Notas da Segunda e da Terceira na primeira xornada de marzo

Entra marzo e con el o tramo decisivo da temporada, mesmo na Terceira Galicia a vindeira xornada xa será a última en canto a competición regular se refire. Desta maneira as notas Futbolinlugo tamén se ven influenciadas por aquelas actuacións que poden resultar decisivas o final de temporada.

A figura: Chungui do Xermade

Diego Bellas “Chungui” anotou os dous goles no partido que o Xermade gañou por 2-0 ante o Mondoñedo. En cinco minutos (os que van do 60 o 65) marcou os dous tantos que ademais de permitir a terceira vitoria seguida do conxunto xermadino, colócanos na segunda posición da táboa. Un posto que lles daría o ascenso directo á Primeira Galicia.

O ás: Gabi do Castroverde

Gabriel Rodríguez foi o auténtico protagonista a pasada fin de semana por Castroverde. O equipo da Terceira Galicia grupo sur xogou dous partidos entre o sábado e o domingo. Por un lado, ante o Becerreá ao que golearon por 7-0; e por outro, un encontro aprazado co Relámpago Taboada ao que tamén derrotaron por un contundente 7-1. Gabi emerxeu como o ás ao anotar entre os dous partidos catro goles en apenas sesenta minutos desputados. Con este triunfo o Castroverde é segundo a un punto do líder, o Portomarín.

Nin pé con bóla: SD Muimenta

O Muimenta volveu colleitar esta xornada unha nova derrota na Segunda Galicia grupo norte. O equipo cospeitense caeu derrotado na súa visita ó Cabreiros por 3-0. O peor non é a derrota ante un dos equipos da zona alta, se non que a mala traxectoria do equipo complica a situación. Levan catro partidos sen gañar de maneira consecutiva e son antepenúltimos con dous puntos de vantaxe sobre o Cospeito que marca zona de descenso, pero condicionados polos posibles arrastres.

Demasiado intenso: Candelaria

Emilio Mendes foi sancionado cun encontro despois de ser expulsado no partido no que o seu equipo derrotou por 4-3 ó Cospeito. Segundo a acta do partido, a Emilio caeulle o cartón vermello por dirixirse de maneira non axeitada aos árbitros. Tamén foi sancionado o delegado do equipo. A Candelaria atópase na zona tranquila da táboa clasificatoria con 32 puntos.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario