#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal #Veteráns

«O Taboada cambioume a vida» Emilio Besteiro, ex-xogador do Taboada CF

A Medela resístese a perder aos dous «Emilios» no mesmo ano. Primeiro foi o míster e agora, un símbolo do fútbol provincial colga as botas ou, polo menos, no que se refire á categoría sénior. Realmente, para alguén que leva toda a vida xogando o fútbol faise difícil non volver sentir os tacos na planta dos pés. Aínda por riba cando é un deses homes de club, que non vestiu outra camisola que non fose a do Taboada CF. Emilio José Besteiro Fernández «Emi» xa ía adestrar co equipo da Medela cando aínda non tiña ficha para poder xogar. Arredor de 24 anos de fútbol en estado puro e nas últimos campañas capitán da nave branquiazul. Ninguén máis vestirá o dorsal 17 que será retirado e colgado no campo en homenaxe a Emilio. No trofeo das festas dos miragres en agosto, o club faralle unha despedida. Nas lembranzas de Emilio queda a rabia de non poder estar en persoa nun dos momentos máis importantes do club; na mente, a consciencia de que o Taboada lle cambiou a vida.

Futbolinlugo: Por que tomas a decisión de deixar o fútbol sénior?

Emilio: Pola idade, xa son 37 anos. Por iso o deixei, non hai outro motivo.

F: Foi unha decisión repetina ou xa a viñas barallando?



E: Xa a tiña algo meditada. Tomeina definitiva en función de como reaccionaba o equipo ao saír a directiva e o adestrador. Se ía haber desbandada non quería deixar isto tirado, pero como a resposta dos xogadores foi moi comprometida dixen, «agora é o momento».

«No Taboada a forza era a do grupo, non eu»

Emilio (na fila de abaixo, terceiro pola esquerda) na temporada 98/99

F: Coa túa longa traxectoria fiel ás cores do Taboada, que valores cres que debe aportar un home de club?



E: O que tes é que crear vestiario. Considereino sempre así. No Taboada a forza era a do grupo, non eu. Sempre que poñas por diante o ben do equipo antes ca o individual, o conxunto vai ir ben.

F: Que representa para ti o Taboada CF?

E: Moitísimo. Fixen moitos amigos e coñecín excelentes persoas. A  verdade é que me cambiou a vida.

«Perdinme, quizais, o momento máis importante do club»

F: Quedouche algunha cousa pendente nestes anos?



E: Leveime unha desilusión cando foi o ascenso na promoción fronte ao Noia á Preferente (do que se cumpriron cinco anos o sete de xullo). Por motivos de traballo non puiden estar xa que andaba por Algeciras. Levei unha rabia… Botei toda a vida aquí e perdinme, quizais, o momento máis importante do club.

F: Foi unha das poucas veces que o traballo che impediu xogar co Taboada…

E: Estiven cinco anos en Madrid e viña xogar, con iso xa che digo o compromiso que tiña co club.

F: Despois de tantos anos polos campos da provincia, en que estado vés o fútbol afeccionado lucense?

E: Está nun momento bo. Creo que melloraron moito os clubs a nivel de organización e todo. Por exemplo, vexo unha Primeira moi bonita.

F: Como vés ó Taboada? A Primeira é a categoría na que debe estar?

E: Creo que si. A Preferente para un pobo como Taboada economicamente é difícil de manter. Xa o é en Primeira, as directivas teñen que facer un esforzo moi grande. Iso non quita que o ascenso foi un premio marabilloso. Viviuse un ano estupendo, enganchouse moita xente o fútbol e veunos moi ben. O problema é que case non temos rapaces. Ano tras ano a directiva ten que andar buscando rapaces para o equipo xuvenil e así é complicado.

F: Que foi o máis bonito que viviches durante estes anos?

E: Eu quédome co compañeirismo e co bo ambiente que houbo sempre no vestiario. Xogadores que viñan de Chantada ou de pobos do lado sempre destacaban iso, que tiñamos un vestiario con moita harmonía. E con iso me quedo, cos grandes amigos que fixen.

«Seguramente xogue nos veteráns do Taboada»

Emilio xogou o seu último partido oficial co Taboada nos cuartos de final da Copa fronte o Lemos onde portou por última vez o brazalete de capitán

F: Vas seguir vinculado dalgunha maneira o club?

E: Non sei aínda. Non me vou desligar porque levo moitos anos e é algo que me encanta. Dunha ou doutra maneira vou estar ligado. Seguramente xogue nos veteráns do Taboada e intentarei botarlles unha man no club. Xa lles dixen que contasen comigo para o que necesitaran.

F: Pendente do Taboada sempre…

E: Si si. Levo toda a vida aquí, é o meu club e sintoo así.

«O Taboada cambioume a vida» Emilio Besteiro, ex-xogador do Taboada CF

Diario dun mercado. Episodio 30

«O Taboada cambioume a vida» Emilio Besteiro, ex-xogador do Taboada CF

Diario dun mercado. Episodio 31

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *