Os derbis provinciais de Preferente rematan con triunfos visitantes

A undécima xornada de Terceira déixanos o triunfo do Polvorín no campo do Arnoia, o empate do Racing Vilalbés no Baltasar Pujales e a derrota do Viveiro na Grela diante do Silva. Na Preferente os tres enfrontamentos entres conxuntos lucenses remataron con triunfo visitante. Sarriana, Lemos e Ribadeo saíron vitoriosos das súas visitas a Santaballa, Foz e Escairón respectivamente. A Residencia perdeu na súa visita ao líder Montañeros.

Un gol no último suspiro sírvelle ao Polvorín para acadar os tres puntos no campo do Arnoia (0-1).

O filial albivermello retornou á senda da vitoria nun encontro diferente, condicionado polas dimensións do campo. Os de Álex Ortiz souberon competir desde o comezo e practicaron un fútbol máis vertical, incluso nalgunhas fases un xogo directo, moi diferente ao que nos ten acostumados. A primeira metade rematou sen grandes oportunidades, aínda que o cadro lucense foi o protagonista.

Fiso Ronda

Na segunda metade abriuse máis o encontro e o Arnoia xerou perigo con algún tiro exterior, mentres que o Polvorín foi quen de achegarse á portería rival mediante o balón parado. O cadro local quedou cun home menos e os albivermellos convertíronse nos únicos protagonistas do partido. Un tiro ao pao de Leandro a piques estivo de convertirse no tanto do triunfo, pero este non chegou ata o minuto 98 cando Xurde rematou un balón case debaixo do longueiro.

O Racing Vilalbés suma un meritorio punto no campo do Rápido de Bouzas (2-2).

Terceiro empate consecutivo e cuarta xornada sen coñecer a derrota para o conxunto chairego, que foi quen de arañar un punto importante nun dos campos máis complexos da categoría. E puido ser máis grande o botín se cabe se Pedrosa atinara cun lanzamento de penalti na segunda metade.

O encontro comezou igualado, cos dous equipos amosando un gran respeto polo rival e con poucas ocasións de gol. Cuadrado tivo a primeira para o Racing, pero non atinou a rematar un bo servizo de Vela. Preto do primeiro cuarto de hora, Cellerino aproveitou un bo pase desde a banda dereita para batir a Ángel Fraga. Coa media hora de xogo cumprida, Cuadrado fixo o empate e o gol non lle sentou ben ao conxunto vigués, que cedeu o dominio aos de Simón Lamas ata o intermedio.

Na segunda metade, o Racing Vilalbés entrou moi ben no partido e dominou o encontro, aínda que sen chegadas claras á área rival. Nunha das únicas dos de David De Dios voltáronse adiantar no marcador. Nun saque desde o curruncho o balón bateu en López e Adrián Rodríguez empurrou o balón ao fondo da portería. Co marcador en contra o Racing Vilalbés lanzouse a polo empate e nun envío de Cuadrado o balón bateu na man dun defensor local e o colexiado sinalou penalti, pero Pedrosa errou desde os once metros. Tan só uns minutos máis tarde chegou o empate. Javi Rey prolongou un balón longo e Cuadrado, que lle gañou a partida á zaga definiu perfectamente ante o porteiro. Nos últimos intres, Pedrosa cun disparo desde longa distancia a piques estivo de sorprender a Álex Vila.

Prolóngase a xeira negativa do Viveiro lonxe de Cantarrana (3-1).

Xa son cinco os encontros nos que os mariñáns non son quen de puntuar como visitantes, aínda que a imaxe do equipo foi relativamente boa, sobre todo en algún tramo do encontro.

Sidibé, que volveu á titularidade no canto de Arturo, puido adiantar aos celestes e Máquez e Joao Paulo puxeron a proba os reflexos de Manu Cedrón. O marcador non se moveu ata moi preto do descanso. Parafita conectou unha volea desde a frontal da área que foi imposibler para o gardameta viveirense.

Os de David Páez saíron de vestiarios coa clara determinación de acadar o empate. Rolle e Sidibé contaron con claras ocasións, pero non estiveron acertados. O segundo tanto chegou nunha xogada polémica. O que parecía un fóra de xogo claro non foi sinalado polo colexiado e Álex Lorenzo aproveitou a pasividade da defensa para poñere terra de por medio. A falta de dez minutos para o final, Máquez sentenciou o choque. Case co tempo cumprido, Nico recurtou diferencias cun bo testarazo nun saque de córner botado por Xaime.

A pegada da Sarriana, clave para sumar tres puntos diante do Santaballés (0-2).

A primeira metade resultou igualada. A Sarriana tivo o balón e achegouse con certo perigo a área rival, pero só inquedou cun tiro ao pao de Diego Rey. O cadro local, ben agazapado atrás buscou saír á contra con perigo. Nunha delas Novás lanzou fóra na que foi a máis clara dos de Juan Rodríguez nos primeiros corenta e cinco minutos.

Logo do paso por vestiarios a Sarriana saiu ao campo mellor e non tardou en adiantarse por medio de Diego Rey. O Santaballés deu un paso adiante na procura do empate e Jandro cun lanzamento de falta estivo preto de acadalo se non fora pola boa intervención de Javi Liz. Os de Edu Rodríguez aproveitaron os espazos para saír á contra e tiveron varias ocasións para sentenciar. Non o fixo ata os últimos intres por medio do xuvenil Hamza.

O Lemos prolonga a súa boa xeira diante dun Foz que suma a quinta derrota consecutiva (0-1).

Terceira vitoria consecutiva dun Lemos que segue opositando a firme candidato ao ascenso. No Martínez Otero foi superior a un Foz que non puntúa desde a terceira xornada.

Os monfortinos dominaron o encontro e contaron con claras ocasións nas botas de Mauro, Varela ou Rubén Díaz. No minuto 24 chegou o único tanto do encontro, obra de Fernando nunha xogada de estratexia. Os de Bebo apenas inquedaron a área rival.

Na segunda metade o Foz trocou de sistema e xogou con dous puntas, aínda que a variante non deu os froitos agardados e os visitantes puideron sentenciar á contra con claras ocasións de Armesto, Diego Arias ou Mauro, convertindo a Rubén nun dos baluartes do Foz. De tódolos xeitos o cadro local puido empatar moi preto do final cun lanzamento de falta de Canario que se estrelou no longueiro.

Unha Residencia superior cede no último intre co Montañeros (2-1).

Gran encontro da Residencia no campo do líder, iso si, sen premio. Comezou mellor o conxunto coruñés e adiantouse por medio de Rubén Rivera, que aproveitou unha pérdida de balón dos lucenses. O propio dianteiro puido facer o segundo, pero Sanmi estivo moi acertado. Os de Dani Galán tiveron varias ocasións moi claras, entre as que cabe salientar dous man a man de Veloso e Poratti.

Na segunda metade o dominio foi completamente lucense. Veloso e Borja, cun bo testarazo, rozaron o tanto. Quen o logrou foi Poratti, que definiu cunha vaselina ante a saída do gardameta. No minuto 89 a Resi roubou un balón ante o que o colexiado mandou seguir o xogo, pero a liña levantou o bandeirín. Borja protestou a decisión arbitral e foi expulsado. No lanzamento de falta Santi Taboada logrou o tanto do triunfo do Montañeros.

O Ribadeo sae vitorioso dun encontro con nove goles (3-6).

Nen máis nen menos que nove tantos se viron no Municipal. O derbi provincial agasallounos cun festival de tantos do que o Ribadeo saiu triunfante. O certo é que o comezo do encontro presaxiaba un encontro máis cómodo para os mariñáns. No minuto 20, Matelo en dúas ocasións e Nacho marcaron tres tantos grazas a tres erros da zaga do Escairón. Ata o descanso ben puideron chegar máis tantos, no que foi un monólogo dos de Dani Moirón.

No intermedio Julio Corral moveu as súas pezas e os trocos tiveron un efecto case que inmediato. Dous tantos de Mwado e un de Quiroguita devolveron as tablas ao marcador ante o desconcerto ribadense. Pero a febleza defensiva dos do Saviñao voltou a xogarlles unha mala pasada. Prosi e Nacho puxeron en vantaxe de novo ao Ribadeo e Jacob completou o «set», culminado así a goleada e a súa recuperación despois dunha longa lesión. O xuvenil Samuel Gundín volveu a ter minutos no primeiro equipo ribadense.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 425

Deja un comentario