Os lucenses de Preferente buscan a tranquilidade
-
- 0
- 4min de lectura
Fai unha semana analizábamos a boa situación dos catro equipos lucenses da Terceira RFEF. Na Preferente a saúde dos nosos é algo máis precaria. Malia iso, só o Escairón ocupa praza de descenso a Primeira Futgal.
Lemos, Ribadeo, Pol e Escairón ocupan postos consecutivas, desde o duodécimo ao décimo quinto, aínda que a situación de todos eles é ben diferente. Analizámos a cada un.
O Lemos é o conxunto lucense mellor clasificado con 20 puntos. Aínda que só ten dous equipos por debaixo ata chegar aos postos de descenso, mantén unha vantaxe de 9 puntos co Escairón, primeiro dos conxuntos que marcan o descenso. Se miramos cara arriba a distancia cos postos de promoción é de oito puntos. Cun partido para rematar a primeira volta o cadro monfortino non ten unha distancia insalvable coa zona alta.
Pero como ocorre moitas veces, os números din unha cousa e a realidade outra. Á inestabilide institucional logo da dimisión do presidente Óscar López deixou ao club en mans dunha xunta xestora, que servirá de ponte coa nova directiva, súmase as baixas de Brais Pardo e Brais Mariño, este último enrolado xa nas filas da SD Chantada. Se isto non fora pouco, o equipo adestrado por Juanlu Bernal arrastrou en moitas fases do campionato numerosas baixas en forma de lesión que lle impediron acadar unha regularidade nos resultados.
Os mariñáns comezaron a temporada cun novo proxecto encabezado por Ramón Labrada. O cadro de xogadores sufriu numerosos trocos, o que non foi obstáculo para que a pretemporada realizada fora de gran nivel. O bo nivel amosado nos amigables non se viu reflexado no comezo ligueiro. Os resultados non acompañaron e Labrada deixou o seu posto no banquiño na sétima xornada sen coñecer a vitoria.
O club mariñán apostou polo viveirense Luchi para o banquiño logo de varias temporadas exitosas no Burela. A melloría do equipo foi progresiva e actualmente o Ribadeo é decimoterceiro na clasificación con 18 puntos, sete por enriba do descenso, logo de enlazar un mes de decembro invicto, con tres vitorias e un empate.
A chegada de xogadores como Roi Campos, Migui ou a úlitma de Xavi Iriarte, así como a recuperación de Mario tras unha lesión, foron importantes para o equipo e déronlle a Luchi máis armas para afrontar unha segunda volta que promete ser máis tranquila.
O conxunto chairego vive unha temporada histórica, a do seu debut na Preferente. Con Roberto Fernández no banquiño, o Pol non comezou a liga do mellor xeito. Cun cadro de xogadores curto, as primeiras xornadas saldáronse cun empate e catro derrotas. A primeira vitoria chegou na sexta xornada fronte ao Ribadeo.
A partir de aí, xa con máis efectivos dispoñibles, o Pol enlazou varias xornadas irregulares en canto a resultados, pero moi proveitosas en canto a rendemento. Os de Roberto Fernández foron quen de vencer no difícil campo do San Tirso e de empatar a domicilio cun Sigüeiro chamado a pelexar polo ascenso.
Así, con seis puntos de marxe sobre o descenso, o Pol afronta a segunda volta cunha estabilidade que lle permita sumar os puntos suficientes para seguir un ano máis en Preferente.
Desde o Saviñao chegan as peores novas. O Escairón vai rematar a primeira volta en postos de descenso. Actualmente conta con once puntos e só dous encontros gañados. Logo dunha exitosa campaña na que acadou o ascenso a Preferente e foi quen de alzar a Copa Deputación, o Escairón afrontará unha segunda volta coa imperiosa necesidade de sumar puntos o máis rápido posible.
Óscar Moure liderou o proxecto do Escairón en Preferente no seu comezo. O xove técnico, xa con experiencia na categoría nas filas do Lemos, foi cesado na décimo terceira xornada tras caer no campo do Negreira. Fíxose cargo do equipo un vello coñecido, o ourensán Iván González.
Polo momento, co novo técnico os resultados non melloraron. Dúas derrotas e un empate no derbi fronte ao Lemos é o seu bagaxe.