Os onces da vixésimo terceira xornada na Segunda Galicia

 

Non baixan a guardia os líderos de ambos os grupos da Segunda Galicia. No norte, o Burela encabeza a clasificación por cuarta semana seguida; mentras que o Friol deu un importante paso ao derrotar ao San Lázaro, que era ata entón o seu inmediato perseguidor. Goleadores e detalles volveron ser os protagonistas a sete xornadas para que remate a competición.

O Burela mantense intratable neste 2018 logo de sumar a novena vitoria consecutiva ante o Alfoz a domicilio e seguir sendo o equipo menos batido, xunto co Cabreiros (20 goles encaixados). Segundo segue o Guitiriz, que despois de pasar o seu baixón, leva unha xeira de tres triunfos; o último pola mínima ante o Iberia. De preto, séguenlles o Lourenzá que venceu con claridade ao Ourol (Iván Recalde marcou catro goles e Moncho tres); o Pol que derrotou no derbi ao Meira a domicilio e o Folgueiro que volveu ter en Aurelio o seu xogador referencia para superar ao Cospeito. O dianteiro marcou tres dos catro goles do seu equipo. Aumentaron as diferenzas co Cabreiros que sumou un punto nas últimas dúas xornadas. No último choque o equipo adestrado por José Manuel viuse superado por un Abadín que gañou, despois de catro encontros sen facelo e da un paso importante na loita pola salvación.

 

Quen seguen sumando son dous equipos da zona media. O Roupar e o Candelaria empataron a dous goles e achéganse a salvación nunha categoría que terá que estar moi pendente dos arrastres. Outro dos triunfadores da pasada fin de semana foi o Matela, xa que remontou e derrotou ao Mondoñedo nun duelo directo pola zona baixa. O cadro de Outeiro de Rei levaba quince partidos sen sumar de tres en tres.

O gran duelo do grupo sur deixou ao Friol como máis líder ao vencer a un San Lázaro que levaba unha xeira de catorce partidos sen saber o que era perder. Situación que aproveitou o filial do Chantada para recuperar o posto de ascenso directo. Nunha xornada na que o conxunto adestrado por Rodrigo Amarante tivo dous encontros en 24 horas. O sábado venceron ao Sporting Lucense e o domingo perderon ante o seus veciños no derbi adiado . De aí que o Chantada Atlético estea tamén preto deses postos porque sumou seis puntos na fin de semana. Ademais do derbi chantadino, derrotou á SD Becerreá. Segue nos postos altos o Oural que despois de tres xornadas sen gañar venceu con claridade ao Rubián. Con dous puntos menos queda o Santa Comba que caeu derrotado pola mínima na casa ante o Brollón.

Na zona morna da táboa o Palas segue sumando puntos despois de igualar ante a Milagrosa. Quen segue indo cara arriba é o Portomarín que volveu gañar desta volta ante un rival directo como é o Antas. O cadro adestrado por Manu volveu ter en Óscar López o seu futbolista máis destacado con tres goles; o equipo suma xa 24 puntos, 18 conseguiunos no que vai de ano. Tamén espabilou o Castroverde que venceu ao filial do Monterroso e sumou a súa terceira vitoria nos últimos catro enfrontamentos.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario