Iria Pérez (SD Chantada): «O sentido de pertenza que hai no Sangoñedo nótase en todo»

Finalizada a tempada co ascenso do equipo da súa vila ao que volveu tras ser a capitana do CD Lugo, entrevistamos a Iria Pérez, toda unha histórica do fútbol lucense:

1. Regreso a casa e ascenso. Como valoras a tempada e que significa para ti ese ascenso?

Pois que che vou decir desta tempada…conseguimos o ascenso, e ver a cara de ilusión que tiñan as rapazas, as gañas coas que viñan adestrar, os nervios antes de cada encontro, a enerxía e confianza que nos transmitían Fornas e Manu e o apoio de toda a xente que nos veu animar, xa te podes imaxinar.

2. O ano pasado xogabas en Terceira RFEF e tras a decisión do CD Lugo de prescindir da sección feminina, volves á casa. Houbo chamadas doutros equipos? Por qué decides volver?

Bueno, algunha chamadiña si que houbo, pero a miña situación laboral xa non me permitía competir da mesma forma na que o viña facendo. E voltar a casa xa rondaba na miña cabeza porque dende o primeiro ano que me fun da SD dixen que sería para volver. E que mellor momento ca nesta tempada despois dun ano duro que tiveron o ano pasado, por iso ver a cara de alegria na cara destas rapazas é o que máis ilusión me fai.

⁠3. A SD Chantada tamén estivo esta tempada en proceso de renovación, coa retirada de xogadoras tan importantes como as irmás Eva e Sara Piñeiro e a incorporación de moitas xogadoras moi novas. Como foi a experiencia dentro do vestiario?

Eu a verdade é que me sentín na casa de novo, que habendo rapaciñas tan novas pois sempre tes medo que a diferenza de idades pois sexa notoria, pero nada que ver, en canto a grupo non me podo queixar, encaixamos moi ben. Si que é certo, que para min que levo toda a vida xogando con Sara e Eva, pois fáiseme raro chegar ao vestiario e non atopalas, e gustaríame recordar vellos tempos xuntas porque son moitos anos, cousa que non descarto coñecéndoas.

⁠4. Que compañeira/s che sorprenderon máis?

Sorprender non, pero o que dicía antes, cun grupo de rapazas tan novas encaixar así de ben, é importante para o grupo, entón esa harmonía é o que destacaría.

5. Son moitos anos xa de traxectoria futbolística para ti. En que momento te atopas?

Pois agora mesmo nun periodo de transición, deixando un pouco atrás o fútbol de competición para pasar a un fútbol máis lúdico, cousa que ás veces me costa como ben lles poderedes preguntar ás miñas compañeiras, que as poño un pouco tolas.

6. Como viviches o ascenso do equipo masculino, feminino e xuvenil?

Con mágoa non puiden presenciar ningún dos dous encontros, nin o do senior nin o dos xuvenís por motivos laborais, pero si que me tiñan coa información minuto a minuto. E creo que é unha recompensa ao bo traballo que fixeron durante todo o ano e anos anteriores. E en canto ao do feminino, pois tocoume vivilo en primeira persoa, e moi contenta por poder facelo no Sangoñedo diante da nosa xente e por ver as pequenas festexalo por todo o alto.

7. Cal cres que é a clave do éxito desta SD Chantada para ter tan bos resultados nos diferentes equipos?

Para min a clave é o bo traballo que se leva anos facendo na canteira. Sen dúbida isto non e sorte nin casualidade, un clube para ter unha base sólida necesita coidar todas as estruturas e non apostar por o que se di unha “boa xeración” que cumpla un par de anos e despois volta a empezar.

Precisamente eu creo que iso é algo que se leva anos intentando facer e que se esta conseguindo. Porque so hai que ver a cantidade de xogadores da canteira foron co primeiro equipo e son partícipes dese ascenso a Preferente. E non so iso, tamén so hai que ver a cantidade de xente que vai ao Sangoñedo e o sentido de pertenza que xenera. Cando as cousas se fan ben, nótase.

⁠8. Como afrontas a tempada que ven? Verémoste no Sangoñedo?

A miña idea é seguir dando continuidade a esta tempada, entón seguirémonos vendo no Sangoñedo.

Iria Pérez (SD Chantada): «O sentido de pertenza que hai no Sangoñedo nótase en todo»

O VI All Star pon en marcha