Álex Vázquez é o novo adestrador do Muimenta. Álex Vázquez (terceiro na foto comezando pola esquerda) chega ao club celeste na penúltima xornada da primeira volta. O equipo é penúltimo clasificado na zona norte da Segunda a dous puntos da salvación. Álex Vázquez debuta este sábado na visita do Muimenta á Candelaria (A Granda, 16:00h). Álex Vázquez substitúe a Manuel Veiga. O técnico de Roás non estivo co equipo a pasada finde por motivos persoais. A súa saída oficial produciuse esta semana.
Os datos das trece primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Pastoricense e Xermade (un partido)
- Todos os equipos conseguiron, polo menos, unha vitoria no que vai de liga
- Equipos que máis puntuaron: Pastoricense (32 pts)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (36 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Iberia (8 goles)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (16 goles)
- Tendo en conta as últimas tres xornadas…
- Equipos na mellor xeira: Pastoricense (sete vitorias consecutivas), San Ciprián e Friol (tres triunfos seguidos)
O Pastoricense mantense na cabeza por segunda xornada
O Pastoricense é o equipo máis en forma da Segunda Rexional na provincia. Leva sete vitorias seguidas. Sumou a décima ante o Cabreiros. Acumula 32 puntos e ten dous de marxe sobre o Racing B. Conta con doce de vantaxe con respecto ao sexto clasificado.
O Pastoricense adiantouse cedo no Acebreiro por medio de Adrián Lorigados. Aos vinte minutos os locais marcaron o segundo con gol de Kanuto. Con todo, o Cabreiros tivo o seu momento a pesar de contar só con once xogadores. Marcaron o 2-1 antes do descanso.
No segundo tempo, os visitantes puideron empatar. A partir do minuto 70, espertou o Pastoricense que dominou ata o final. Nunha gran xogada de Manu Penedo que anotou o terceiro. Dani Teixeira marcou o cuarto.


O Racing B vence no Pichón
O filial racinguista sacou os tres puntos ante o Muimenta. É segundo a dous puntos do liderado. Os locais deron a cara ante un rival da zona alta. Foi un primeiro tempo onde o cadro visitante xerou algunha ocasión, pero sen despregar todo o seu fútbol. De feito, adiantouse o Muimenta nun bo gol de Morán.
Antes do tempo de lecer, o Racing B empatou nun penalti discutido por medio de Alfredo. No segundo acto, ambos equipos tiveron opcións para poñerse por diante. Na recta final, tras un centro lateral, o colexiado volveu asubiar penalti por man de Julio. Adrián marcou o segundo para o filial.
O Muimenta encaixou a oitava derrota seguida.Non se sentou no banco Manuel Veiga por motivos persoais. Con todo, dende esta semana xa non é o adestrador.

O Muimenta inicia un novo proxecto dándolle a oportunidade no banco a Álex Vázquez. Será a primeira experiencia sénior para Álex como primeiro adestrador. Álex Vázquez foi xogador, árbitro e agora técnico. Actualmente está na base do CD Lugo. Anteriormente foi coordinador das categorías base do Corgo. Tamén foi segundo adestrador de Brais Prados no Castro e na Sarriana.

O Iberia volveu gañar
O Iberia volveu ao camiño da vitoria ante a Candelaria. Queda a tres puntos do líder Pastoricense. Ten nove de diferenza con respecto á sexta praza (que suporía estar fóra da promoción de ascenso).
O vento foi protagonista nun partido no que ao Iberia lle custou adaptarse. O segundo acto foi mellor para os locais coa dirección do aire a favor. Con todo, o encontro podería ser de 0-0, senón fose que Franchi conseguiu o único gol do partido.
O xuvenil Lucas estreouse co primeiro equipo en partido oficial. Ocupou a posición de extremo dereito.
O San Ciprián suma a terceira seguida
O Mondoñedo atrás en bloque medio baixo. O Sanci tiña o control do balón. Eles estaban cómodos intentando roubar en zonas medias para poder saír en transición. Así chegou o gol que abriu o marcador.

Custoulle o Sanci atoparse no partido. Si o fixo no segundo tempo. Antón empatou nunha falta frontal lanzada de xeito directo. Joao rematou unha boa acción por banda de Bruno para marcar o segundo. Bruno logrou o terceiro para sentenciar.

O Folgueiro resiste no play off
Primeira metade competida entre o Folgueiro e a Comercial. Os locais tiveron ocasións pero Joshua estivo inmenso baixo paus. E todo co propio porteiro sufrindo unha lesión que tivo que retirarse no descanso. O central Juan tivo que poñerse baixo paus no segundo tempo.
A Comercial conseguiu igualar dúas veces. Logo impúxose a capacidade goleadora do Folgueiro. Erni tivo unha desas grandes tardes como cando xogaba na Terceira ou na Preferente. Marcou tres goles.
Pontenova e Xermade gañan e agardan a beira da promoción
A Pontenova e o Xermade gañaron tamén nesta xornada e quedan a un punto do play off. A Pontenova superou a un Abadín que acudiu a cita sen porteiro. Carracedo exerceu baixo paus. O Xermade superou no derbi ao Roupar. Un partido adiantado e xogado xa o festivo 6 de decembro.
Cospeito e Alfoz empatan para seguir na metade dá táboa
Un punto que polo menos lles permite facer colchón con respecto a zona baixa. Ningún equipo dos postos baixos conseguiu puntuar nesta xornada.
O Cabreiros é 13º con once puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición tamén con once puntos. En descenso directo están o Muimenta (9 pts.) e o Roupar (4 pts.).

O Oural pica ante o Palas
O Palas foi quen de curtar a boa xeira de resultados que acumulaba o Oural. Estivo acertado de cara o gol e realizou un gran traballo defensivo. A pesar da derrota, o Oural segue lider con tres puntos de marxe.
O Friol suma a terceira seguida
O Friol continúa na boa senda. Agora está a tres puntos do primeiro posto. Costoulle abrir a lata ante o Quiroga pero pouco a pouco afianzouse no partido ata golear.
O Becerreá irrompe con forza no terceiro posto ao superar a un rival directo como o Antas. Está a cinco puntos da cabeza e aínda ten un partido pendente de xogar.
O San Lázaro venceu ao Incio para manterse en postos de promoción. Os locais puxéronse por diante cedo cun gol de Héctor a pase de Cepeda. Antes do tempo de lecer, empatou o San Lázaro.
No segundo tempo, o xogo estivo máis condicionado aínda pola lama. Houbo ocasións en ambas áreas que costaba finalizar por esa circunstancia. O San Lázaro logrou o segundo. Puido empatar o Incio no tempo extra. Samuel rematou a porta baleira, pero o balón freou na lama e a defensa rival conseguiu despexar.
O Brollón volveu ao camiño do triunfo. Foi nun encontro sen moitas ocasións. Venceu pola mínima ao Carballedo.
O Paradela venceu o Ferreira
Foi un encontro igualado na primeira parte. O Paradela púxose por diante. Na segunda parte o Ferreira dominiou e tivo ocasións. Pero José Ángel estivo inmenso baixo paus.
O San Roque recuperou sensacións de vitoria ante o Lemos B. Ambos equipos sumaban cinco partidos sen gañar. Pero o cadro de Montirón acumulaba catro derrotas consecutivas.
Notábase no ambiente que ningún dos equipos quería perder. Antes do descanso, puxéronse por diante os locais. Aproveitaron o rexeite dunha acción a balón parado.
O encontro foi igualado cun Lemos B que afrontaba o partido con varias baixas. Na segunda metade o San Roque Foi medrando no partido. Foi na recta final do partido cando os locais sentenciaron á contra.
O Chantada B gaña por primeira vez nun duelo clave
Xogaron os dous equipos que ocupan postos de descenso directo. O Chantada B impúxose ao Sporting Lucense. Gañou o seu primeiro partido na tempada. Os primeiros tres puntos dende que Jorge González pasara a dirixir o equipo. Anteriormente sumaran seis en seis empates.
O filial chantadés dominiou o encontro. O Sporting Lucense acusou as baixas e encaixou un gol moi cedo. O Chantada B xerou moito perigo, principalmente a balón parado.
O Incio é 13º con once puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición con dez puntos. En descenso directo están o Chantada B (9 pts.) e o Sporting Lucense (7 pts.)

Noticia en ampliación co ‘Noso 11 A Chaira’ dá décimo terceira xornada.
Foto: Brais Prados (twitter).