O expresidente do Lemos, Óscar López, deixou o cargo este ano para que no clube haxa un rumbo novo «con ideas novas e frescas». Tras oito anos na dirección do clube, o dirixente marcha cun bo sabor de boca polo traballo realizado ao longo da súa estadía e os avances que se deron no clube. Este sábado realizarase unha asemblea de socios na que xa podería entrar no cargo unha nova directiva ou ben convocarse eleccións se hai varias candidaturas.
Futbolinlugo: Como se deu a oportunidade para que chegaras á presidencia do Lemos?
Óscar López: Estabamos un grupo de socios nun bar falando de que viamos que non había continuidade na xestión do clube e de que había un risco real de que o clube desaparecese e dixemos, imos probar sorte. Pensei que a aventura ía ser moito máis fácil do que en realidade foi.
Fil: Como pensabas que ía ser a situación?


ÓL: Ao principio pensabas que non ía ser moi complicado, pero cando ves que comezan a chegar facturas, débedas, reclamacións dos cartos que se debían e que chegabas a xullo e a Federación reclamaba débedas que se non as pagabas non se podía inscribir ao equipo, que en ocasións non tiña xogadores inda a finais de mes. Eran unhas semanas fastidiadas porque nos víamos desbordados porque non contabamos coa situación que atopamos.

Fil: Nestes oito anos, que intentastedes cambiar e que novidades incluístedes dentro do Lemos para que o clube siga cara adiante e estea consolidado na Preferente?
ÓL: Creouse un Lemos B, que eu considero que é fundamental para un clube coma o noso que non ten fútbol base, así podes axudar con xogadores novos que van subindo a un equipo que ten un cadro de xogadores pequeno. O ano pasado ademais creamos un equipo de fútbol sala, xa que en Monforte non había ningún equipo federado e na zona sur só había en Quiroga.

Fil: Con que te quedas principalmente da túa etapa coma presidente?
ÓL: Quédome con dúas cousas. Unha cousa boa é a xente que coñecín que son boas persoas que está metida no fútbol e outra xente mala que contamina este mundo e me fai pensar que o fútbol non pode seguir así con certas cousas que eu non acabo de entender.
Fil: Cal foi o mellor consello que che deron no fútbol?
ÓL: Que fora eu, que non intentara tirar máis do que daba a máquina.
«Sempre quixen deixar o Lemos completamente saneado»
Fil: Despois de todo este camiño cun cadro moi consolidado, decides deixar o clube. Como foi tomar esa decisión?

ÓL: Ao acabar o primeiro mandato eu non quería continuar porque estar no Lemos esixeche un compromiso e unha responsabilidade moi grande, pero quería deixalo completamente saneado e sen ningunha débeda, pero estabamos nas mesmas que ao principio, ninguén quería entrar e tiven que voltar a presentarme. Pero, como vexo que podía pasar o mesmo, eu avisei durante bastante tempo que eu non ía acabar o meu mandato e que este ano ía dimitir. Quero que o colla alguén diferente que veña que traia outras ideas. Dimitín porque tiña medo de que non viñera ninguén e que se me volvera pasar pola cabeza a reelección.
Fil: Intentaron convencerte de que volveras presentarte desta vez?

ÓL: Houbo xente que me dixo que volvera continuar, pero eu entendía que a miña etapa coma presidente xa acabara. Ao mellor como directivo podía ser, pero na presidencia non.
Fil: Agora son tempos de cambio. Que camiño cres que debería tomar o clube para seguir avanzando?
ÓL: O problema dos equipos do interior é o de sempre, ou saen xogadores de Monforte que teñan a calidade suficiente para estar no primeiro equipo ou é moi complicado. A categoría do Lemos é a Preferente. A xente non lle gustará escoitalo pero para chegar a Terceira RFEF necesítase unha gran inversión. Á nova directiva só lle pido que non cometan os erros que se cometeron hai anos.
Fil: Daríaslle os mesmos consellos a nova directiva que che deron a ti no seu momento?
ÓL: Ás veces hai que arriesgar porque cada ano a situación é diferente. Pode que haxa un ano que acertes coas fichaxes e o equipo vai cara arriba, pero endeudarse coma se endebedou o clube e ir aos campos e que se comente unha mala situación do Lemos non se pode permitir. Pídolles que teñan cabeza e que fagan o que lles pareza mellor, pero sempre cos pés no chan.