O partido da xornada . . . C.D. Foz – U.D. Xove Lago: os de Sancosmed poñen a proba ao intratable líder

O vetusto campo focense do Martínez Otero acollerá o domingo ás 17 horas un derbi mariñán do máis interesante. C.D. Foz e U.D. Xove Lago, equipos con pasado máis glorioso en categorías superiores pelexan por voltar a unha Preferente na que escasean os equipos da Mariña lucense. Ámbolos dous deron un paso adiante nesta temporada, respecto da inmediatamente anterior. O Foz, logo dun bo ano no que coqueteou cos postos de ascenso, non puido no último tramo ligueiro aguantar o tirón dos primeiros. O Xove Lago salvou a categoría logo dunha temporada irregular na que un mal arranque privoulle de optar a cotas maiores.

O C.D. Foz se logra o triunfo ante un Xove Lago que llo porá difícil, verá o ascenso máis preto

Este ano, os de Gayol encabezan a clasificación de Primeira Autonómica e palpan o ascenso, mentras que os xovenses pelexaron durante toda a primeira volta na zona de privilexio, pero un mal comezo de 2018 alonxounos dela. Malia iso, ocupan un meritorio sexto posto.

O cadro local afronta o encontro líder en solitario, logo do sorprendente empate da S.D. Sarriana ante o A.C.D. Xermade, pechacancelas da categoría. Xa choveu, cicloxéneses de por medio, desde a última derrota dos focenses. Foi o 5 de novembro no seu campo ante o Chantada. Desde aquela, quince encontros dos que catorce remataron en victoria, cedendo só un empate nas Rapadas ante o Páramo. Javi Chinchón,  aposta “por non levantar o pé. Queremos seguir na ola boa, o vestiario está moi motivado e moi unido e adestrando a tope, sabendo que non podemos relaxarnos“. Para o veterano xogador focense, o derbi “é unha final máis de cara a conseguilo obxectivo do ascenso, de aquí ao final non queremos baixalo ritmo“. É consciente das dificultades que lles porá o Xove Lago, “están a facer unha magnífica temporada, a pesar de que nas últimas semanas baixo algo. Ofensivamente son moi perigosos, Juanjo e Chao son grandes goleadores“, apunta Chinchón.

Conxunto inicial do C.D. Foz no encontro diante do Taboada

O Xove Lago non puido resistir o ritmo do seu rival do domingo e da Sarriana. Un mal comezo de segunda volta con catro derrotas consecutivas fixeron que voase o soño do ascenso para o equipo dirixido por Miguel Sancosmed. Ademáis a lesión de Pablo Rego, de longa duración, e a negativa de voltar a vestila camiseta xovense de Aitor, fixo que o que xa era un plantel curto se quedase en cadro. Un dos xogadores diferenciáis do equipo, Diego Chao indica que “a pouca profundidade de plantilla foi a clave de non poder aguatalo tirón dos dous equipos que están en ascenso. Se puideran chegar xogadores no mercado de inverno creo que seguiríamos loitando polo ascenso“. De cara ao derbi do domingo “chegamos nun bo momento tanto de xogo como de moral gracias, sobre todo aos resultados positivos e ás sensacións dos últimos encontros” apunta o atacante viveirense, que suma trece dianas na liga. Do rival do domingo, o C.D. Foz, Diego Chao destaca “sobre todo os seus xogadores de mediocampo para adiante que teñen moitísima calidade e poden facer gol en calquer xogada. Sabemos que outro dos seus puntos fortes é o balón parado“.

Diego Chao, xunto con Juanjo, son os referentes ofensivos dos de Sancosmed

 

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

Racing Vilalbés – C.F. Noia (Domingo ás 17 h. na Magdalena): logo do importante triunfo no campo do Alondras, os chairegos tentarán derrotar ao Noia, en postos de descenso pero en traxectoria ascendente.

Preferente Norte

Atlético Escairón – Ordes S.D. (Domingo ás 17 h. no Municipal do Saviñao): logo de dúas derrotas consecutivas, os de Charlie buscarán un triunfo básico para alcanzalo obxectivo da permanencia, ante un Ordes asentado na zona media.

O Escairón tentará blindalo Municipal para lograla ansiada permanencia

C.D. Castro – Atlético Arteixo (Domingo ás 17 h. no Arturo Pereiro): ámbolos dous equipos chegan empatados a puntos mirando de reollo os postos de promoción de ascenso, pero o Castro cun partido menos. Partidazo que deixará claro quen seguirá loitando polos postos cabeceiros.

Ribadeo F.C. – Betanzos (Domingo ás 17 h. no Pepe Barrera): os pupilos de Fiz Rodríguez buscarán volta á senda do triunfo para manter cando menos a terceira posición, ante un rival necesitado para escapar dos postos de perigo, por mor dos arrastres.

Marcos Peña, clave na seguridade defensiva do Ribadeo

Viveiro C.F. – U.D. Paiosaco (Domingo ás 17 h. en Cantarrana): rival de envergadura pra un Viveiro que chega cargado de moral logo do triunfo no último minuto no campo do Betanzos.

Primeira Autonómica

C.D. San Ciprián – A.C.D. Valadouro (Domingo ás 16:30 na Veiga): os locales acumulan cinco encontros sen gañar e poden verse en apuros, pero non o terán doado ante un Valadouro que encadea dous triunfos consecutivos.

A.C.D. Xermade – Ferreira C.F. (Domingo ás 16:30 no Municipal): encontro entre os dous últimos clasificados. Finalísima, na cal o que gañe seguirá con aspiracións de mantela categoría.

O Ferreira, logo da derrota ante o Taboada, apura as súas opcións de permanencia

Segunda Autonómica

E.D. Lourenzá – S.D. Pol (Domingo ás 17 h. en Santa Cruz): logo do triunfo ante o Guitiriz, o Pol chega en postos de ascenso. Pola súa parte, os de Diego Rego pincharon ante o Iberia e na casa quererán recuperalo terreo perdido.

O Lourenzá non pode fallar na casa se quere optar ao ascenso

Gutiriz S.D. – S.D. Burela (Sábado ás 16:30 no Suso Cruz): dez triunfos consecutivos e catorce xornadas sen perder son a carta de presentación do Burela, líder da categoría. Pero o rival, terceiro na táboa, tan só perdeu un encontro no seu campo e tentará voltar aos postos de ascenso.

S.D.C. San Lázaro – Chantada Atl. (Domingo ás 16:30 na Ponte): as dúas últimas derrotas distanciaron aos lucenses dos postos de ascenso, mentras que os chantadinos son terceiros e chegan logo de golear nos últimos encontros como local.

Terceira Autonómica

O Incio Terra Brava C.F. – C.D. Corgo (Sábado ás 16:30 no Carboeiro): encontro entre os dous primeiros clasificados da promoción de ascenso. Unha victoria do Corgo deixaríao con pé e medio en Segunda.

S.D. Paradela – C.D. Río Sil (Domingo ás 16:30 no Gandarón): ao igual que na promoción de ascenso, no Grupo Sur, tamén se enfrontan os dous equipos que lideran a clasificaicón. O Paradela no caso de gañar daría un paso de xigante, xa que, disputou un encontro menos que o rival.

 

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario