Xove Lago e Portomarín conseguiron as súas primeiras vitorias na sexta xornada da Segunda Futgal, polo que xa non queda ningún equipo dos dous grupos sen saber o que é gañar. O conxunto mariñán superou ao Xermade (4-0), mentres o cadro dirixido por Álex Cortón venceu ao Incio (3-2). A outra gran actuación da fin de semana levou a sinatura de Muiña, autor dos tres goles do Castro no triunfo en Meira (2-3) e novo máximo realizador do grupo norte con seis tantos.
No sur, Portu continúa mandando entre os goleadores con sete, despois de volver aparecer na recta final para darlle ao Antas o Derbi da Ulloa ante o Monterroso B (3-2). O club do Castro Seoane volve ao liderado do sur. Dáse ademais unha curiosa coincidencia: Muiña e Portu, actuais máximos goleadores de cadanseu grupo, foron os dous protagonistas escollidos por Futbolinlugo para a previa da temporada no mes de setembro. Por detrás do xogador do Castro aparecen Aleixo, da Candelaria, e Barrera, do Iberia, con cinco goles; mentres no sur perseguen a Portu Yelko, do San Roque, o seu compañeiro Álex e Marcos Arias, do Friol.
Pola súa parte, o Pastoricense recuperou o liderado do grupo norte con 16 puntos, os mesmos que o Iberia, pero cunha mellor diferenza de goles.
A clasificación comeza ao mesmo tempo a debuxar as primeiras diferenzas. No norte, Pastoricense e Iberia abren camiño, co Guitiriz terceiro con 13 puntos tras encadear catro triunfos. Alfoz e Castro teñen 12; o Celta Barreiros, 11; e Goiriz, Candelaria e Mondoñedo forman un trío con dez. A partir de aí ábrese un pequeno corte cara a unha zona baixa na que os tres últimos postos implican esta temporada descenso directo, sen esquecer os posibles arrastres.
No sur, pola contra, a loita pola cabeza está especialmente comprimida. Aos 13 puntos de Antas, Paradela e Friol séguenlles Sarriana B e Santa Comba con 12. San Lázaro, Monterroso B e Rubián teñen nove; o Palas, oito; San Roque e Chantada B, sete; e Ferreira e O Incio, con seis, manteñen unha pequena marxe sobre o descenso. Nesas tres últimas posicións aparecen o Corgo, con catro puntos, e A Piringalla e Portomarín, con tres.
Todo isto deixa paso a unha sétima xornada que chegará xa en pleno horario de inverno: na madrugada do sábado ao domingo os reloxos atrasaranse unha hora, circunstancia a ter en conta nunha tarde dominical cargada de fútbol. Antes diso, imos co #ONoso11AChaira.

GRUPO 1
O Pastoricense recupera o liderado nun duelo de altura
O Pastoricense regresou ao primeiro posto ao superar ao Alfoz (0-2) nun encontro entre dous dos equipos que mellor comezaron a temporada. Os locais entraron mellor e xeraron varias ocasións durante a primeira media hora, nun primeiro acto especialmente condicionado polo forte vento. O Pastoricense, que xogou inicialmente en contra del, conseguiu resistir e chegar ao descanso sen encaixar.
O escenario cambiou na segunda metade. Os visitantes gañaron presenza e Lorigados abriu o marcador nunha xogada de estratexia á saída dun córner. Foi un tanto especial para o futbolista, o primeiro en partido oficial desde o seu regreso ao Pastoricense. Máis tarde, Cristian ampliou a diferenza cunha acción individual culminada cunha vaselina desde fóra da área. Tamén el estreou a súa conta goleadora esta temporada.
O partido deixou dúas expulsións na mesma acción. Iago Goás, que acababa de entrar no Pastoricense, e Dani Jiménez, do Alfoz, viron o cartón vermello.
O Pastoricense alcanza os 16 puntos e recupera o liderado pola súa mellor diferenza de goles respecto ao Iberia. O Alfoz, pola contra, encadea dúas derrotas despois de comezar o curso cun pleno de catro triunfos e queda con 12 puntos.
O cadro de Pastoriza continúa ademais pendente do alcance da lesión de Kanu, mancado na anterior xornada. O seguinte compromiso será especial: derbi ante o Meira no Acebreiro, o sábado ás 17:00 horas.
O Derbi das Praias marcha para San Miguel
O Iberia levou o Derbi das Praias ante o Celta Barreiros (1-2) e continúa igualado a 16 puntos co Pastoricense. O conxunto de San Miguel ocupa a segunda posición, a única praza de promoción de ascenso.
Os visitantes foron superiores durante a primeira metade e deixaron encamiñado o triunfo con dous goles nun curto intervalo. Mati e Ángel colocaron o 0-2 antes do descanso. Para Mati foi ademais o seu primeiro gol en partido oficial coa camisola do Iberia. O defensa arxentino chegou ao final da pretemporada, despois de completar catro campañas no Ribadeo.
Na defensa do Iberia tamén se consolidou Pepe Mesas, titular por segunda semana consecutiva. O central procede do fútbol madrileño, aínda que levaba varias temporadas sen xogar por mor dunha lesión de longa duración.
O Celta reduciu distancias entre liñas na segunda metade, incorporou xogadores de refresco polas bandas e foi medrando co avance do encontro. Montoya foi expulsado no tramo final e, xa nos últimos minutos, Miguel Andina conseguiu o 1-2. A reacción non chegou a tempo para evitar que os tres puntos marchasen para San Miguel.
Na portería local mantívose René Fraga por terceira xornada consecutiva. Os tres primeiros encontros da temporada disputáraos Kemer. René asumiu posteriormente a titularidade: regresou este curso ao Celta Barreiros despois do seu paso polo Lourenzá.
O Celta, que queda con 11 puntos e visita ao Guitiriz a próxima finde, perde a Montoya por dous partidos, logo da sanción imposta polo Comité de Competición. Mentres tanto, o Iberia afrontará o domingo ás 17:00 horas outro dos grandes encontros da sétima xornada coa visita do Alfoz.

Catro vitorias seguidas disparan ao Guitiriz
O Guitiriz ascendeu á terceira posición con 13 puntos tras golear ao Riotorto (0-6) e encadear a súa cuarta vitoria consecutiva. O encontro mantívose equilibrado durante a primeira media hora, pero os visitantes foron aumentando o ritmo e acabaron trasladando a súa superioridade ao marcador.
Sergio Campello abriu a conta e Novo ampliou a diferenza para establecer o 0-2 co que se chegou ao descanso. Na continuación marcaron Daniel Morandeira, de novo Sergio Campello para completar o seu dobrete, Mauro Castelo e Daniel Carral.
A progresión do Guitiriz é notable. Despois de sumar un único punto nas dúas primeiras xornadas, gañou consecutivamente a Xermade, Abadín, Xove Lago e Riotorto e suma xa 13 de 18 posibles. O domingo ás 16.30 horas recibirá ao Celta Barreiros.
A outra cara é a do Riotorto, que queda último con tres puntos. A seguinte xornada lévao precisamente ao campo do Xermade, penúltimo tamén con tres, nun duelo directo o domingo ás 16.30 horas.
Muiña toma o mando dos goleadores cun hat-trick
O Castro levou os tres puntos da súa visita ao Meira (2-3) nun duelo de proximidade que converteu a Muiña no máximo goleador do grupo norte. Os locais golpearon nada máis comezar por medio de Seixosmil e conservaron o 1-0 ata o descanso.
O Castro medrou na segunda metade e Muiña igualou desde o punto de penalti. O Meira recuperou a vantaxe, tamén desde os once metros, por medio de Farra, pero outro penalti permitiu ao mediapunta visitante facer o 2-2. Co encontro aberto, Muiña volveu aparecer para completar o seu hat-trick e establecer o 2-3.
O partido deixou tamén a reestrea de Nico Edrosa co Castro, que volveu o club despois de formar parte o curso pasado do Outeiro. O Meira chegou a estrelar un balón no pau nun encontro que permaneceu aberto ata o final.
Os tres goles colocan a Muiña con seis, un máis que Aleixo e Barrera. O Castro alcanza os 12 puntos, igualado co Alfoz e a un só do terceiro posto.
O Meira, pola súa banda, queda con catro puntos e ocupa a 14.ª posición, xa de descenso directo. O formato desta temporada establece tres descensos directos en cada grupo lucense, aos que poderían engadirse posibles arrastres desde Primeira Futgal, unha circunstancia que castigou especialmente á zona norte o curso pasado. A seguinte cita dos meiregos será o derbi ante o líder Pastoricense, o sábado ás 17:00 horas no Acebreiro.
Nico Santomé impulsa ao Goiriz cun dobrete
O Goiriz superou ao Cabreiros (0-2) cun dobrete de Nico Santomé, autor dun gol en cada metade. Os visitantes foron facéndose co control do encontro e conseguiron adiantarse antes do descanso.
Nico volveu aparecer nada máis comezar a segunda parte para deixar o partido moi encamiñado. O Goiriz mostrouse sólido para conservar a vantaxe e completou a que, segundo a propia valoración visitante, foi a súa mellor actuación da temporada.
O triunfo permite ao Goiriz alcanzar os dez puntos, nunha xornada na que tamén gañaron Candelaria e Mondoñedo, os outros dous equipos cos que comparte puntuación. Nico Santomé suma ademais tres goles nas dúas últimas xornadas, despois de marcar tamén ante a Candelaria.
O Cabreiros queda con catro puntos e visitará o sábado ás 17.00 horas ao Catro Roldas, nun encontro no que poderían aparecer algunhas das recentes incorporacións do cadro de Román.
Aleixo guía a terceira vitoria consecutiva da Candelaria
A Candelaria encadeou o seu terceiro triunfo seguido ao remontar ante o Catro Roldas (3-2). Os visitantes golpearon primeiro por medio de Danny Yáñez e marcharon con vantaxe ao descanso.
Na continuación apareceu Aleixo para empatar, pero Samu Orosa devolveu rapidamente a vantaxe ao Catro Roldas. Apenas cinco minutos máis tarde, Aleixo volveu marcar e completou o seu dobrete. Superado o minuto 80, un erro visitante propiciou o gol local.
Aleixo atravesa un excelente momento: despois do dobrete ante o Cabreiros e do gol da vitoria contra o Goiriz, suma outros dous e alcanza cinco tantos nas tres últimas xornadas.
O encontro volveu deixar a Esteban Carracedo baixo paus. O capitán e defensa continúa dando a cara como gardameta ante a lesión de Carmelo. O Catro Roldas xa se moveu no mercado e tramitou a ficha de Ignacio Picaza ‘Nache’, que levaba dous cursos sen competir despois da súa última experiencia no Matela, en Terceira Futgal na 2023/24. Con todo, é probable que non poida estar dispoñible en todos os encontros. O club de Román incorporou tamén ao lucense David Fernández e alcanza xa as 24 fichas.
A Candelaria chega aos dez puntos e o domingo ás 16.00 horas visitará ao Castro, nun partido que enfrontará ademais a dous dos grandes goleadores do inicio de curso, Muiña e Aleixo. O Catro Roldas queda con catro e recibirá o sábado ao Cabreiros.
O Derbi do Fiouco queda na casa en plenas San Lucas
O Mondoñedo levou o Derbi do Fiouco ante o Abadín (3-2) nunha fin de semana especialmente sinalada. O encontro disputouse o sábado ás 12.00 horas para que futbolistas e afeccionados puidesen gozar despois do ambiente das San Lucas.
O Abadín entrou con intensidade, pero o Mondoñedo foi tomando o control e Javi Álvarez abriu o marcador cun gran disparo á escadra. A resposta foi inmediata e Jesús Ferreiro estableceu o empate. Os locais recuperaron a vantaxe cun lanzamento de David Rivas desde a frontal e, antes do descanso, Javi Álvarez completou o seu dobrete cunha chilena para colocar o 3-1.
Jesús Ferreiro tamén asinou o seu segundo gol na continuación e devolveu a emoción ao derbi. O Mondoñedo quedou posteriormente con dez pola expulsión de Iago Pena, pero conservou a vantaxe e mesmo dispuxo de opcións por medio de Acebo, Gacio e Youseff para ampliar a diferenza.
Javi Álvarez encadea dous dobretes consecutivos, despois dos dous goles anotados unha semana antes no 3-3 ante o Cabreiros. O triunfo serviu precisamente para que o Mondoñedo se resarcise daquela xornada na que deixara escapar unha vantaxe de tres tantos.
No Abadín houbo unha circunstancia especial na portería. A sanción de Iker Felpeto levou ao club a tramitar a ficha de Raúl Santor, recuperado para a ocasión e titular no Derbi do Fiouco. É a última incorporación dun plantel que alcanza xa as 24 fichas. Antes chegaran o lateral e extremo Pablo Vilarín, autor do gol do triunfo no seu debut ante o Xermade, e Adri Reigosa.
O Mondoñedo alcanza os dez puntos, igualado con Goiriz e Candelaria. O Abadín queda na décima posición con seis.
Na próxima xornada, o Abadín recibirá o domingo ás 16.30 horas ao Xove Lago e aproveitará a cita para estrear ante a súa afección no campo o himno da entidade, creado pola banda euskaldun La Txama. O Mondoñedo recibirá á mesma hora ao Goiriz no Viñas da Veiga.

O Xove Lago tamén sabe o que é gañar
O Xove Lago estreou a súa conta de vitorias ao superar ao Xermade (4-0). Os locais levaron a iniciativa desde o inicio, xeraron numerosas ocasións e abriron o marcador antes dos vinte minutos por medio de Dani Martínez.
O cadro xermadés chegou ao encontro nunhas circunstancias especialmente difíciles: desprazouse con só once futbolistas e sen un porteiro específico, polo que Diego Bellas ‘Chungui’ tivo que colocarse baixo paus. Para complicar aínda máis a situación, un futbolista visitante lesionouse nos primeiros compases e o equipo tivo que continuar con dez e sen posibilidade de realizar cambios.
A pesar das circunstancias, o Xermade conseguiu chegar ao descanso só co 1-0 en contra. Na segunda metade, o Xove trasladou ao marcador a súa superioridade e Sasha, Cobo e Cley completaron o 4-0. Hossu foi expulsado no tramo final, polo que os visitantes acabaron con nove.
O Xove alcanza os catro puntos e abandona a última posición. O Xermade queda penúltimo con tres, os mesmos que o Riotorto. Os dous enfróntanse o domingo ás 16.30 horas no Municipal de Xermade nun partido de enorme importancia na zona baixa, especialmente nun curso no que os tres últimos descenden directamente, sen esquecer os posibles arrastres.

GRUPO 2
Portu devolve ao Antas ao liderado no Derbi da Ulloa
O Antas recuperou o primeiro posto do grupo sur ao superar ao Monterroso B (3-2) no Derbi da Ulloa. Os visitantes estiveron máis cómodos durante boa parte da primeira metade e Joselu abriu o marcador mediado o primeiro acto. Pouco despois, Valdés aproveitou un rexeitamento para establecer o empate.
O Antas mellorou na continuación e Álex Fernández, incorporado desde o banco, aproveitou un erro visitante para facer o 2-1. O Monterroso B non se rendeu e o xuvenil Martín Aramburu conseguiu o 2-2 superado o minuto 80.
Pero faltaba Portu. Despois do hat-trick que unha semana antes permitira ao Antas igualar un 4-1 ante o Corgo, o extremo volveu aparecer na recta final para facer o 3-2 e deixar o Derbi da Ulloa no Castro Seoane.
O gol eleva a Portu ata os sete tantos, converténdoo no máximo realizador do grupo sur. O Antas alcanza os 13 puntos e recupera o liderado pola súa mellor diferenza de goles respecto ao Paradela. Xa ocupara o primeiro posto na segunda xornada.
A seguinte parada será o domingo ás 16.30 horas no campo do Rubián, mentres o Monterroso B, sétimo con nove puntos, recibirá o sábado ás 17:00 ao Friol.
O Paradela frea a súa serie ante o Palas
O Paradela e o Palas igualaron (1-1) nun encontro moi disputado e con fases para ambos equipos. Os visitantes trataron de iniciar o xogo desde atrás e dispuxeron de varias oportunidades nos primeiros compases, mentres o Paradela foi gañando presenza co avance da primeira metade.
O marcador non se moveu ata a segunda parte. Arredor da hora de xogo, unha acción posterior a un córner, acabou con Diego Samos facendo o 1-0. O propio Samos tivo que retirarse do campo uns minutos máis tarde lesionado. O Palas buscou a resposta e atopouna no tramo final por medio de Rodrigo.
O dianteiro continúa aproveitando ao máximo os seus minutos. Regresou esta temporada despois dunha lesión e de varios anos sen disputar fútbol campo e acumula dous goles nuns 40 minutos repartidos nos dous últimos encontros.
O empate non pechou o partido. O Paradela dispuxo dunha oportunidade moi clara de Edrada e encadeou varios córneres nos últimos compases, pero ningún dos dous conseguiu romper novamente a igualdade.
O resultado pon fin á serie de tres triunfos consecutivos do Paradela, que queda segundo con 13 puntos e ocupa a única praza de promoción de ascenso. O Palas é noveno con oito. Na próxima xornada, o Paradela recibirá á Piringalla o domingo ás 16.45 horas e o Palas fará o propio co Incio ás 16.30.
Marcos Arias mantén ao Friol na pelexa pola cabeza
O Friol superou ao Corgo (2-1) nun encontro igualado durante boa parte do seu desenvolvemento e condicionado polo vento. Os visitantes tiveron máis posesión, mentres os locais xeraron perigo especialmente nas transicións.
Adrián García aproveitou unha delas para adiantar ao Friol. A vantaxe non chegou ao descanso, xa que unhas mans dentro da área permitiron a Róber Besteiro empatar de penalti.
O partido continuou aberto na segunda metade. O Corgo tivo unha boa oportunidade para poñerse por diante nun man a man de Ethan co porteiro e no posterior rexeitamento, no que Núñez non conseguiu culminar. Na contra posterior, unha perda visitante permitiu ao Friol lanzar a transición e Marcos Arias estableceu o 2-1.
O tramo final estivo cargado de incidencias. Cancio foi expulsado no Friol e posteriormente tamén viu o cartón vermello Rube, no Corgo. Xa nun engadido que se prolongou durante uns doce minutos, Lucas lesionouse cando os locais non podían realizar máis substitucións, polo que o Friol acabou defendendo a vantaxe con nove futbolistas.
O Friol alcanza os 13 puntos, os mesmos que Antas e Paradela, e ocupa a terceira posición. O sábado ás 17.00 horas visitará ao Monterroso B. O Corgo, pola súa banda, queda con catro puntos e en zona de descenso directo antes de recibir ao Chantada B o domingo ás 18.30.
A Sarriana B mantense a un punto da cabeza
A Sarriana B superou ao San Roque (2-1) nun encontro no que os tres goles chegaron durante a primeira metade. Adrián González ‘Baralla’ abriu o marcador aos dez minutos, culminando un bo inicio do filial.
O San Roque foi corrixindo os problemas iniciais e Yelko conseguiu a igualada mediado o primeiro acto cun golpeo desde fóra da área. Antes do descanso, Camilo devolveu a vantaxe á Sarriana B.
Na segunda metade, o San Roque reduciu os espazos que o filial atopara entre liñas e buscou o empate. Os visitantes tiveron chegadas e situacións de área, mentres a Sarriana B tamén atopou espazos para ameazar nas transicións. O marcador, con todo, xa non se moveu.
O San Roque afrontou o encontro cunha baixa de última hora importante no ataque. Jul non puido xogar por febre, ausencia que obrigou a modificar os plans visitantes e deixou ao equipo sen unha das súas referencias ofensivas. Diego Alvariño cumpriu ben asumindo ese traballo na parcela ofensiva, tras non contar con moitos minutos neste inicio de liga.
A Sarriana B alcanza os 12 puntos e queda a un só do trío de cabeza, igualada co Santa Comba. O domingo ás 18.00 horas visitará ao Ferreira. O San Roque queda con sete e recibirá ás 16.30 ao Portomarín.
O Santa Comba medra a golpe de efectividade
O Santa Comba impúxose ao Chantada B (0-3) e alcanza os 12 puntos, a só un dos tres equipos que comparten a cabeza. O filial chantadino tivo máis posesión durante diferentes fases, pero os visitantes castigaron con maior efectividade os espazos e os erros locais.
O Santa Comba dispuxo dun penalti nos primeiros compases, pero Xabi Expósito, porteiro xuvenil do Chantada B, detivo o lanzamento. Pouco despois, Jorge Vargas abriu o marcador. Os locais tiveron opcións para igualar, pero César Varela ampliou a diferenza cun disparo desde fóra da área antes do descanso.
Nada máis comezar a segunda metade, Jorge Vargas completou o seu dobrete para colocar o 0-3. O Chantada B asumiu a iniciativa na procura de reducir diferenzas, pero non conseguiu trasladala ao marcador.
O Santa Comba terminou con dez pola expulsión de Dani Flórez, cando o resultado xa era de 0-3. Os de Tras do Novo quedan quintos con 12 puntos e o domingo ás 16.30 horas afrontarán un duelo lucense ante o San Lázaro. O Chantada B, con sete, visitará ao Corgo ás 18.30.
Un gol desde o centro do campo deixa os puntos nas Gándaras
O San Lázaro superou ao Ferreira (3-2) nun encontro condicionado polo forte vento e no que Álex Freire e Fagín anotaron dous goles cada un.
Álex Freire adiantou aos locais durante a primeira metade, pero Fagín respondeu para levar o partido ao descanso con 1-1. Na continuación, Fernando Fernández devolveu a vantaxe ao San Lázaro e Fagín apareceu de novo para establecer o 2-2.
A acción máis espectacular quedaba para o tramo final. Álex Freire conectou un golpeo desde o centro do campo que acabou converténdose no 3-2. O Ferreira continuou buscando o empate, pero o marcador non volveu moverse.
O San Lázaro alcanza os nove puntos e ocupa a sexta posición, empatado con Monterroso B e Rubián. O domingo ás 16.30 horas terá un novo derbi coa visita ao Santa Comba. O Ferreira queda con seis puntos, inmediatamente por riba da zona de descenso, antes de recibir á Sarriana B o domingo ás 18.00.
Dous golazos culminan a remontada do Rubián
O Rubián remontou ante A Piringalla (1-2) nun encontro que se resolveu na última xogada. Manucho adiantou aos locais antes do descanso cun gran disparo desde fóra da área.
Os visitantes regresaron mellor dos vestiarios e Jorge Rodríguez Tourón ‘Tou’ estableceu a igualada cunha volea desde fóra da área. Cando o empate parecía próximo, Cortiñas conectou na última xogada un potente lanzamento desde longa distancia que entrou pola escadra e completou a remontada.
A Piringalla terminou ademais con dez pola expulsión de Rubén.
O triunfo coloca ao Rubián con nove puntos, igualado con San Lázaro e Monterroso B. Na seguinte xornada recibirá o domingo ás 16.30 horas ao líder Antas. A Piringalla queda con tres puntos, en zona de descenso directo, e visitará ao Paradela ás 16.45.

O Portomarín consegue por fin a primeira vitoria
O Portomarín estreou a súa conta de triunfos ao superar ao Incio (3-2) nun encontro no que chegou a deixar escapar dous goles de vantaxe antes de reaccionar.
O equipo dirixido por Álex Cortón completou a que considerou a súa mellor primeira metade do curso. Breixo abriu o marcador tras un centro lateral de Varo e Xandre Mariño ampliou a diferenza nun despexe desde campo propio no que tamén colaborou o vento. O gol tivo un significado especial para Xandre: chegou no seu primeiro partido coa camisola do Portomarín na súa primeira tempada como sénior.
O escenario cambiou na segunda metade. O Incio aproveitou agora o vento e o xogo máis directo para igualar por medio de Kenny e Marcos Pombo, o primeiro nunha acción a balón parado e o segundo cun disparo desde fóra da área.
Co 2-2, o partido volveu equilibrarse ata que Arturo, superado o minuto 70, conectou un bo lanzamento desde fóra da área para establecer o 3-2. No tramo final foi expulsado Valenzuela no Incio.
Os tres puntos permítenlle ao Portomarín alcanzar os tres puntos e abandonar a condición de único equipo do sur que aínda non gañara. Unido ao triunfo do Xove Lago no norte, significa ademais que todos os equipos da Segunda Futgal lucense coñecen xa a vitoria.
O Portomarín continúa en zona de descenso directo, igualado a tres puntos coa Piringalla, mentres O Incio queda con seis, inmediatamente por riba desas posicións. Na seguinte xornada, os de Álex Cortón visitarán o San Roque o domingo ás 16.30 horas, mentres O Incio xogará á mesma hora no campo do Palas.
A sétima xa agarda co horario de inverno
A Segunda Futgal non dará tregua. O sábado, ademais do derbi Pastoricense-Meira no Acebreiro, o Catro Roldas recibirá ao Cabreiros ás 17.00 horas nun encontro no que poderían estrearse algunhas das recentes incorporacións do conxunto de Román. No sur, á mesma hora, xogarase o Monterroso B-Friol.
O domingo chegará xa condicionado polo cambio ao horario de inverno, despois de que durante a madrugada os reloxos se atrasen unha hora. No norte abrirá a tarde o Castro-Candelaria ás 16.00. Ás 16.30 disputaranse o Abadín-Xove Lago, coa estrea no campo ante a afección do himno do Abadín; o Xermade-Riotorto; o Guitiriz-Celta Barreiros, e o Mondoñedo-Goiriz. Ás 17.00, o Iberia-Alfoz pechará unha tarde con outro dos grandes encontros da xornada.
No sur, ás 16.30 están programados Rubián-Antas, Santa Comba-San Lázaro, San Roque-Portomarín e Palas-O Incio. O Paradela-Piringalla comezará ás 16.45, o Ferreira-Sarriana B ás 18.00 e o Corgo-Chantada B ás 18.30.


