Xa o avisabamos a semana pasada. O PM Friol cometía serio risco de incorrer en ‘alineación’ indebida. E así foi. O cadro amarelo acudía con só sete xogadoras con ficha ‘A’ ao seu encontro co Zaragoza CFF. E sucedeu unha das fatalidades que adiantabamos que podía pasar.
O conxunto de Covi Regueiro realizou unha boa posta en escena. E estaba máis cómodo que o seu rival dentro da igualdade reinante. Ata que no ecuador da primeira metade sucedeu a xogada que cambiou por completo o partido. María Alejandra Jaimes lesionábase no xeonllo nun man a man que remataba en gol maño. E obrigaba a entrar na portería a Lucía Arcos, con ficha B.
A partir de aí, e con todos perfectamente conscientes de que esa substitución supoñía a derrota automática, o encontro sobroulle a unhas e outras. O Zaragoza CFF tivo un comportamento exemplar e non quixo facer sangue ante un PM Friol que era un poema do romanticismo. Triste, impotente e inoperante.
Veremos como transcorre esta semana. O primeiro paso é agardar a se prospera calquera reclamación por ‘alineación’ indebida. En caso afirmativo, a repetición desta problemática remataría no descenso directo do PM Friol e o adeus á competición. En caso negativo, e que se teña só en conta o resultado deportivo, a corda ao pescozo afogaría algo menos. Pero o PM Friol segue moi colgado. Ou recupera pronto a algunha xogadora mancada ou a situación de saída para esta próxima xornada é aínda máis preocupante que a da pasada data.


O que si, ata onde puidemos saber, o cadro presidido por Geluco Villar traballa arreo cun axente asentado en terras mañas para incorporar ata catro xogadoras do leste de Europa, cuxos papeis necesarios para tramitar as licenzas non rematan de chegar. O feito de realizar tantas incorporacións débese a que, polo menos, un par de futbolistas do equipo amarelo están apurando o seu adeus ao cadro perruqueiro. Neste punto debemos recordar que o mercado pecha o día 31 de xaneiro.
O PM Friol remítese ás cláusulas de rescisión para gañar tempo. Pero non ten a tixola polo mango. A pelota está no teito das xogadoras. Unha segunda ‘alineación’ indebida deixaría libres a todas as xogadoras do cadro de Covi Regueiro, podendo asinar por calquera club en calquera momento. E coa situación actual do conxunto da Reigosa, algunha pequena lesión ou tarxeta; derivaría nun auténtico drama.
O Lugo leva o premio gordo na reanudación

O duelo do Lugo iniciouse cunha homenaxe a Noa, que se ve obrigada a pasar polo quirófano para curar a súa lesión. Unha vez se escoitou o chifre, o conxunto de Joaquín Blanco sufriu para ter o control do partido. A presión avanzada do Amistade de Meirás puxo en apretos ás albivermellas, que pecaron de falta de claridade durante moitos momentos do xogo. Cando o Lugo logrou superar esa presión, creou ocasións claras. Iso si, sen a continuidade necesaria para manter as vantaxes obtidas. O que resulta innegociable é a capacidade de loita do Lugo. Grazas a isto, o cadro da beira do Miño conqueriu o gol do triunfo no tempo de prolongación.

O Antas caeu desde o punto de penalti. Foi o seu gran lunar nun encontro moi serio a nivel defensivo aínda que con escaso protagonismo en ataque. As rapazas de Dani Abelairas contiveron ao Mos B ata o minuto 75, cando as pontevedresas transformaron unha pena máxima dubidosa. Algo antes, a porteira Nuria xa detivera outro lanzamento desde os once metros.
Exercicio de sufrimento do Chantada e, de insistencia por parte do San Lázaro
O PM Friol B mantén a súa xeira triunfal na Segunda Galicia. Sumou un novo triunfo no sempre complicado Luis Bodegas. O Monte Forte adiantouse no primeiro minuto e asinou unha boa primeira metade. Porén o gol de Nuria Meijide ao bordo do descanso, evitou que as de Perry marchasen con esa mínima vantaxe ao descanso. Tralo paso polos vestiarios, o segundo acto foi outro cantar. O filial perruqueiro bailou ao compás de Nerea Lombardero, que con tres tantos, liderou a goleada dun cadro escaso de efectivos. O PM Friol B acudiu con só doce xogadoras ás terras de Lemos.

No outro derbi da xornada, o San Lázaro recuperou boas sensacións e personalidade co balón para superar a unha Comercial que competiu realmente ben. De feito, as de Vivian Dors puideron adiantarse no marcador nunha falta na primeira metade. Na segunda parte, as da Ponte non deixaron de insistir ata que a pelota quixo entrar. E os dous goles das de Luchi chegaron no derradeiro cuarto de hora. Sandra e Aroa asináronos de xeito case consecutivo.
O Chantada levou tres puntos deses que deixan un delicioso sabor. O Arzúa desperdiciou infinidade de ocasións na primeira metade e tirou por terra a vantaxe conquerida nun balón parado. Tania Gómez igualou ao bordo do descanso nun saque desde o curruncho. Na segunda parte, volvéronse adiantar as da terra do queixo. Porén, as de Gorry xa parecían outro equipo. Combinativo e máis incisivo. Ángeles empataba de novo ao cabecear unha falta lateral por toda a escadra. Nese intre, o encontro volveuse tolo. E Eva, rozando o tempo de desconto, aproveitou unha contra para deixar os tres puntos na casa. Un soberbio exercicio de saber sufrir das do Sangoñedo.
O San Roque sacou un valioso punto do feudo do Santiso, que ben puideron ser tres. Dentro da igualdade reinante, as mellores ocasións foron verdibrancas. As de Quiroga olvidáronse das importantes baixas coas que acudiron a este encontro para manter a distancia cun rival directo na pelexa pola promoción de ascenso. Unha promoción na que segue unha semana máis o equipo de Montirón.


Pola súa parte, a Milagrosa colleitou unha vitoria cómoda no López Gorgoso, que lle permite encadear dous partidos partidos sen perder e crecer en confianza. Ainara Silvosa fixo un hat trick e Leire aportou un ‘dobrete’ ante un Cruces inferior.
Por último, un combativo Carballedo deu a cara en todo momento ante o Touro. As rapazas de Sementa e Adrián Rodríguez mostraron unha boa imaxe a pesares das notables baixas coas que contaban. Un gol xusto antes do descanso e outro pasado o cuarto de hora da reanudación, déronlle o triunfo ao conxunto de Xanzy, antigo xogador do Antas.
Resultados da xornada
PM Friol 0-3 Zaragoza CFF
Mos B 1-0 Antas
CD Lugo 3-2 Amistade Meirás
Comercial 0-2 San Lázaro
Monte Forte 1-4 PM Friol B
Milagrosa 6-0 Cruces
Santiso 1-1 San Roque
Chantada 3-2 Arzúa
Touro 2-0 Carballedo
