#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo, xornada 25

Unha xornada máis para uns máxicos que afrontan os dous últimos meses de competición con todo por decidir.

Taboada 2-4 Chantada Atlético: estiveron máis acertados os visitantes na Medela. O «Atleti» golpeou primeiro cun tanto de Adri Salgado antes do descanso e, aínda que o Taboada tratou de reaccionar tras a reanudación, os chantadinos fixeron o segundo ao comezo do segundo tempo. Os locais comezaro a remar contra corrente nese momento, pois fixeron o 1-2 e apretaron aos seus rivais ata que estes sentenciaron con dous tantos máis, 1-4. Na recta final chegaría o 2-4 que maquillou o resultado.

Monterroso 0-2 Outeiro de Rei: foi mellor o Outeiro a nivel defensivo en Cerdeiriños. A nivel ofensivo o duelo foi parello, pero un gol de Pereira logo dunha falta lateral puxo o 0-1 antes do descanso. No segundo tempo o Monterroso apretou máis, pero non concretou a presión con goles. Outra falta lateral botada por Álvaro e rematada por Pereira traduciuse no 0-2 definitivo para asinar a sétima vitoria consecutiva do Outeiro.

Santaballés 2-2 Pol: partido vibrante na Liga, con dous equipos que comezaron moi intensos e acechando a área rival. Froito diso, Dani faría o primeiro para os seus, 0-1. O Santaballés mantivo a compostura e fixo perigo por medio de centros laterais, ata que chegou o empate antes do descanso. Os visitantes aproveitaron un contragolpe no segundo tempo para poñer o 1-2, pero unha falta lateral a prol dos locais nos últimos intres fixo xustiza e traduciuse no 2-2 definitivo, aínda que Chufi puido facer o 2-3 na última xogada do choque.



Castro 2-0 Foz: gran victoria do Castro ante o Foz no Arturo Pereiro. Os locais comezaron moito máis enchufados e Noel fixo o 1-0 no primeiro cuarto de hora, pero os mariñáns deron un paso adiante co gol e buscaron o empate. Porén, a solidez defensiva local valeulles para manter a renda e sentenciar o choque mediada a segunda parte, co 2-0 definitivo ante un Foz que acusou moito as baixas coas que chegou ao municipal chairego.

Antas 0-0 Xove Lago: partido moi vistoso no Castro Seoane, no que o resultado gafas semella un milagro para os que viron o choque. Os locais foron mellores no primeiro tempo, pois gozaron de varias ocasións diante do porteiro xovense para adiantarse, pero a máis clara foi un remate de Maikel para os visitantes. No segundo tempo mellorou o Xove, pero os locais continuaron a xerar oportunidades que non se traducían en gol. Os mariñáns aproveitaron os saques de banda longos para meter o balón na área, pero era unha tarde na que o marcador non se ía mover por moito que pasara.

Lourenzá 0-2 Riotorto: logo dunha primeira parte igualada, na que o Lourenzá dispuxo de unha ocasión clara que desbaratou Manu, e o Riotorto puido adiantarse por medio de Pape, pero ao descanso o resultado era de 0-0. No comezo do segundo tempo, Coedo fixo o 0-1 cun remate de cabeza e, aínda que o «Atleti» pechou aos visitantes no seu campo, Isaac Rouco fixo un gran gol para dar a tranquilidade ao Riotorto, 0-2.



Pastoricense 4-1 San Ciprián: vintecinco minutos para o olvido condenaron ao Sanci á derrota no Acebreiro. O Pastoricense foi unha apisonadora na primeira media, froito do cal puxo o 3-0 no electrónico e deixou o partido visto para sentenza. No segundo tempo os visitantes tiraron de orgullo pero os locais estiveron moi sólidos, e tan só un gol de cada equipo nos intres finais fixo que o marcador variase, 4-1 na Pastoriza.

Sporting Pontenova 2-3 Atlético Escairón: tolemia na Mina nun choque moi vistoso. O líder comezou mellor e aproveitou dous erros locais para poñer o 0-2 no 35′, o segundo deles de penalti, pero unha indecisión dos visitantes permitiu ao Sporting facer o 1-2 antes do descanso. Unha boa acción local supuxo o 2-2 tras a reanudación e, desde o gol, o choque embarullouse e ambos equipos sufriron unha expulsión. Na última acción do partido, o conxunto visitante fixo o 2-3 para afianzarse no liderado dunha categoría que está que arde.

SD Chantada 1-0 Burela: o Burela fixo o partido moi digno no Sangoñedo, pois tivo moita posesión de balón ante un equipo que adoita dominar no seu campo. Porén, unha gran acción individual de David no minuto 7′ inclinou a balanza a prol dos locais. O Burela intentouno, pero a SD Chantada fíxose co balón no segundo tempo e impediu a reacción visitante nun choque con fútbol moi vistoso pero con poucas ocasións.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *