Chega a hora da verdade. Non hai marxe de erro nos play off de ascenso e varios lucenses poñen en xogo dar o salto de categoría.
Entidades históricas como o Lemos tentarán xogar en Terceira RFEF, mentres que o seu filial buscará un ascenso histórico a Primeira Futgal.
Analizamos os encontros de play off e tamén a final do Torneo Delegación e a derradeira xornada na Primeira Galega Feminina na que o Antas pon en xogo as súas opcións de ascenso.
PROMOCIÓN DE ASCENSO Á TERCEIRA RFEF
Lemos – Negreira (Domingo ás 18:30 horas na Pinguela)
Os monfortinos comezan o seu camiño para retornar á Terceira RFEF, categoría na que militaron por derradeira vez fai dezaoito anos. O proxecto que comezou Edu Rodríguez desde o banquiño e que agora capitanea Marquitos afronta un reto maiúsculo para o fútbol do sur da provincia. O Lemos debe superar dúas eliminatorias para lograr o seu gran obxectivo. Na primeira o rival non é outro que un Negreira que este mesmo ano recibiu na Copa do Rei á Real Sociedad.

O rival dos monfortinos chega a este partido logo de caer nos dous últimos encontros de liga, feito polo que caeu á terceira praza, superado polo Betanzos. Os de Adrián Vázquez contan co pichichi do grupo 1, Alberto Freire, que se verá as caras con Fito nun auténtico choque de killers. Ademáis, o Lemos terá que vixiar ben de preto a Adrián Pereira e Juan de Selia, xogadores de ataque que remataron a temporada cun bo número de goles.
O vencedor desta eliminatoria verase as caras na gran final co gañador do enfrontamento Portonovo-Ordes.
PROMOCIÓN DE ASCENSO Á PREFERENTE FUTGAL
Calo – Monterroso (Domingo ás 18 horas no Municipal de Rebordelo)
O Monterroso, segundo clasificado do grupo lucense, comeza o play off de ascenso visitando ao Calo, o terceiro do grupo compostelán de Primeira Futgal. O cadro vermello, que quere retornar dez anos despois á Preferente, é un dos conxuntos que chega nun mellor estado de forma á promoción.
O Calo, ao igual que o Monterroso, non comezou a temporada co obxectivo do ascenso marcado entre cella e cella. Malia todo, o transcorrer da competición fixo que os de Teo se situaran nos postos de privilexio. Con Juan Carlos Pájaro no banquiño, contan cunha interesante mistura de xogadores veteráns como Adrián Vigo, que procede do Lalín, ou Paz, e outros novos talentos, como Vilariño, Xian ou Dopazo. Conta nas súas filas tamén con Marcos Mella, irmán do xogador do Deportivo David Mella.
O vencedor desta eliminatoria xogará a final diante do gañador do Xuvenil de Ponteareas-Meicende.
Ribadeo – Gondomar (Domingo ás 18:30 horas no Pepe Barrera)
Se o Monterroso chega nun gran estado de forma á promoción, o Ribadeo non é menos. Os de Dani Moirón, que acadaron o pase nun derradeiro partido antolóxico diante da Residencia, non coñecen a derrota desde o mes de xaneiro, cando caera in extremis no Pepe Barrera diante do ascendido SD Chantada.
Enfronte estará un Gondomar cuns números aterradores. Oito vitorias consecutivas e nen máis nen menos que vintedúas xornadas sen coñecer a derrota. Oitenta puntos e cento un goles a favor. Unhas cifras que o Ribadeo debe contrarrestar se quere chegar á final diante do vencedor da eliminatoria entre o Mugardos e o Caión.
O Gondomar conta con futbolistas de grande capacidade anotadora como Saúl Vecina, Dani Pascual, Abdu ou Diego Vasco, todos eles por enriba das quince dianas.
PROMOCIÓN DE ASCENSO A PRIMEIRA FUTGAL
Xuventude Dorneda – Guitiriz (Domingo ás 12:30 horas na Marola)
O Guitiriz quere volve á Primeira Futgal e comeza o seu camiño visitando ao Xuventude Dorneda, conxunto do concello de Oleiros, que chegou a militar na Terceira RFEF, con Dapo, ex do Ribadeo e Castro, entre outros, nas súas filas.
O Dorneda rematou terceiro nun grupo no que ascenden dous equipos directamente e é un conxunto que marca e tamén recibe moitos goles.O xove Dani Lado, formado na base do San Tirso, é a súa principal baza ofensiva.
O Pino – Lemos B (Domingo ás 17:30 horas en Reboredo)
Play off histórico para a entidade monfortina con dous equipos nos play off de ascenso. O filial buscará ascender por primeira vez á Primeira Futgal, logo dunha gran temporada na que competiu de ti a ti cun Becerreá que acadou o ascenso directo.
Enfronte estará un conxunto con pasado recente na Preferente Futgal e que quere recuperar o tempo perdido. É o equipo menos goleado do seu grupo e fixo do Reboredo o seu fortín, con só un encontro perdido na liga regular. O Pino, adestrado por Adrián Mourazos, apostou para esta temporada por un grupo de xogadores moi novos, con só dous futbolistas que superan a trintena,
TORNEO DELEGACIÓN (FINAL)
Mondoñedo – Corgo (Sábado ás 18:30 horas no Pichón)
O feudo do Muimenta acollerá a gran final do Torneo Delegación da Terceira Futgal. Enfrontaranse os dous mellores equipos da fase regular. Ámbolos dous acadaron o ascenso directo e lideraron os seus grupos, e ademáis os mariñáns fixérono sen coñecer a derrota.
Unha final para culminar unha temporada para o recordo nas dúas entidades.
PRIMEIRA GALEGA FEMINNA (DERRADEIRA XORNADA)
Rosalía – Antas (Domingo ás 12 horas en Oira)
Encontro chave para as da Ulloa, que chegan á derradeira xornada con todas as opcións de xogar a promoción de ascenso a Terceira RFEF.
Enfrontamento directo entre dous dos aspirantes. O Rosalía é segundo con 66 puntos, un máis que un Antas que supera en un punto ao Atlético San Pedro. Un triunfo das rapazas adestradas por Óscar Méndez outorgaríalles automáticamente praza no play off como segundas clasificadas. Un empate ou unha derrota deixaría ao Antas a expensas do que ocorra no Lóstrego B – Atlético San Pedro. Si a vitoria do Antas non chega, é preciso que tampouco o faga o conxunto oleirense.
No caso de obter o billete para a promoción de ascenso, o Antas xogará unha eliminatoria a doble partido con Rosalía ou Atlético San Pedro. Se logra a segunda praza, a volta sería no Castro Seoane.

