O partido da xornada . . . Atlético Escairón - C.D. Castro: os chairegos poñen a proba a reacción dos de Charlie

A xornada 27 da Preferente Norte tráenos un derbi provincial con moito en xogo. Será este domingo ás 17 horas no Municipal do Saviñao entre o Atlético Escairón e o C.D. Castro. Con obxectivos distintos na táboa clasificatoria, ámbolos equipos chegan a este partido con estados de ánimos ben diferenciados.

O Escairón ocupa o décimoquinto posto con 29 puntos, catro por enriba dos postos de descenso directo, pero en serio perigo por mor dos máis que posibles arrastres de categorías superiores. Malia iso, os pupilos de Charlie acumulan tres xornadas consecutivas sen perder, sendo quen de acadar dous triunfos nos seus últimos desprazamentos (no campo do Dubra e do Betanzos) e logrando un empate no Municipal ante un equipo en racha como o Xallas. Os reforzos invernais están a ser unha das claves, xa que homes recén chegados como David Calo ou Quique están a contribuir con tantos decisivos.

Un dos puntais do vestiario é o capitán Iván González. Logo da lesión “atópome recuperando sensacións e creo que chegarei en bo momento ao tramo final de liga e axudar ao equipo a lograla permanencia“. Considera que “chegamos nun bo momento, só pensamos en conseguila victoria ante o Castro para poder engancharnos ao obxectivo“, aínda que é consciente de que “ vai ser un partido moi complicado coma o son todos nesta categoría, pero queremos conseguilos tres puntos para continuar coa nosa racha“. O centrocampista do Escairón non dubida en afirmar que “o Castro é un equipo moi bo, con moi boas individualidades, pero o que máis me importa é que sigamos na mesma liña dos últimos encontros“.

Iván González, clave no centro do campo do Escairón

O seu rival esta fin de semana, o C.D. Castro vén de colleitar unha dolorosa derrota no Arturo Pereiro ante o Xallas. Malia que na xornada anterior o punto acadado no campo do As Pontes foi positivo, a última derrota afasta aos de Javi López dos postos cabeceiros, ficando a catorce puntos do Polvorín, segundo clasificado, e a seis do Ribadeo que ocupa praza de promoción. Con todo, o cadro chairego é un visitante temible, xa que non perde lexos do seu campo desde o 19 de novembro.

Gonzalo Edrosa, o 10 do C.D. Castro, está a contar esta temporada con máis protagonismo que a anterior. “Estou moi contento porque estou tendo moitos minutos, respétanme as lesións a atópome ben físicamente e creo que estou axudando ao equipo“, afirma o mediapunta. A derrota na casa da última xornada “deixounos bastante tocados no vestiario, xa que, aínda que sabiamos da dificultade tiñamos moitas esperanzas de sacalo adiante e foi un pao, pero aínda pode pasar calquera cousa“, nos conta Gonzalo. Para o xogador da Pastoriza “chegamos a este partido nun bo momento, facendo un bo xogo que non se corresponde cos últimos resultados. Penalízanos moito a falta de gol, pero temos a ilusión de rematar cando menos en promoción de ascenso“. Según o xogador do C.D. Castro, do encontro ante o Escairónpreocúpame a situación na que están, xa que necesitan os puntos para saír do descenso, e máis sendo na súa casa co apoio da súa xente son incluso máis fortes. Será un encontro complicadísimo, pero como todos os que restan ata o final“.

Edrosa consolidouse no equipo titular do Castro

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

Racing Vilalbés – Arousa (Domingo ás 17 horas na Magdalena): logo de tres encontros sen gañar, os de Gilsanz necesitan facelo ante un rival directo na loita pola cuarta plaza. Ademáis os de Xurxo Otero chegan en racha.

Preferente Norte

Ribadeo F.C. – S.D. Residencia (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): logo de ver curtada a racha coa derrota ante o Polvorín, o Ribadeo buscará seguir na loita pola segunda plaza ante un Residencia que volta a verse inmerso na loita por evitar o descenso. Os de Meilán viron escapar moitos puntos nos derradeiros minutos de cada partido.

Poratti, ante a ausencia por lesión de Criss, será unha das bazas ofensivas do Ribadeo

Viveiro C.F. – S.D. Dubra (Domingo ás 17 horas en Cantarrana): a melloría no xogo dos de Chusky non está a verse reflexada nos resultados. Precisan dun triunfo ante o Dubra, conxunto que está na zona media da táboa, e que conta os seus últimos encontros por derrotas.

O Viveiro precisa máis ca nunca dos goles de Arturo

Primeira Autonómica

Taboada C.F. – S.D. Sarriana (Domingo ás 16:30 horas na Medela): os de Martín Murado quererán adicarlle o triunfo a Anxo Varela “Canti”. Visítaos o colíder, que non coñece a derrota desde o 3 de decembro.

Guerreiro tentará guiar ao Taboada cara o triunfo ante a Sarriana

A.D. Bóveda – Sporting Pontenova (Domingo ás 16:30 no Hermanos Somoza): partido clave na loita pola permanencia. Un triunfo dos de Jorge Moirón deixaría ao Bóveda moi tocado na pelexa por salvala categoría.

Segunda Autonómica

Meira C.F. – S.D. Pol (Domingo ás 16:30 na Lomba): Derbi no que os locales necesitan o triunfo para saír dos postos baixos da táboa, mentras que os visitantes queren seguir a estela de Burela e Guitiriz, que ocupan postos de ascenso.

S.D.C. San Lázaro – Friol C.F. (Domingo ás 16:30 na Ponte): enfróntanse posiblemente dúas das mellores xeiras de resultados do fútbol provincial. O San Lázaro non perde desde o 28 de outubro e o Friol desde o 25 de novembre. Os de Rafa Casanova tentarán afianzalo liderato.

Terceira Autonómica

– O Incio Terra Brava C.F. – S.D. Cervo-Sargadelos (Sábado ás 16:30 no Carboeiro): os mariñáns, teóricos favoritos ao ascenso, non están a atoparse cómodos nesta fase de ascenso. Unha derrota no Incio faría perigar as súas opcións. Visitan ao líder, que gañou os tres últimos encontros.

División de Honra Xuvenil

C.D. Lugo – Racing Vilalbés (Domingo ás 12 horas na Reigosa): Derbi lucense na máxima categoría do fútbol xuvenil. O Racing xógase boa parte das súas opcións de permanencia, no ano do seu debut na categoría, ante un Lugo que ten sete puntos sobre a zona de perigo.

 

 

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*