Nunha xornada chea de derbis por toda a provincia, a categoría que leva a maioría é a Primeira Futgal. Entre todos, hai un no que o verán deixou alicientes novos para vivir un dos encontros máis atractivos da Terra de Lemos. O Atlético Escairón e o Brollón enfróntanse nun derbi no que queren dar solución ao comezo de liga de ambos conxuntos, xa que ambos só suman tres puntos. O encontro será este domingo ás 18.00 horas no Municipal do Saviñao.
Este derbi ten un aliciente especial despois do que aconteceu este verán. Poucos contaban con que este encontro se fose a xogar debido a que todos pensaban que o Brollón voltaría a xogar no grupo ourensán. Se ademais os factores de proximidade eran poucos, durante este verán deuse a marcha de catro xogadores desde o Brollón ao Atlético Escairón, o que lle da un novo punto ao derbi.
De todas formas, as xeiras de ambos incitan a outro valor fundamental para este encontro. Os dous equipos teñen a necesidade de sumar unha vitoria para comezar a subir postos na clasificación. Ambos suman tres puntos de forma diferente. O Brollón fíxoo cun encontro gañado, mentres que o Atlético Escairón fíxoo a base de empates.
OS PROTAGONISTAS
Castañer, xogador do Atlético Escairón e ex do Brollón

Primeiro derbi ante o Brollón: É unha semana diferente. Estás acostumado a un equipo e a unha afección, porque a do Brollón é para min a mellor de toda a provincia. Tomar a decisión de marchar da túa casa é moi complicado. Non contaba con eles no grupo ourensán, que cando tomei a decisión non quería xogar contra eles. Era unha premisa que non puido ser, pero agora tocará xogar contra os que aínda considero como os meus compañeiros. Agora estou noutro club e vou defender ao meu equipo a morte

Comezo de tempada individual: Está indo mal, levo dúas lesións cando non xogamos nin cinco encontros. Tiven unha sorte horrorosa cunha rotura no aductor e despois un esguince de tobillo despois de chocar cun árbitro, o que é unha situación de morrer de risa. Estou en dúbidas para xogar, pero farei todo o posible para ter minutos e poder axudar ao equipo.
Inicio do proxecto do Escairón: A dinámica é moi boa no traballo. Estamos adestrando moito e Moure estanos dando moito. Os resultados non están vindo por detalles como o balón parado. O día que nos entre será cando se poida ver o Escairón de verdade.
Miguel, capitán do Brollón

Significado do derbi: Xa choveu moito desde a última vez que coincidimos. É un partido especial pola proximidade e por todos os amigos que temos alí. Eu, pola miña idade, sei que me quedan poucos por xogar. Levamos moito sen vernos e temos moito cariño entre os cadros
Inicio de campaña: A vitoria ante o Monterroso deunos moito no aspecto anímico, pero o Cire deunos un golpe de realidade. Despois dese encontro, viñamos adestrando moi ben e plantamos cara ante Ribadeo e Foz. A dinámica de resultados é mala, pero no traballo está sendo todo o contrario.
A chave do derbi: Temos que ter calma, que non nos poida o nerviosismo que é moi habitual neste tipo de encontros. Penso que vai ser un partido longo, complicado e parello, pero que se pode decantar facilmente para o equipo que consiga poñerse por diante no marcador.
A ANÉCDOTA
Son sete os xogadores que militaron en ambos equipos e que poderían desputar o derbi. Por parte do Brollón, militaron no seu rival Leo, Pacho e Guiti. O caso do Atlético Escairón e especial, xa que os catro chegaron nesta tempada. Foron Dani, Smaily, Castañer e Isma.
A AXENDA
Terceira RFEF
Viveiro-Céltiga (domingo ás 12.00 horas en Cantarrana): Os mariñáns sumaron a súa primeira vitoria da tempada na anterior xornada e, agora, volven ter un reto moi interesante diante. Os de Marcos Pereiro chegan con moita confianza para afrontar un encontro ante un dos equipos da zona alta da táboa.
Preferente Futgal
Pol-Chantada (sábado ás 18.30 no Municipal de Pol): O primeiro derbi da Preferente xa está aquí. Dous proxectos moi diferentes entre si e que teñen metas dispares mídense no Municipal de Pol nun encontro onde ambos chegan en boa liña. O encontro definirá como pode ser o ano tanto para os de Labrada como para os de Traste, pero sobre todo dará un gran impulso de confianza ao vencedor.
Primeira Futgal
Racing Villalbés B-Santaballés (domingo ás 12.00 horas na Magdalena): É unha xornada de derbis na Primeira Futgal, pero o da Chaira chega nunhas condicións especiais. O filial é un o equipo máis en forma de toda a competición, sendo o único que sumou tres vitorias consecutivas. O Santaballés, pola súa parte, non se queda atrás, sumando sete dos últimos nove puntos desputados.
Segunda Futgal
Friol-Ferreira (sábado ás 17.30 horas na Reigosa): O líder do grupo sur, o Friol, mídese ao segundo clasificado, o Ferreira, nun encontro con moitos alicientes. O bo comezo de competición de ambos ponse a proba e moitos dos ollos do grupo estarán postos no que aconteza neste partido.
Terceira Futgal
Sporting Pontenova-Pol B (domingo ás 16.00 horas na Mina): Despois de que ambos sumasen os tres primeiros puntos da tempada, ambos se miden para manterse na loita polos postos altos nunha liga onde coller unha boa vantaxe de puntos pode resultar definitivo para acadar o único posto de ascenso directo.
Fútbol feminino
Comercial-Rois (domingo ás 16.00 horas no Rodríguez Lago 2): Só faltaba a Terceira Futgal feminina por arrincar e, despois da tardanza, farao para todos os equipos lucenses da provincia. O Comercial e o Carballedo serán os únicos que xogarán na casa, mentres que o Monteforte e o Antas B no seu regreso á categoría farano fóra da casa.

