#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O dereitazo de Álex Rábade e as paradas de Álex Porto e Dani Díaz

A 17ª xornada da 2ª deixou accións ben reseñables. Álex Rábade foi un dos protagonistas cun gran gol para o Cospeito. Álex Porto e Dani Díaz exerceron de muros para manterse imbatidos no duelo de filiais entre o Chantada e o Lemos.

Esta xornada provocou que se rompese momentaneamente a clasificación no grupo norte. Verase nas próximas xornadas se é definitiva. Do sétimo clasificado para abaixo ningún equipo gañou o seu partido.

No grupo sur, Guntín e Friol vanse roldando no liderado. É que o cadro laranxa volveu ao máis alto. Aproveitouse do empate do club friolés. Contámolo nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.

Na zona norte, o Meira mantén o liderado ao vencer á Comercial. Volveu ao camiño do triunfo e sumou a 12ª vitoria do curso. Acumula 39 puntos.



A primeira metade estivo máis igualada, pero no segundo acto o dominio foi dos locais. Os erros custáronlle caro á Comercial que tamén tivo as súas ocasións, pero non logrou marcar ningún gol.

Seixosmil en dúas ocasións (xa leva 16 goles na liga), Kevin e Alberte foron os goleadores na Lomba. Na Comercial xogou uns minutos no segundo tempo Brais Travería, protagonista da Sesión Plenario 11.

Á espera do fallo do líder está o Folgueiro. O conxunto do Vicedo segue a un punto da cabeza. Derrotou ao Celta Barreiros nun encontro que se lle complicou máis do que se podía presupoñer (aínda que está mal o de presupoñer cousas no fútbol).



O equipo adestrado por Manuel Vicente non concretou as ocasións ante un cadro local que estivo por riba no marcador ata o tramo final. Non obstante, non deu termado do resultado e o Folgueiro remontou.

A sorte tampouco acompañou aos locais. Dúas expulsións e algunha lesión, provocaron que ata tivera que saír como xogador de campo o gardamallas Pitero.

Cinco equipos en tres puntos pelexan pola fase de ascenso na clasificación no grupo norte

Era unha xornada na que había varios duelos entre equipos que estaban nos postos de privilexio e outros que querían aspirar a estalo. O Cospeito – Roupar, o Candelaria – Muimenta, o Guitiriz – Fonsagrada ou o Iberia – Xermade.

De todos os que se enfrontaron, o único que lle gañou a un equipo que o superaba na clasificación foi a Candelaria. Segue enganchado a loita por entrar en postos de play off.

O Cospeito volveu á terceira praza. Derrotou pola mínima ao Roupar na Fonte e aproveitouse da derrota do Muimenta. Da primeira posición sepárano oito puntos.



Os pupilos preparados por Luis Romay entraron moi ben no xogo e conseguiron poñerse por diante. Álex Rábade marcou un gran gol dende lonxe. Conduciu o balón dende a liña divisioria do terreo de xogo ata chegar a zona de tres cuartos de campo. Pegoulle con perna dereita dirección á escadra dereita da portería rival.

A lesión de Rui fíxolle dano literalmente ao xogador (escordou un nocello) e en sentido figurado ao equipo. O dominio non foi tan claro e o Roupar tivo algunha que outra ocasión. No segundo tempo o marcador non se moveu.

Tamén se aproveitou o Guitiriz da derrota do Muimenta. O cadro guitiricense continúa a súa escalada na clasificación e xa é cuarto con 30 puntos (os mesmos ca o Muimenta).

Superou pola mínima a Fonsagrada. Foi un encontro moi competido con ocasións para ambos equipos. Estivo providencial Jesús para poñer o pé ante o man a man cun rival.

Foi nos últimos minutos do encontro cando os locais conseguiron o gol do triunfo. Antón aproveitouse dun mal despexe rival e fíxose co balón dentro da área e logrou rematar a gol.

Non obstante, o Muimenta mantense nos postos altos. É quinto (é dicir, o que marca a zona de promoción). Ten dous puntos de marxe sobre o Iberia e a Candelaria.

O equipo da Rúa foi quen lle gañou aos futbolistas adestrados por Basi. O cadro celeste volveu estar condicionado polas baixas.

De feito, debutou un futbolista aínda en idade xuvenil. O atacante Yerai, de Viladonga (Castro de Rei) converteuse nun dos xogadores máis novos en estrearse este ano na Segunda.

O único gol chegou no segundo tempo. Ao pouco de comezar, o colexiado indicou penalti a favor da Candelaria. Pena máxima moi dubidosa segundo os visitantes.

O Muimenta tivo opcións para polo menos empatar o marcador. Pero non logrou batir a portería rival.

O Iberia superou con máis claridade ao Xermade e segue na sexta posición. Entraron moi ben os locais e, unha vez máis, os erros condenaron moi rápido ao Xermade. No cuarto de hora de xogo, o Iberia xa gañaba por dous goles.

Triunfo coral do conxunto de San Miguel de Reinante que controlou o resultado todo o partido. Ampliou diferenzas no segundo tempo botando man do contragolpe.

O Castro B e o Alfoz empatan no partido e igualan tamén na clasificación

Na zona media, o Castro B e o Alfoz empataron. O punto sérvelles para sumar e tentar afastarse da posible zona de caída por arrastres. Pero o empate impediulles achegarse a postos máis altos.

O equipo alfocense salientou no primeiro acto xa que se puxo 0-2 no marcador con goles de Juiz e Valea.

Na segunda metade, os visitantes queixáronse e moito das decisións arbitrais. O filial meteuse no encontro por medio dun penalti. O lanzamento houbo que repetilo dúas veces e o colexiado expulsara ao xogador equivocado.

Máis tarde tamén lle foron anulados dous goles o conxunto verde e branco. Foi o segundo tanto do filial vermello o que si subiu o marcador para deixalo choque en empate.

Alfoz, Fonsagrada e Castro B teñen 21 puntos. Teñen cinco equipos por baixo na clasificación.

O Cabreiros sumou un punto na súa visita ao Goiriz. O cadro preparado por Paco López deixa tres equipos por baixo. Un deles o Goiriz que sumou o quinto punto do curso. Está empatado co Celta Barreiros.

O Goiriz saíu triunfante do primeiro tempo. Chegou ao tempo de lecer cun resultado a favor de 3-1.

No segundo tempo, o Cabreiros reaccionou rápido e igualou cos tantos de Dani e Cazás (máximo goleador da categoría con 17 goles).

Entre Goiriz e Celta Barreiros semella que vai estar a loita polo descenso directo. Con todo, as probabilidades de descenso do penúltimo clasificado son tamén altísimas por mor dos arrastres.

Cabeza da clasificación no sur: tres equipos nun punto

Na zona sur, o Guntín volveu ao liderado. Venceu ao San Lázaro e queda cun punto de marxe sobre o Friol.

O club laranxa marchou gañando xa 2-0 ao descanso. Os visitantes conseguiron meterse no partido nada máis comezar o segundo tempo. Yelko marcoulle ao seu ex equipo.

Non obstante, posteriormente foron os locais os que redondearon a conta para levar os tres puntos.

O Friol empatou ante o Brollón e queda con 36 puntos, os mesmos ca o Ferreira que derrotou ao San Roque.

Ao conxunto friolés custoulle entrar no encontro. O Brollón púxose por diante ao cuarto de hora cunha boa acción de Maza.

Con todo, os xogadores preparados por Javi Pájaro lograron empatar no primeiro tempo. No segundo, os locais seguiron dominando o balón pero tiveron dificultades para crear grandes ocasións.

Tentouno o equipo de Chura ao contraataque pero tampouco dispuxo de moitas oportunidades. Os visitantes xogaron os últimos minutos cun futbolista menos debido a expulsión de Tourón.

O Ferreira mete presión ao liderado coa súa sólida vitoria ante o San Roque. Sen os visitantes facer un mal partido, os de Pantón impuxeron a súa lei no Baliño.

No segundo tempo, abriu o marcador Enrríquez que realizou un gran encontro. Co segundo gol de Samba, xa morreu o partido.

Suspendido o Paradela – Becerreá

A suspensión do partido entre o Paradela e o Becerreá na previa da xornada afectou aos outros postos da fase de ascenso.

O estado do Gandarón levou a suspensión segundo indicaron fontes do club do Paradela. O partido xogarase o Martes de Entroido (21 de febreiro).

O Becerreá (cun partido menos) saíu dos postos de promoción e entrou a Milagrosa directamente ao cuarto posto. Derrotou pola mínima ao Corgo.

Aínda así, non foi un bo partido da Mila e o Corgo foi superior. Especialmente na primeira metade foi onde máis destacou o dominio local. Marcharon ao tempo de lecer vencendo 1-0 pero gozaran de máis oportunidades clarísimas.

No segundo tempo, os visitantes atopáronse cun gol de cara e conseguiron o da vitoria ao final. O equipo adestrado por Abel Rochela queda en posto de descenso directo (empatado a puntos co Carballedo). O seguinte equipo está a seis puntos.

No quinto posto queda o Oural que sufriu unha derrota na súa visita ao Sporting Lucense.

O Sporting medra na clasificación con tres triundos seguidas. O quinto posto quédalle agora a sete puntos. Luciuse no partido o extremo David García. Marcou os dous goles dos seus.

Agás o Corgo, os equipos da zona baixa sumaron un punto:

Na zona baixa, o duelo de filiais rematou en empate. Os porteiros foron os grandes protagonistas.

Tanto Álex Porto como Dani Díaz impediron que subiran goles ao marcador. O «premio» no once da xornada é para Dani Díaz pola súa maior regularidade na titularidade no que vai de competición.

Noutro duelo importante pola permanencia, tamén igualaron o Río Sil e o Carballedo. Foi un encontro equilibrado no que non houbo grandes oportunidades de gol.

Si é certo que en diferentes momentos do partido ambos conxuntos tentaron xerar perigo coas súas armas. Pero ningún estivo acertado.

O dereitazo de Álex Rábade e as paradas de Álex Porto e Dani Díaz

A Porra de Futbolinlugo, 19

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *