Na xornada de Terceira RFEF, o Racing Vilalbés sumou tres importantes puntos diante do Somozas na Madalena, mentres que o Viveiro empatou no Viso fronte ao Arzúa. Na Preferente, a Sarriana gañou no campo do San Tirso e segue con paso firme no liderado, mentres que a Residencia impúxose ao Portomarín no derbi provincial. O Lemos perdeu diante dun intratable Betanzos e o Ribadeo non foi quen de sumar diante do Victoria.
O Racing Vilalbés vence ao Somozas e abre oco co sexto clasificado (1-0)
O cadro chairego aproveitou a derrota do Gran Peña e conta con cinco puntos de marxe coa sexta praza, no seu camiño por xogar a promoción de ascenso. O Racing Vilalbés saiu moi ben ao partido e non tardou en contar con boas ocasións para facer gol por medio de Marcos Álvarez e Cuadrado. O Somozas, co paso dos minutos, fíxose co dominio do balón, aínda que se atopar fendas na zaga vilalbesa. Moi preto do descanso Pablo Rey viu o segundo cartón amarelo e o Racing quedou con dez. A acción foi moi protestada polo cadro local.
Na segunda metade Simón Lamas deulle entrada a López e Vérez no canto de Javi Rey e Álex Pérez e o Racing estivo cómodo en inferioridade numérica, sen apenas sufrir en defensa e saíndo á contra con perigo. A ocasión máis clara tívoa Marcos Álvarez nun lanzamento de falta que atopou a boa intervención de Aitor. A falta de quince minutos para o final igualáronse as forzas ao ver Rubo o cartón vermello directo cando este ía ser trocado. Os chairegos fóronse a polo partido e no desconto chegou o tanto do triunfo, obra de Make logo dunha boa xogada dentro da área.


O Viveiro suma un importante punto diante do Arzúa, rival directo pola permanencia (0-0)
O conxunto celeste mantén cinco puntos de vantaxe, máis golaverage, co Arzúa logo dun intenso encontro disputado no Viso. A primeira metade foi moi igualada e táctica, onde as defensas se impuxeron claramente aos ataques e apenas se viron ocasións de gol.
Na segunda metade o Arzúa tivo maior dominio do balón e contou con chegadas perigosas á área por medio de Chiño e Lucas Antañón. A ocasión máis clara para o cadro local chegou desde o punto de penalti, onde resultou providencial Casillas ao deter o lanzamento de Lucas Antañón. O Arzúa non deixou de buscar o gol, pero a zaga viveirense amosouse moi firme. O Viveiro contou con opcións para levarse os tres puntos á contra e sobre todo a balón parado.

A Sarriana vence no campo do San Tirso nun difícil encontro (1-2)
Partido moi duro, trabado e de moito duelo indiviudal diante dun San Tirso que optou por un fútbol directo ao que a Sarriana soubo respostar. Os de Brais Prados xogaron en campo rival optando por levar o balón ás bandas e Herrero e Santín contaron coas mellores ocasións para adiantarse no marcador.
Na segunda metade o San Tirso deu un paso cara adiante e subiu a liña de presión. A Sarriana, malia todo, chegou con perigo á área rival e Marcos e Diego Rey tiveron boas opcións de marcar. Con doce minutos gastados do segundo tempo chegou o primeiro tanto sarriao. Santín deixou un bo balón a Diego Rey na frontal da área e este axustou o balón preto do pao e lonxe do alcance do porteiro. O San Tirso non se veu abaixo e acadou o empate nun balón en longo que aproveitou Sito para batir a Javi Liz. A falta de cinco minutos para o final, nun saque de banda, funcionou a pizarra de Brais Prados e Hamza, de cabeza, fixo o gol do triunfo.
A Residencia sentencia o derbi provincial diante do Portomarín na primeira metade (1-3)
O conxunto capitalino realizou unha boa primeira metade e superou con claridade a un Portomarín que realizou unha presión alta, que os de Dani Galón souberon superar. Aos quince minutos Txiki abriu a lata cun bo lanzamento desde a frontal e pouco máis tarde Yago aproveitou un balón ao espazo para superar a Chumi no un contra un e poñer terra de por medio. Fer protestou esta acción e viu dous cartóns amarelos deixando en inferioridade ao cadro local. Yeray contou con dúas claras ocasións, pero atopouse coas boas intervencións do gardameta do Portomarín. Xusto antes do intermedio, Yago rematou dentro da área un bo centro de Txiki, nunha acción protestado polo Portomarín ao entender que existía fóra de xogo.

Na segunda metade a Residencia baixou o nivel e o Portomarín buscou maquillar o resultado. Fabián, Martín e Hugo contaron con boas ocasións para facer gol. O gol local chegou nun balón desde a banda dereita que centrou Josito e rematou Troulo ao fondo da portería e supuxo o premio ao esforzo dos miñotos no segundo tempo.
O Ribadeo, en clara inercia negativa, suma a quinta derrota consecutiva (0-1)
Dura derrota a sufrida polo Ribadeo diante do Victoria, que situa aos de Dani Moirón a só tres puntos dos postos de descenso directo. O conxunto local, sen realizar un gran encontro, mereceu un premio maior. Os visitantes estiveron preto do gol na súa primeira acción de ataque á que Dos Santos respostou moi atinado. O Ribadeo fíxose co control do partido, pero as ocasións tardaron en chegar. Preto da media hora de xogo, un bo balón de Xurde deixou a Aitor só diante do gardameta, pero errou o un contra un. O rexeite enviouno Santi preto do pao. Dos Santos tivo que intervir para enviar a córner un bo remate de Jorge, e pouco despois Xurde, moi activo en ataque, rematou desde a frontal preto da escadra.
Na segunda metade o Ribadeo foi superior ao seu rival, sobre todo nos primeiros vinte minutos. Nada máis comeza, Asier revolveuse ben na área e obrigou ao gardameta a realizar unha boa intervención. No saque de córner, Xurde cabezou lixeiramente alto. Iván García, nada máis entrar ao campo contou cunha boa oportunidade, que serviu de preludio ao gol visitante. Nun dos poucos achegamentos do Victoria no segundo acto, un centro lateral rematouno Jorge, que superou a Germán, ao fondo da portería. O cadro coruñés defendeu o resultado e o Ribadeo apenas foi quen de xerar perigo nos minutos finais. O cadro local reclamou penalti a Xurde por un empurrón á saída dun córner que o colexiado non sinalou.
O Lemos perdeu co Betanzos e rachou unha xeira de sete encontros sen perder (0-2)
Derrota dos monfortinos fronte a un Betanzos que sumou oito vitorias nos últimos nove encontros. Os visitantes adiantáronse aos cinco minutos de xogo nunha acción a balón parado que rematou Juan de Dora ao fondo da portería. O Lemos convertiuse en dominador do partido e contou con ocasións máis que suficientes para darlle a volta ao marcador. O gardameta betanceiro Borja Varela tivo unha actuación estelar e detivo varias accións claras de gol dos lemistas.
O cadro local reclamou un penalti na segunda metade que o colexiado non sinalou. O Betanzos concedeu menos en defensa no periodo final, no que foi quen de sentenciar con outro tanto a balón parado, este obra de Xusto. Quinto tanto do focense desde a súa fichaxe polo Betanzos no pasado mes de xaneiro.
