#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 19

Os máxicos da Primeira viviron unha xornada marcada polos longos desplazamentos, en particular os clubes da Mariña ou os que se tiveron que desprazar desde ela.

Taboada 0-2 Castro: un tempraneiro gol de Ivi puxo o choque de cara para os visitantes, que non pasaron apuros no primeiro tempo e conseguiron o 0-2 antes do descanso por medio do sobranceiro Rodolfo. O Taboada saíu ben tras o descanso e tivo opcións para recurtar diferenzas, pero os vermellos tiraron de oficio e deixaron a portería a cero.

Antas 1-2 Santaballés: partido de moita disputa no Castro Seoane. Os locais adiantáronse ao pouco do comezo e contiveron ben as ofensivas visitantes, pero un gran gol de falta de Palomo puxo o 1-1 no 44′. O segundo tempo foi máis aberto, pero foi o Santaballés o que puido celebrar tras o 1-2 de Álex Novás na recta final.

Lourenzá 1-2 Monterroso: tivo máis protagonismo o Monterroso no primeiro tempo, pero o Lourenzá puido anotar nun saque de esquina que sacou baixo paus o conxunto visitante. Ao descanso chegouse cun 0-0 que non duraría moito máis, pois David e Lorenzo puxeron o 0-2 en apenas cinco minutos. O ‘Atleti’ apretou na recta final, conseguindo o gol de Yago, pero non puido sacar puntos do seu feudo nesta ocasión.



Pastoricense 2-1 Chantada Atlético: primeira victoria da temporada para un Pastoricense que está demostrando que non baixan os brazos e se aferran a categoría. Os visitantes comezaron por diante, e co 0-1 chegouse ao descanso. Uns locais moi intensos empataron nada máis comezar o segundo tempo, e Diego puxo o 2-1 no 75′ para darlle a volta ao electrónico e dar aos da Pastoriza a primeira gran alegría da 22/23.

Sporting Pontenova 0-1 Outeiro de Rei: partido moi disputado na Mina. O Outeiro levou o peso de xogo e gozou dun penalti no primeiro tempo, que detivo o meta local. O segundo tempo foi máis trabado, pero un roubo visitante en saída de balón permitiu a Diego Redondo facer o 0-1 co que concluiría o choque pese aos esforzos locais por conseguir o empate.

SD Chantada 0-1 Pol: un bon gol de Gerardo nunha das primeiras accións do choque puxo de cara o partido para o Pol. Pese ao repliegue dos visitantes tras o 0-1, a SD Chantada mellorou no segundo tempo e gozou de ocasións para empatar o partido, pero o gol non entrou. Tamén puido sentenciar o conxunto visitante en saídas rápidas, pero o marcador non se moveu e o Chantada coñeceu a derrota logo de tres meses.



Burela 2-1 Foz: o accidentado derbi da Mariña cumpriu coas expectativas dos siareiros. O Burela cedeu o balón ao Foz e se defendeu ben ao longo do primeiro tempo, ata que Jairo Campo fixo o 1-0 tras un roubo e unha boa triangulación. Os visitantes saíron en tromba na segunda metade e conseguiu o empate cun golazo de Dani Chao. Tras o 1-1, o partido rompeuse e ambos equipos puideron anotar, pero sería Jairo Campo o que inclinase a balanza a prol dos locais tras un centro lateral no 93′.

Atlético Escairón 5-1 Xove Lago: dominio do Escairón, que xa mandaba por 1-0 no minuto 5′. Porén, o Xove repúxose ao gol local e tivo momentos de control ao longo da primeira metade, pero non logrou o empate. Un gol de Óscar tras unha boa xogada de Armesto ao comezo do segundo tempo puxo o 2-0 que afundiu aos visitantes e, a partir dese momento, os locais sentenciaron con tres goles máis. O Xove anotou o gol da honra logo dun saque de esquina.

San Ciprián 0-1 Riotorto: un gol a saída dun córner deu os tres puntos a un Riotorto que xogou as súas bazas na Veiga e tivo ocasións para poñer o 0-2 antes do descanso. Un Sanci máis intenso levou o peso do xogo no segundo tempo, incluso despois de quedar cun xogador menos, e puido anotar en varias ocasións na recta final, pero o balón non entrou e o resultado non se moveu.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *