O primeiro Tres en Raia En Boas Mans Fisioterapia do 2025 tráenos, no grupo norte, a primeira derrota como local do Cazás no que vai de liga. Foi diante do Goiriz, líder da competición. A tres puntos dos chairegos está un intratable Castroverde, que venceu con claridade ao Matela. O Rioaveso non cede na procura dun dos postos de ascenso, mentres que Abadín e Celeiro seguen na pelexa por unha praza de play off.
No grupo sur, o Sporting Lucense mantén o liderado tras empatar na casa co Carballedo. Segundo é o Sober, que goleou no derbi ao Río Sil, e aproveitou o empate do Monterroso B. A Sarriana B ocupa o último posto que da acceso ao play off tras gañar a un Bóveda no que Fernando Elcoso xa non é adestrador.
GRUPO NORTE
O Goiriz racha a imbatibilidade do Cazás na casa (1-2). Foi o líder o que derrubou o muro dun impractible Catro Ventos que gozou dun bo ambiente nas gradas. Nico foi o primeiro en marcar no campo xermadino nesta campaña. O Cazás tivo máis o balón e obtivo o premio cun gol olímpico de Álex Muñiz. A segunda batalla foi unha batalla na lama na que ningún dos dous conxuntos querían perder. A falta de dez minutos para o final, Richi rematou un bo centro de Canario para darlle os tres puntos aos de Manu Veiga.
O Castroverde golea ao Matela e suma a novena vitoria consecutiva (5-1). Desde o mes de outubro non perde un Castroverde que gozou de gran efectividade na primeira metade. Richard abriu a lata aos cinco minutos de penalti e David non errou pouco despois os dous man a man diante do porteiro rival. Antes do descanso houbo tempo para que os de Iago Núñez marcaron o cuarto tras unha gran xogada combinativa que culminou Gelo. O Matela recurtou distancias por medio de Simao nada máis comezar o segundo tempo e Iago evitou que os de Cuchi creran na remontada ao deter un penalti. O ritmo do partido baixou e preto do final Díaz fixo o quinto.


O Rioaveso vence no campo do Roupar e confirma o seu bo momento (0-1). Primeira metade de dominio visitante. Os de Asier Lozano non tardaron en adiantarse no marcador e contaron con boas opcións para ampliar as diferencias. A boa actuación do gardameta Anxo mantivo ao Roupar moi vivo no encontro. Antes do intermedio o Rioaveso quedou con dez por expulsión Noé tras unha aparatosa acción, aínda que fortuita, na que Marcos quedou mancado e tivo que ser asistido pola ambulancia. Ángel Pena decidiu arriscar no segundo tempo na procura do empate. O domino de Yosi no medio do campo propiciou que o Roupar chegara con claridade. Tupac e Moha gozaron de boas ocasións que non aproveitaron. O Rioaveso á contra puido sentenciar, pero Anxo de novo evitou o gol visitante.
Un bo Catro Roldas cede no último tercio de partido fronte a un Abadín en inferioridade (1-3). Tras un tanteo inicial, o Catro Roldas fíxose co dominio do encontro. Os de Coto optaron por un fútbol directo na procura dos seus puntos. Dopico adiantou aos locais tras aproveitar un erro do rival. Non lle sentou ben o gol a un Abadín que non tardou en quedarse con dez ao ver Cristian o cartón vermello directo. O Catro Roldas tivo o encontro controlado ata o intermedio, e no segundo tempo os de David Lorenzo malia ter o balón non eran quen de xerar ocasións de gol. A falta dun cuarto de hora para o final, Noé igualou tras un saque desde o curruncho. O Abadín veuse arriba e os locais, moi nerviosos, viron como o rival foi quen de remontar o encontro. Tontxu, con dous goles, deulle os tres puntos ao Abadín.
O Celeiro vence ao Friol B nun parello encontro en Trasvías (2-1). Volve crer o conxunto viveirense tras o retorno ao banquiño de Martín Rodríguez. O encontro comezou cun gol visitante, obra de Lucas. Non tardou en reaccionar o Celeiro e deulle a volta ao marcador antes do descanso con goles de Javi Rivera e Martín. No segundo tempo ámbolos dous conxuntos tiveron ocasións para marcar, pero non se viron máis goles en Trasvías, salvo un tanto pantasma que o colexiado non outorgou aos mariñáns.


GRUPO SUR
O Sporting Lucense cede un empate fronte ao Carballedo nun encontro parello (1-1). Catro puntos mantén o cadro capitalino sobre o segundo clasificado. Non foi o mellor partido do Lucense fronte a un Carballedo que realizou un bo partido. O encontro tivo alternativas para ámbolos conxuntos e o marcador non se moveu ata o minuto 71, cando Carral transformou un lanzamento de penalti. Os de Adrián Pateiro contaron con outra boa ocasión que non aproveitaron e Zoum igualou o encontro.
O Sober é segundo tras golear ao Rio Sil no derbi (6-1). Non tivo piedade o Sober no encontro de rivalidade fronte ao Río Sil. Os de Iban Lagoa son o único conxunto da categoría que mantén a imbatibilidade como local. David Piñeiro abriu a lata antes dos vinte minutos de xogo e nos últimos intres do primeiro tempo Luaces e Hugo deixaron o encontro encarrilado para os locais. O Río Sil logrou recurtar cun tanto en propia porta. No segundo tempo uniuse á festa Martín. O pichichi logrou dúas dianas e despexou calquer atisbo de dúbida. Co tempo xa cumprido, Brais culminou a goleada cun tanto de penalti.
Festival de goles no encontro entre Monterroso B e Chantada Atlético B (4-4). Toleada de goles no choque entre filiais. Martín adiantou moi axiña aos de Pampín, que gozaron de dúas boas ocasións acto seguido. Non as aproveitaron e Marcos igualou o encontro. Os locais eran dominadores do xogo e Balbino primeiro e Rubén despois anotaron. Ámbolos conxuntos tiveron ocasións para marcar, pero foi Miguel quen recurtou diferencias para o Chantada Atlético B xusto antes do descanso. No segundo tempo o partido tranquilizouse e tivo alternativas. VV a falta de quince minutos para o final parecía decantar a balanza para os monterrosinos. Os de Ivi Gayoso non se viñeron abaixo e lograron empatar. Poyán aproveitou en erro da zaga para recurtar diferencias e Miguel co tempo cumprido igualou tras un córner.
O Taboada B confirma o seu gran momento e vence con claridade ao Corgo (3-0). Quinta vitoria nos seis últimos encontros para os de Jacobo Vázquez, que se confirman como unha seria alternativa para lograr o ascenso de categoría. Tras vencer ao Corgo nun intenso e disputado partido sitúanse a só dous puntos do ascenso directo. Encontro no que ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo que parecía darlle mellor resultado aos de Abel Rochela. O Corgo gozou de varias ocasións de gol que non aproveitou. Co paso dos minutos, o Taboada B tamén chegou con perigo á área rival. Nico estrelou un balón na cruceta. No segundo tempo o filial foi mellor e Sergio fixo o primeiro tras un erro defensivo. Pita, de vaselina fixo o segundo e propio extremo taboadés sentenciou nunha acción a balón parado.
A Sarriana B vence ao Bóveda no encontro do adeus de Fernando Elcoso (0-2). Encontro de dominio visitante. O Bóveda non puido co filial sarriao malia plantar cara nun primeiro tempo no que os de Raúl puideron adiantarse no marcador. Tras o paso por vestiarios, o encontro seguiu a mesma dinámica. O filial sarriao tivo varias ocasións antes de que Cela aproveitara dous centros laterais para deixar o encontro visto para sentencia. O encontro significou o adeus de Fernando Elcoso como adestrador do Bóveda.
