“O obxectivo era salvar ó equipo” Jon Vázquez, ex adestrador do Chantada Atlético

Jon Vázquez deixou esta semana de ser o adestrador do Chantada Atlético. O club chantadino tomou esta decisión despois dos últimos resultados do equipo e co obxectivo de reactivar ao seu cadro de xogadores. Dese labor encargarase agora o xogador Fran Regal de quen o seu antecesor fala marabillas. Apenas 3 días despois do acontecido, Jon aínda está asimilando unha situación inesperada.

Futbolinlugo: Esperábaste esta destitución?

Jon Vázquez: Para min foi bastante sorprendente. Si que é certo que levábamos tres derrotas consecutivas contra tres conxuntos da parte alta. Ademais nestas tres últimas semanas o equipo estivo bastante mermado xa que sufrimos unha serie de baixas entre lesións e sancións. Aínda así, penso que as sensacións non eran malas. Eu confiaba que agora que o calendario nos poñía en fronte rivais da nosa liga que iamos sacar puntos, pero a directiva decidiu cambiar.

F: A destitución prodúcese unicamente polos malos resultados?

JV: A min o que me comenta o presidente é que o equipo non está onde eles pensan que poden estar. É unha decisión que eu non comparto, pero é algo que lles corresponde a eles.

Once do Chantada Atlético na última vitoria do equipo na casa, ante o Burela

F: Cal é o obxectivo que se che plantexa a comezos da temporada?

JV: A min o obxectivo que se me plantexa é salvar o equipo e intentar, se se pode, igualar a posición do ano pasado. No curso anterior o equipo quedou undécimo pero con dous puntos de vantaxe sobre o descenso. Este ano foi complicado porque xogadores cos que se contaba cando se me ficha a min, ao final non poidemos contar con eles. Houbo varios trocos no cadro de xogadores e andar cambiando durante a liga futbolistas sempre o fai máis complicado.

F: O ano pasado a loita polo descenso estaba máis apretada, que che pareceu o nivel da Primeira Galicia?

JV: É unha categoría que eu non coñecía desde dentro e pareceume bastante atractiva. Todos os equipos che poñen en apuros e hai bastantes xogadores que creo que podían estar xogando noutra división superior.

F: Como ves ao teu subsituto no banco do Chantada Atlético , despois de ser adestrador del?

JV: Para min Fran é unha persoa espectacular. É desta xente que na primeira conversación que tes con el daste conta que é alguén especial. Foi unha pena non poder disfrutar máis del este ano no campo polas lesións. Ten un carisma especial e estou convencido que lle vai ir ben. Deséxolle toda a sorte do mundo.

F: E agora cal é a túa intención para o futuro?

JV: Aínda está todo moi recente, estou en fase de asimilar.  Para este ano xa poucas semanas quedan de competición e quizais sexa o momento de parar e velo desde fóra. E despois o tempo dirá se sae algo por aí.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario