No fútbol afeccionado, cando vestirse de curto un domingo o fas porque é a túa paixón e non polo que recibes a fin de mes, sempre existe o mesmo temor: “e se me lesiono?”, “que será do meu traballo?”, “e dos meus estudios?”. É inevitable sufrir algún percance, pero o problema surxe cando aparece unha lesión de longa duración.

No último mes, dous futbolistas da nosa provincia, mariñáns os dous, sufriron a mesma lesión: rotura do temido ligamento cruzado, polo que estarán alexados dos terreos de xogo un bo tempo. Son Daniel Montoya, dianteiro do Iberia C.F., pichichi da Segunda Rexional ata esta xornada e Pablo Rego, centrocampista da U.D. Xove Lago.

Desde Futbolinlugo quixemos falar con eles, para interesarnos polo seu estado e desexarlles unha pronta recuperación, e podan disfrutar do noso fútbol e da súa vida diaria o antes posible.

FUTBOLINLUGO: Como te atopas despois xa duns dias de sufrir a lesión? Tes xa data para a operación?

DANIEL MONTOYA: Anímicamente non me está a resultar nada fácil xa que é unha lesión de longa duración e físicamente dolorido. De momento non teño data para operarme.

PABLO REGO: Encóntrome bastante ben, porque non me doe case nada, e vou agardar uns meses en operarme porque quero rematar os estudios.

 

FIL: Lembras como foi a xogada?

DM: Recordo saltar e caer apoiando a perna esquerda e nese momento sentín unha dor moi forte na rodilla que me fixo caer ao chan.

PR: Lembro que un xogador do Valadouro iba golpealo balón e eu puxen a perna diante e xa notei que se me foi a rodilla.

O pichichi do Iberia, Montoya, voltará golear co equipo de San Miguel sen tardar

FIL: Fuche consciente xa no momento que se trataba dunha lesión grave?

DM: No momento exacto non fun consciente, xa que só pensaba na forte dor que tiña. Pero ao pouco tempo xa me decatei que non iba ser pouca cousa.

PR: Non pensei que fora tan grave, porque aínda que me doía bastante aos trinta minutos da lesión xa podía camiñar.

FIL: Como valoras os servizos médicos que pon a Federación á vosa disposición?

DM: É a primeira vez que necesito acudir aos servizos médicos da Federación debido a unha lesión, e en todo momento me trataron correctamente, explicándome a miña situación e atendéndome o antes posible.

PR: A atención foi bo a e moi rápida, sen ningún problema.

FIL: Como afrontas o periodo de recuperación?

DM: Realmente como aínda non me operei a recuperación aínda a vexo lexos. Non estou moi animado, sinto coraxe por sufrir esta lesión cando iba líder na tabla de goleadores e por non poder seguir xogando co meu equipo.

PR: Moi animado. Cando poda quero operarme e intentar recuperarme o antes posible.

FIL: A próxima temporada seguiremos véndote polos campos de fútbol da nosa provincia?

DM: Por suposto! E con máis ganas que nunca. Estou moi contento co meu equipo e desexando voltar con eles.

PR: Por suposto! Cando me recupere da lesión voltarei a xogar seguro.

O Xove Lago botará en falta a Pablo Rego no último treito de temporada

FIL: Que mensaxe lles mandas aos teus compañeiros de equipo para o que resta de temporada?

DM: Que sigan traballando duro, porque somos un bo equipo e merecemos chegar máis alto na clasificación. E que enseguida estou de volta!! (risas).

PR: Desexarlles moita sorte, e que merecen estar arriba na clasificación. Aínda que a plantilla é corta están facéndoo moi ben.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*