#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Río Ouro debuta no fútbol sénior con vitoria

Co comezo do grupo norte da Terceira Futgal botaron a andar a totalidade das competicións do fútbol senior masculino lucense. O Río Ouro debutou cunha vitoria diante do San Ciprián, mentres que o Sporting Pontenova goleou sen piedade en Trasvías ao Celeiro.

O grupo sur disputou xa a segunda xornada de competición. Ningún dos conxuntos foron quen de vencer os dous partidos xogados e Comercial, Páramo e Quiroga son colíderes con catro puntos.

Chega o Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

GRUPO NORTE

O Sporting Pontenova impón a súa lei no campo do Celeiro (1-9). Encontro sen historia en Trasvías, onde o conxunto visitante realizou unha moi boa primeira metade na que pasou por enriba dun Celeiro que non estivo nada atinado na súa parcela defensiva. O 1-8 ao descanso deixa claro que o Sporting Pontenova de Héctor Expósito afronta a temporada coa idea clara de retornar á Segunda Futgal na primeira tentativa. Jorge cun hat-trick, chilena incluida, Jamuky cun doblete, Óscar Amor e Adrián marcaron para os visitantes e Mora fixo o tanto da honra para os de Martín Rodríguez. O técnico local fixo trocos no descanso e o equipo mellorou e o Sporting só marcou un gol, obra de Alesuco.

O Río Ouro goza do debut soñado no Árbol (3-2). Non puido comezar mellor a andadura do Río Ouro no fútbol sénior. En dez minutos xa contaba con dous goles a favor, obra de Ezequiel e Alexis. O San Ciprián reaccionou e igualou o encontro, aínda que as ocasións escasearon no primeiro tempo. Tras o paso por vestiarios, un erro en cadea da zaga e o porteiro visitantes remataron co terceiro tanto para os de Julio Castro. O Sanci desta volta si chegou á área rival co perigo e forzou dúas penas máximas. Un delas detívoa o gardameta Ángel e a outra transformouna Danielson. Preto do final, apretouse o marcador co tanto de Dani.

O Pol B vence no último suspiro ao Roupar (2-1). Partido no que o conxunto local levou a iniciativa do xogo ao longo da maior parte do choque fronte a un Roupar que defendeu ordeado, e en varias fases do encontro, con relativa comodidade. Malia todo, os pupilos de Basi gozaron de boas ocasións para marcar, entre elas dous penaltis, un en cada tempo que detivo Paco, un gardameta improvisado que adoita xogar de dianteiro. Lucas adiantou ao Pol B e pouco despois, nunha xogada desafortunada para os locais, empatou o Roupar cun gol en propia porta. No segundo tempo, o encontro rachouse máis froito do cansancio, e os de David Lorenzo gozaron da súa gran oportunidade á contra. O tanto da vitoria para o filial chairego non chegou ata o tempo de desconto, obra de Soumare tras un rexeite. O susto do encontro protagonizouno Porto, do Pol B, que tivo que ser evacuado en ambulancia tras un golpe na cabeza, pero foi dado de alta ao día seguinte.

Os rapaces deciden o encontro para o Cazás fronte ao Castroverde (2-1). Os visitantes saíron mellor ao campo e avisaron con dúas boas ocasións que salvou o gardameta Xabi, aínda en idade xuvenil, e cun testarazo de Gelo ao longueiro. Sobrepasada a primeira media hora de xogo chegou o gol local, obra de Nízar, outro xuvenil. O Cazás rematou mellor o primeiro tempo e contaron con algunha ocasión de ampliar diferencias. Os de Iago Núñez voltaron a saír máis atinados tras o paso por vestiarios. Pablito a piques estivo de lograr o empate pero novamente Xabi evitouno. A igualada chegou aos quince minutos, obra de Cancela. Richard e Xavi contaron con boas ocasións para darlle a volta ao marcador. Pero foi o Cazás o que se puxo por diante cun tanto semellante ao primeiro. Tras un saque de banda e prolongación, novamente Nizar enviou o balón ao fondo das redes. Os de Ángel Pena resistiron a úlitma embestida do Castroverde e sumaron os tres primeiros puntos.

Rioaveso e Muimenta asinan o único empate da xornada no grupo norte (1-1). Primeira metade parella, con lixeiro dominio do conxunto local. O Muimenta logrou adiantarse desde o punto de penalti. Martín, que volvía aos terreos de xogo, non errou desde os once metros. Preto da media hora de xogo chegou o empate local nun balón á espalda da defensa que aproveitou Bruno, nova fichaxe do Machi, procedente do Cazás. O segundo tempo non contou cun dominador claro e ámbolos conxuntos tiveron algunha oportunidade para marcar.

GRUPO SUR

A Comercial amosa boa imaxe e golea ao Taboada B (6-0). Os locais foron superiores ao seu rival ao longo dos noventa minutos. Malia ao intento de transicións do Taboada B non chegaron a xerar perigo diante da portería de Manu Jr. Torito amosouse intratable en ataque e logrou un póker de goles. David e Moste completaron a goleada para unha Comercial que comeza a temporada con forza.

O Quiroga vence no campo dun Rio Sil que xogou en inferioridade (3-4). O encontro comezou parello con ámbolos conxuntos tentando achegarse á portería rival a través do balón. Sobrepasada a media hora do xogo o Quiroga fíxose co control do partido e Ariel e Cebolas contaron con boas opcións de gol. No minuto 35 chegou unha acción determinante, a expulsión do gardameta local Saúl por unha falta cometida fóra da área. Nese lanzamento adiantáronse os visitantes cun gol de Chechu. Tras o paso por vestiarios foi quen de igualar o Río Sil por medio de Dasi, pero o Quiroga refíxose e logrou dous tantos obra de Manoliño e Ariel. No último cuarto de hora o Quiroga tamén quedou con dez xogadores ao non deixar o colexiado xogar a un futbolista do Quiroga cun piercing, aínda que estivera tapado. En igualdade numérica surxiu a figuara de Kylian, contrastado goleador que logrou dous tantos. Nos últimos intres, Alex fixo o cuarto tanto para un Quiroga que logrou a primeira vitoria da tempada.

O Relámpago Taboada reacciona e salva un punto fronte ao Páramo(2-2). Choque de estilos, cun Relámpago que apostou polo fútbol directo fronte a un Páramo que practicou un fútbol máis combinativo. Os visitantes adiantáronse preto do descanso cun gol de Miguel e ao pouco de comezar o segundo tempo puxeron terra de por medio cun tanto de Gonzalo. Teo puido facer o terceiro pero o balón bateu no pao. Non se veu abaixo o Relámpago e puxo a proba en varias ocasións os reflexos do gardameta Marquitos. Nun saque de córner Cabo recurtou diferncias e pouco despois nun balón prolongado Fran estableceu o empate. Preto do final, o colexiado anulou un gol ao Páramo por un fóra de xogo moi protestado.

O Carballedo vence con contundencia ao Sober no Catro Ventos (3-0). Encontro que comezou parello, pero que non tardou en convertirse nun ida e volta sen que ningún dos conxuntos fora quen de dominar o centro do campo. O Carballedo tivo máis presencia en campo rival e adiantouse cun gol de Doval tras un saque desde o curruncho mal defendido polos visitantes. O propio Doval fixo o segundo nada máis voltar de vestiarios. O seu centro envenenouse entrou pola escadra. Armental moveu o banquiño na procura dun revulsivo que os metera no partido, pero non foi posible. Nunha falta sen aparente perigo, Carral sentenciou co terceiro. Nos minutos finais, ámbolos conxuntos erraron sendas penas máximas.

O Casás remonta fronte ao Becerreá B e suma a primeira vitoria do curso (3-1). O Casás comezou dominando o choque e xerando ocasións de gol que non foron quen de concretar. Os visitantes apenas foron quen de chegar con perigo á área rival, pero preto do descanso, nun lanzamento de falta, chegou o gol tras un bo disparo de Borja. Tras o descanso, o Casás intensificou o seu dominio e o empate non tardou en chegar grazas a un tanto de Maira. Os de Andrés Rodríguez completaron un bo partido e Yerai con dous tantos certificou o triunfo local.

O Río Ouro debuta no fútbol sénior con vitoria

Pastoricense e Alfoz quedan sós co pleno

O Río Ouro debuta no fútbol sénior con vitoria

O Río Ouro debuta no fútbol sénior