O partido Fisioterapia Ronda . . . Choco – Viveiro: dura saída para os mariñáns no debut

Comeza unha nova temporada en Terceira RFEF. Desta volta, aínda que coas restriccións propias da pandemia do Covid-19, a competición retorna a un sistema máis parecido ao que nos ten acostumados, cun só grupo de dezasete equipos. Unha competición máis curta, con 32 xornadas, que obrigará aos equipos a cometer poucos erros para non caer á zona de perigo ou non alonxarse da cabeza.

Un dos nosos conxuntos de Terceira, o Viveiro, sobe o pano da súa segunda temporada na categoría nun dos campos máis complexos da categoría, o do Choco. O encontro terá lugar o domingo ás 19 horas en Santa Mariña, coa arbitraxe do colexiado compostelán Martínez Barral.

O Viveiro, logo de acadar de xeito meritorio a permanencia a pasada temporada, logrou manter a base dos xogadores que lograron o obxectivo, a excepción de Javi Rey que militará no Racing Vilalbés. Ademáis reforzou a súa zaga coa chegada de dous experimentados futbolistas: Muiña e Dani Fernández, ademáis do valadourense Brais que tamén pode ocupar o lateral dereito. Marcos, ex do Polvorín, reforzará o mediocampo e un vello coñecido como Marino voltará a correr a banda de Cantarrana. Para o gol estará o xove Sidibe, nunha parcela na que os de Chusky contarán coas ausencias de Arturo e Álex Meitín por lesión neste comezo ligueiro.

O rival dos viveirenses podería ser unha incógnita. É o que soe pasar cando un equipo troca de adestrador. O bo traballo de Gonza Fernández no Choco non pasou desapercibido e adestra en Segunda RFEF nas filas do Coruxo. Pero desde o conxunto redondelán apostaron pola continuidade e déronlle o timón a Juan Amoedo, un xove adestrador que coñece o clube á perfección.

Ben é certo que o Choco sufriu as baixas de varios xogadores importantes a pasada temporada como Iano e Davo, ámbolos dous incorporados polo Fabril, Martín Rafael que xogará no Coruxo ou Fran Monroy que probará sorte en Bélxica. Para cubrir estas ausencias incorporaron ao talentoso Tomás Abelleira logo dun ano de inactividade, Ronald e Kopa procedentes do Atios ou o ex fabrilista Álex Pérez.

De tódolos xeitos, o Choco nos últimos anos é un rival temible en Santa Mariña. A pasada temporada soamente perdeu un encontro no seu campo, diante do Estradense.

Que opinan os protagonistas?

Falamos con Tichu, que outra temporada máis voltará a ser peza chave no Viveiro, e co vilalbés Alberto Suárez, un buque insignia no conxunto redondelán, que este ano compaxinará a súa labor como xogador coa de adestrador no cadete do Celta de Vigo.

TICHU (VIVEIRO)

  • As sensacións de cara ao comezo. “Vexo ao equipo con ganas de comezar e con moita ilusión e unión, que é o que nos caracteriza e nos leva dando éxitos estas últimas temporadas. A última semana xa se notou que era a previa ao primeiro encontro pola intensidade nos adestramentos e pola competitividade por parte de todos para poñerllo difícil aos técnicos. Aínda que os rivais dos primeiros encontros son equipos que, a priori, estarán na zona alta, vexo ao equipo moi ben preparado para afrontar este campaña ilusionante”.
  • O Choco. “É un dos equipos máis difíciles da categoría. A súa traxectoria díceo todo, é un conxunto asentado xa desde fai anos e acadando sempre bos postos na clasificación, polo que será un comezo complexo e e esixente para nós. Gústalles o xogo combinativo e ser protagonistas e levar o peso do encontro, con xogadores de calidade sobre todo do medio cara adiante. Si estamos ben xuntos e e cerrados pódenos beneficiar o seu estilo, xa que, contamos con xente moi rápida nas bandas para as transicións. Agardemos sumar nun dos campos máis difíciles da categoría”.
  • Novo formato de competición. “Persoalmente gústame máis este formato. Só os que competimos o ano pasado sabemos o nivel de desgaste que sufrimos. Para min dos anos de máis estrés piscolóxico, pero que gracias a Deus tivo un final feliz. O Viveiro non debe ir máis alá de asegurar a permanencia, xa que, este club ten que ir asentándose na categoría, que ao meu modo de ver é a que lle corresponde. Creo que se fixeron ben as cousas e temos unha plantilla moi ben compensada en tódalas liñas, polo que agardo lograr o obxectivo sen tanto sufrimento como o ano pasado”.

ALBERTO SUÁREZ (CHOCO)

  • Comezo dunha nova etapa. “Despois de tantas semanas adestrando afrontamos o comezo con moitas ganas. O novo míster aproveitou os adestramentos para incidir en certos aspectos do xogo que antas non traballábamos tanto e creo que iso é bo, e sobre todo para os que levamos tanto tempo no clube”.
  • Obxectivos. “No Choco sempre partimos coa mesma idea. Acadar canto antes os puntos que garantan a permanencia e despois o teito poñerémolo nós. Somos un vestiario moi ambicioso”.
  • O Viveiro. “Agardamos un partido moi competido e coas imprecisións e falla de ritmo característicos desta altura de competición. Nós na casa somos un equipo bastante fiable e que soemos someter ao rival, agardemos manter iso esta temporada. Ao ser lucense, coñezo varios xogadores do Viveiro e demostraron que moitos son futbolistas moi importantes nesta categoría”.
  • Asentado no Choco e medrando como técnico. “No futbolístico, Redondela é a miña casa. De xogador estou encantado e como técnico déronme a oportunidade de comezar ao xuvenil A sendo moi novo. Agora apareceu a oportunidade do Celta e estou a disfrutar moito. Ás veces resúltame complicado compaxinar as dúas tarefas, por exemplo, non poderei estar neste encontro ao ter que xogar un torneo en Oviedo co Celta. Pero cando algo se disfruta tódolos esforzos valen a pena. Quédanme moitos fins de semana de “sábado e domingo”.

a axenda

  • Fabril – Racing Vilalbés (Domingo ás 17:30 na Cidade Deportiva de Abegondo): o cadro chairego visita ao filial deportivista que este ano dirixe o ex do Racing Óscar Gilsanz. Os de Simón Lamas tentarán comezar sumando ante un dos equipos chamados a ocupar os postos cabeceiros da Terceira.
  • O Polvorín descansa nesta primeira xornada e aproveitará para apurar a súa preparación cun amigable na Medela de Taboada. Será hoxe sábado ás 17:30 horas diante da UD Ourense.
Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario