O VI All Star Futbolinlugo, que terá lugar o vindeiro 27 de xuño no campo do Acebreiro, en Pastoriza, promete ser de novo unha gran festa do fútbol lucense. Tal e como sucedeu en anteriores edicións, o partido feminino dará comezo a unha gran xornada de fútbol e de bo ambiente que terá o seu colofón co duelo entre os equipos masculinos, cuxas convocatorias serán anunciadas en pouco tempo.
Ademais, a sexta edición desta gran festa do fútbol lucense traerá consigo novos sorteos, agasallos e outras sorpresas que desvelaremos proximamente. O que si podemos confirmar desde xa é unha nova versión dos concursos populares. Calquer interesado ou interesada pode participar neles —non ten que estar convocado, nin moito menos— e todos teñen un premio asignado para aquel que resulte vencedor.

Un ano máis, contaremos coa colaboración de BMC Sport & Health para o desenvolvemento destes xogos. Para a sexta edición do All Star, escollemos tres clásicos de éxito seguro entre todos os públicos:
1: «Crossbar Challenge»: un clásico para comezar as competicións populares do VI All Star
De xeito individual, recuperamos un clásico no que os participantes terán que estrelar o coiro no longueiro. As rondas sucederánse e aumentaremos a distancia do golpeo, complicando así aos xogadores ata que somentes quede un en pé.

2: O Chutómetro. Un éxito en edicións previas, que repite
Os amigos de BMS Sports colaborarán con nós para medir a vosa potencia e habilidade de tiro. Na edición da Cheda, o campión foi o xa retirado Borja ‘Pipita’.
3: Rebotes intelixentes. A combinaciónd de habilidade e axilidade
Os participantes terán que demostrar a súa capacidade de atención, á vez que envían pases a distintas luces led que se iluminarán de xeito aleatorio. Neste xogo, cuxo anterior campión foi o capitán da Residencia ‘Chiqui’, a diversión e as risas están máis que aseguradas.
Lembramos: todo o mundo pode participar, pero as prazas son limitadas. Se estás intersadx en participar nos nosos concursos, enche este formulario antes do día 21 de xuño. O All Star é unha festa na que celebraremos, xuntos, o fútbol lucense e a comunión que se debe xerar en torno a el.


