O contido de actualización do mercado non está a ser diario, pero practicamente. A temporada 2026/2027 xa está nas miras de moitos conxuntos, como é o caso de Bergantiños. O conxunto de Carballo renovou ao adestrador Simón Lamas para continuar co proxecto na Segunda RFEF. O de Vilalba cumprirá así a súa segunda temporada nas Eiroas logo do seu paso polo fútbol portugués.
Outro lucense que estivo lonxe dos nosos marcos este curso foi Dani Vidal. O mediocentro de Portomarín non continuará no Rayo Majadahonda logo de acadar un ascenso a Primeira RFEF no que foi moi protagonista: 23 partidos titular e case 2000 minutos para o ex do CD Lugo.
O diario de hoxe deixa as despedidas de Moro e Santi López en San Miguel e Paradela
Onde si hai moitas continuidades é na Mariña. O Lourenzá anunciou a renovación de tres grandes perlas da súa base: o lateral Lucas e o central Yago Díaz seguirán ao servizo de Rubén Acebedo, mentres que outro central, Iago Pena sóbe desde o xuvenil despois de ter xa presenza no primeiro equipo este ano. Preto da Santa Cruz, o Sporting Pontenova renova tamén a Alesuco , xogador con experiencia en Preferente nas filas do Ribadeo, e o Xove Lago fai o propio co gardamallas Iker Peña.

Ao mesmo tempo, dous adestradores pechan os seus correspondentes ciclos. Xa anunciabamos hai tempo que Miguel Ángel Fuente ‘Moro’ poñía fin a unha etapa de éxitos no Iberia. Agora, Santi López tamén di adeus a un Paradela no que estivo os dous últimos anos.


