#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Viveiro e Chantada suman a primeira vitoria da tempada

Xornada sen derrotas para os nosos representantes na Terceira RFEF e na Preferente Futgal. Na Terceira, o Viveiro sumou a primeira vitoria da tempada no feudo do Montañeros, mentres que a Sarriana venceu na Ribela ao Gran Peña e é segundo. O Racing Vilalbés visitaba ao Boiro, o líder da categoría, e sumou un valioso punto. Na Preferente, o Lemos segue no liderado logo de gañar na Pinguela ao Atlantida Matamá. O Chantada gañou o primeiro partido logo do seu retorno á categoría fronte ao Betanzos. Pol e Burela empataron a domicilio nas súas visitas a Arzúa e Miño, respectivamente.

Analizamos a xornada no Trío de Ases Panadería do Cantón.

TERCEIRA RFEF

Adri Rodríguez dalle o triunfo á Sarriana diante do Gran Peña (3-2)

Segunda vitoria como local da Sarriana e terceira da tempada. Os de Alberto Mariano comezaron moi ben e tiveron o encontro controlado gozando de oportunidades desde o comezo. O conxunto visitantes reclamou penalti en dúas accións que o colexiado non interpretou como falta. Pouco despois chegou o primeiro tanto do encontro. Osian conectou con Adri Rodríguez que definiu ao pao longo. Preto da media hora de xogo, Freire foi derribado na área e o lanzamento de penalti de Jacobo foi detivo polo gardameta do cadro vigués Graumann. O máis novo dos Vilariño resarciuse antes do descanso cun pase á rede que puxo terra de por medio no marcador.

Nada máis comezar o segundo tempo chegou o tanto do Gran Peña cun disparo desde fóra da área de Noé. O gol deulle ás aos visitantes que se lanzaron a polo empate. Este chegou a falta de vinte minutos para o final nun lanzamento de falta de Ube, que tras tocar na barreira, impide a estirada de Pirot. Alberto Mariano acto seguido deulle entrada a Pascu e Aimar. Este último trocou o devir do encontro. Gozou dunha gran ocasión e pouco despois, logo dunha gran xogada indiviudal foi derribado na área e Adri Rodríguez transformou a pena máixma.

O Racing Vilalbés mantén a imbatibilidade logo de empatar no campo do líder (1-1)

O conxunto chairego sumou un punto importante no feudo dun Boiro que ocupa o primeiro posto na Terceira Futgal. Os locais tiveron o balón na primeira fase do encontro diante dun Racing que estivo cómodo sobre o céspede de Barraña, aínda que non foi quen nesa fase de ameazar a portería rival. Sobrepasado o ecuador do primeiro tempo, Yago Insua fixo o tanto que poñía por diante aos de José Tizón, logo dun centro lateral.

O Racing Vilalbés adiantou liñas no segundo tempo, aínda que foi o Boiro o que gozou dunha boa oportunidade para ampliar diferencias cun lanzamento ao pao. Juan Rodríguez fixo trocos e arriscou na procura do empate e as ocasións para os vilalbeses chegaron. Adri Castro avisou cun disparo que saiu preto do poste, e pouco despois logrou o tanto da igualada cunha espectacular chilena. Nos últimos intres, ámbolos equipos contaron con ocasións para levar os tres puntos.

O primeiro triunfo do Viveiro chega en Elviña fronte ao Montañeros (1-2)

Á cuarta foi a vencida. O Viveiro foi quen de vencer en Elviña e agudiza a crise dos locais, que non acadaron ningún punto dos doce disputados. Os mariñáns realizaron unha presión alta de saída co obxectivo de evitar as chegadas á área do Montañeros. O plantexamento de Marcos Pereiro foi atinado e impediu que os locais xeraran perigo, salvo nalgún centro lateral. O Viveiro medrou con transcorrer dos minutos e xerou perigo á contra sobre todo por medio de Arturo e Dani. A falta de cinco minutos para o final, unha asistencia de Esquerdeiro aproveitouna Arturo para adiantar aos celestes.

Tras o paso por vestiarios, o técnico local Jairo Arias realizou modificacións e pasou a xogar con dous dianteiros. O Viveiro soubo controlar a nova proposta local e mesmo contou cunha boa ocasión para facer o segundo nun balón á espalda da defensa que despexou o porteiro local, pero Rolle desde preto do medio do campo disparou e o esférico saiu a escasos centímetros do longueiro. A falta de vinte minutos para o final o colexiado sinalou penalti de Jacobo a Pape, e o ex do Riotorto non errou desde os once metros. O encontro entrou nunha dinámica de descontrol, da que o Viveiro saiu beneficiado. Huguito gozou dunha boa ocasión, antes de que fora derribado na área e Carlos transformou a pena máxima. Nun desconto excesivo, o Montañeros, novamente por medio de Pape, enviou un balón ao longueiro.

PREFERENTE FUTGAL

O Lemos lidera en solitario o grupo sur logo de gañar ao Atlantida Matamá (3-1)

Pleno de puntos mantén o Lemos logo de dobregar na Pinguela a un Atlántida Matamá que realizou unha presión moi alta no primeiro tempo. Custoulle aos monfortinos xerar ocasións no primeiro tempo, tanto que na única da que dispuxeron os de Alberto López chegou o gol. Caden centrou e Iker marcou de cabeza.

No segundo tempo, o Lemos mellorou coa entrada no campo de Aragón, pero foron os visitantes os que obtiveron premio nun saque desde o curruncho mal defendido polos locais. Yanike deulle o control no medio do campo ao Lemos, que pasou a dominar o encontro e chegou á portería rival grazas á profundidade dos laterais. Nunha chegada de Castro pola dereita chegou o tanto monfortino, marcado en propia porta. Preto do final, Caden sentenciou desde o punto de penalti.

O Pol empata no campo do Arzúa e suma a terceira igualada consecutiva (1-1)

Os chairegos mantéñense invictos, malia non vencer desde a primeira xornada ligueira. No campo do Viso, o Pol levou a iniciativa diante dun Arzúa, que trocou a súa forma de xogar, e optou por agardar replegado aos de Labrada e cun fútbol directo. Os visiantes, en troques, tiveron o balón, e a través del buscaron xerar perigo diante da portería rival. A primeira parte resultou escasa de ocasións para ningún dos dous conxuntos.

No segundo tempo, o Arzúa foi quen de adiantarse no marcador tras unha boa triangulación que finalizou Brais Pedreira. Reaccionou de contado o Pol, que empatou de penalti, tras unha man, e Javi Rey non perdonou desde os once metros. Na última media hora, o Pol estivo preto do gol, pero non estivo atinado.

O primeiro triunfo do Chantada no seu retorno á Preferente chega fronte ao Betanzos (2-1)

O cadro chantadino viña merecendo un maior premio nos últimos encontros e desta volta chegou a ansiada vitoria. O comezo do choque non puido ser mellor para os locais cun gol de Tino no primeiro minuto. Os de Traste realizaron un primeiro tempo moi completo, xerando perigo diante da portería rival e dominando o xogo. O Chantada reclamou cartón vermello a Laye logo de derribar a Damián cando encaraba a portería rival. David gozou dunha boa ocasión antes de que Manu fixera o segundo ao transformar unha pena máxima.

Cunha clara vantaxe no marcador, o Chantada viuse sometido no segundo tempo ante o dominio do Betanzos. As boas accións do gardameta Moncho salvaron o gol e Manu salvou baixo paos unha clara ocasións dos visitantes. Ángel, ex do Racing Vilalbés, recurtou diferencias cun bo disparo desde a frontal da área . O Chantada soubo sufrir no último cuarto de hora e evitou o tanto betanceiro para sumar os tres puntos.

O Burela suma un punto no sempre difícil campo do Miño (2-2)

Importante punto o sumado polo Burela no campo de Gallamonde, un dos máis complexos da categoría. Nunha primeira metade moi igualada, foi o Miño o que tivo máis balón e deu máis sensación de perigo, sobre todo a través de diagonais e disparos desde fóra da área. Antes do descanso, chegou o primeiro tanto dos locais. Astray aproveitou un rexeite para marcar, ante as protestas dos mariñáns que consideraron que existía situación de fóra de xogo.

O descanso sentoulle ben ao Burela que foi mellor no segundo tempo. Adri Kun volveu da dar mostra da súa calidade logo de superar a súa lesión e acadou un doblete co que os mariñáns lle deron a volta ao marcador. O Miño buscou a igualada, aínda que non era quen de xerar perigo ante un conxunto verde que tentaba saír á contra con rapidez. Nun erro defensivo, a cinco minutos para o final, chegou o gol do empate, obra de Casteleiro. Os locais contaron con dous balóns ao pao nos últimos intres para que os tres puntos quedaran na casa.

Viveiro e Chantada suman a primeira vitoria da tempada

Yago Martínez (Burela): «Non queremos o do

Viveiro e Chantada suman a primeira vitoria da tempada

Viveiro e Chantada suman a primeira vitoria