Os desexos da Segunda Rexional para o 2019

O novo ano comezou poñendo a Segunda Rexional ao día ao xogarse o encontro adiado entre o Ferreira e a SD Becerreá. O cadro de Pantón venceu pola mínima e colocouse en postos de ascenso directo apretando aínda máis a clasificación na parte alta. Os tres primeiros clasificados (Palas, Ferreira e San Roque) teñen 26 puntos. Tamén comezará o ano con cambios no grupo norte, xa que Abel Eijo (ex adestrador do Burela, entre outros) é o novo adestrador da Candelaria despois da saída de Loiso.

Esta fin de semana regresa a competición coa última xornada da primeira volta. Antes diso quixemos saber cales son os desexos para o 2019 dos 32 equipos que conforman a Segunda Rexional nos dous grupos (orde segundo a clasificación actual):

Grupo norte: 

Anxo Fernández (adestrador do Folgueiro): “Aínda que soe a tópico, pedimos saúde porque se nos respectan as lesións, traballando como o estamos facendo, as cousas boas teñen que chegar”.

Fran García (xogador do Xermade): “O máis importante é que non se perda este grupo de amigos que formamos; que desfrutou dos bos tempos e mantívose unido nos malos. Futbolisticamente, desexamos poder competir ata o final e, sobre todo, que as lesións deixen ter por fin un ano tranquilo a algúns compañeiros que levan pelexando moito tempo”.

Delfín Romero (adestrador do Guitiriz): “Que non haxa lesións, seguir co bo ambiente que hai e competir ata o final”.

Diego Dopico (adestrador do Roupar): “Pediríalle que siga tendo a todos os meus xogadores comprometidos como ata agora e que lles respecten as lesións para poder seguir competindo e intentando manternos no bloque alto da táboa”.

Diego Rego (adestrador do Lourenzá): “Seguir desfrutando do fútbol como ata agora, que nos respecten as lesións e que as próximas eleccións nos traian ese campo de herba artificial que tanto ansiamos e necesitamos”.

Moncho Gato (presidente do Cabreiros): “Manter un grupo unido e divertido”.

José Manuel Rey Cora (presidente e adestrador do Goiriz): “Que o Goiriz siga sendo un referente en canto a grupo familiar e ninguén sufra ningunha lesión de gravidade”.

Abel Eijo conseguiu o ascenso a temporada pasada á Primeira Rexional co Burela. Foto: Sonia Paleo

Abel Eijo (adestrador da Candelaria): “Consolidarnos na categoría e intentar quedar o máis arriba posible”.

Israel Cruz (adestrador do Mondoñedo): “Saúde e esforzo para seguir medrando día a día e seguir ilusionando aos nosos afeccionados”.

Marcos Rodríguez (capitán do Iberia): “Conseguir matematicamente a permanencia canto antes na categoría e consolidar a xente nova que compón o cadro de xogadores para ter un proxecto futuro. Tamén saúde para todos (que non haxa lesións)”.

Marcos (directivo do Abadín): “Acadar a salvación o antes posible para non ter que depender do rendemento de equipos semiprofesionais. E que nos respecten as lesións máis do que o fixeron nas dúas últimas temporadas”.

José Ramón “Cuchi” (adestrador do Meira): “O noso desexo é salvarse o máis cedo posible e competir contra todos os equipos”.

Julio Castro (adestrador do Valadouro): “Que todas as desgrazas que sufriu o club en canto a lesións graves no 2018 desaparezan. A título persoal, desexo despedirme do club deixándoo o mellor posible para o próximo que asuma o cargo”.

Lolo (directivo da Comercial): “Encadear un par de vitorias consecutivas para que o grupo confíe e faga valer o potencial que realmente ten”.

Jose Carlos Fernández (adestrador do Cospeito): “Conseguir a permanencia na categoría e seguir na liña dos últimos seis partidos, ese será o camiño para lograr o obxectivo”.

Jesús Martín (adestrador do Cervo): “Desfrutar do fútbol con compromiso, vontade e ilusión; intentar mellorar e salvarnos”.

Grupo Sur

José Quintela (adestrador do Palas): “O desexo como todos sería ascender; pero para nós é realizar un equipo de futuro coa mistura de canteira e veteranía; e ser competitivos cada partido co noso estilo”.

O Ferreira venceu a SD Becerreá no primeiro encontro na Segunda do 2019. Foto: Leti Fernández

César (directivo do Ferreira): “Desexamos que nos respecten as lesións para poder competir e facer unha boa segunda volta”.

Manolo García (adestrador do San Roque): “O máis importante é que non se manque ningún xogador e que poidamos desfrutar deste deporte que tanto nos gusta. E se poder ser con moitas vitorias; mellor que mellor”.

Edu Fernández (presidente do Guntín): “O ascenso a Primeira Rexional”.

José “Cabanelas” (adestrador do Bóveda): “O noso desexo é ter unha 2ª volta moi parecida á 1ª. E tamén que non haxa lesións graves”.

Diego Piñeiro (presidente do Corgo): “Na directiva levamos pouco tempo polo que o obxectivo é seguir medrando. Melloráronse as instalacións e queremos seguir traballando moito co fútbol base. Non somos Lugo, o Corgo é un pobo pero queremos chegar as 200 fichas neste ano. No tocante ao equipo sénior loitar polos postos altos e se se pode ascender á Primeira, mellor; pero o ascenso é secundario”.

Ángel Merino (adestrador do San Lázaro): “Que nos respecten as lesións e intentar estar o máis arriba posible”.

Fernando Sánchez “Fer” (adestrador do Portomarín): “Manter unido este gran grupo de persoas e facer feliz ó pobo de Portomarín”.

Jorge Negrete (adestrador do Oural): “Que nos respecten as lesións e que os rapaces me axuden a facer deste Oural algo máis grande, sen deixar de ser unha gran familia. Por suposto, animar a xente nova a practicar este gran deporte do que estou profundamente namorado”.

Rodrigo Amarante (adestrador do Chantada B): “Que nos respecten as lesións, seguir medrando e mellorando ata o final de tempada para quedar o máis arriba posible e axudar, así, ao noso primeiro equipo como ata agora”.

Juan Carlos Gallardo “Chura” (adestrador do Brollón): “Que todos sigamos desfrutando do fútbol, manter o gran grupo humano que temos, non perder a ilusión e ter saúde para competir en igualdade”.

José Antonio Guerra (presidente da SD Becerreá): “Non baixar á Terceira”.

Lolo (adestrador do Sporting Lucense): “Que a cohesión e o compromiso do grupo co club sigan como ata agora. Recuperar aos xogadores lesionados para contar con máis recursos. Seguir mantendo o nivel competitivo das últimas oito xornadas”.

Diego Mejuto (adestrador do Santa Comba): “Para empezar que non se manque ninguén, empezar sumando e acabar salvando a categoría”.

Pedro Castro “Monarca” (adestrador do Incio): “Conseguir a permanencia na categoría sería un gran obxectivo para este 2019”.

Brais Vázquez (adestrador do Monterroso B): “Desexamos continuar acompañando e axudando ao primeiro equipo estando preparados para arrimar o ombreiro. Continuar abrindo camiño aos xuvenís en competicións sénior e, xa en segundo plano, mellorar os nosos números clasificatorios”.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario