreo de xogo nos primeiros compases. Por iso, chegou o tempraneiro 1-0 do Llanera. O equipo de Joaquín Blanco non se veu abaixo e fíxose co mando do encontro.
Empatou e dispuxo de dúas boas oportunidades para a remonta antes do tempo de lecer. As capitalinas mantiveron o control no segundo acto e puxéronse por diante a quince minutos para a conclusión. Tocou sufrir e aguantar o arreón final do Llanera pero os tres necesarios puntos foron para as nosas.


Valioso empate do PM Friol B ante o Orzán na Primeira Galicia
O segundo clasificado da Primeira Galicia, o Orzán, non pasou do empate ante o filial do PM Friol. As de Geluco Villar realizaron un partido serio, deixando a súa porta a cero, ante un dos rivais máis complicados da categoría. Un punto tan valioso como insuficiente, xa que as da Reigosa seguen unha xornada máis en postos de descenso.
O San Roque volve ao play off e o Antas puntúa por partida dobre
O San Roque regresa a postos de play off tras non ter piedade cos Miúdos. As de Muros plantaron cara durante unha primeira metade na que as verdibrancas non atopaban con facilidade os espazos. As de Quiroga desatáronse na reanudación, coa escandalosa cifra de oito goles, e quedan a dous puntos do líder. María e Saray asinaron dous tantos cada unha.
O Antas sumou dous puntos esta pasada semana. Un o mércores no aprazado ante o Silva e outro esta pasada fin de semana ante o Brexo Lema. A gripe e as baixas condicionaron o primeiro dos encontros. Dani Abelairas moveu posicións para configurar o mellor once posible. E a aposta saiu perfecta de saída. Aos dez minutos, as da Ulloa mandaban por 0-2 con dous tantos de Nuria.


Co paso dos minutos, un Silva moito mais fresco aumentou o seu perigo nun partido sin dominador claro. Xa na primeira metade, un erro individual reducía a vantaxe lucense. Na reanudación mandaron as coruñesas, que lograron empatar a balón parado. A porteira Mel evitou unha goleada con intervencións de mérito e deulle un saboroso punto ás de Dani Abelairas.
A última das citas das do Castro Seoane non deixou un bo sabor de boca. Mal encontro do Antas ante o Brexo Lema en todos os aspectos. A gripe e a carga de partidos (tres en sete días) propiciaron o peor encontro do curso. Un empate sen goles con claro sabor a derrota.
O Chantada deixou unha boa imaxe a pesares de colleitar unha nova derrota. Notable traballo das de Jorge González ante un Mos B que mostrou a súa calidade. As baixas do cadro vermello e pequenos fallos puntuais, explican a goleada visitante.
A sorte tampoco sorriu a unha Milagrosa que encaixou gol na primeira acción do seu encontro ante o Orzán B. O equipo de Felipe, cheo de xogadoras cadetes, correu e loitou sen premio. Os erros penalizaron ás branquivermellas, que tiveron un partido moito máis disputado do que reflicte o 5-0 final.
O CD Lugo B imponse con claridade no derbi da Terceira Galicia
O CD Lugo B mantivo o primeiro posto da Terceira Galicia con man de ferro. Nun encontro tenso e incluso duro por momentos, o Carballedo aguantou ata o primeiro gol do filial albivermello. A partires de aí, as de Diego Rey amosáronse superiores. Especialmente na segunda metade. O 2-0, xusto antes do descanso; e o 3-0, nada máis voltar dos vestiarios; resultaron decisivos. Candela Otero fixo dous goles.

O Monte Forte ameaza a zona de play off de ascenso despois dun plácido triunfo na casa. As de Cristian Penas controlaron en todo momento o seu partido ante o Arenteiro B. Dispuxeron de multitude de ocasións, pero só quixeron entrar catro delas. As dúas últimas xa nas postrimerías do encontro. Henar asinou un ‘dobrete’.

Partido para olvidar do San Lázaro no feudo do Cruces. O equipo de Luchi viviu unha mañá de pesadelo na que o rival o superou por completo, tanto en intensidade como en gañas.
Non lle foi moito mellor ás veciñas da Comercial. O equipo de Vicky realizou unha mala posta en escena. A desconcentración e falta de orde das capitalinas, unido ás baixas do equipo vermello, pasaron moita factura á Comercial. Noa fixo de porteira de circunstancias. As súas boas intervencións non bastaron para rascar un resultado positivo ante o Taragoña.
Resultados da xornada
PM Friol 5-1 Real Oviedo B
Llanera 1-2 CD Lugo

PM Friol B 0-0 Orzán
San Roque 9-0 Os Miúdos
Antas 0-0 Brexo Lema
Silva 2-2 Antas* (aprazado)
Chantada 0-5 Mos B
Orzán B 5-0 Milagrosa
CD Lugo B 5-0 Carballedo
Monte Forte 4-0 Arenteiro B
Comercial 1-5 Taragoña
Cruces 7-0 San Lázaro

