O partido da xornada . . . Viveiro C.F. – Atlético Escairón: buscando o alivio na Copa

En calquera ámbito das nosas vidas, cando non nos saen as cousas de cara, buscamos outro xeito de facelas, algo que cando menos nos deixe cun bo sabor de boca. No fútbol acontece do mesmo xeito. Os equipos “champions” moitas veces buscan consolo na copa, logo de non dar a talla en Europa ou na competición regular.

E como non, no noso fútbol son varios os equipos aos que a liga lles deixou un mal sabor de boca, e aínda que as pernas xa precisan un descanso, é preciso facer un derradeiro esforzo pra salvar a temporada. Viveiro e Escairón son dous conxuntos que necesitan unha alegría logo dunha temporada complicada. E buscarana na Copa Deputación, enfrontándose en Cantarrana ás 18 horas do domingo, nunhos interesantes cuartos de final.

Ben certo é que ao cadro mariñán a ledicia máis importante pode chegarlle ao mediodía do domingo se o Racing Vilalbés é quen de superar ao filial do Levante ou mesmo ao rematalo seu encontro se o Compostela remonta en San Lázaro ante o Terrasa. Se iso ocorre, os de Chusky aínda seguirán con opcións de salvala categoría.

Álex Paz é unha das xoias da sempre prolífica canteira viveirense

Pero o Viveiro alzou o título en dúas das tres últimas edicións da Copa e aproveitando o gran momento de forma co que chegou ao último tramo de liga tentará buscar un título que realce o bo traballo realizado polo plantel. Ademáis veñen de eliminar ao Polvorín na pasada rolda na tanda de penaltis. O xogador do Viveiro, Álex Paz, afirma que “prefiría non xogala Copa e manter a categoría, postos a elixir, pero tamén é unha competición bonita de xogar e máis cos recordos de gañala xa dúas veces“. Para o canteirán viveirense “tanto Compos como Racing teñen resultados difíciles de afrontar nos partidos de volta, pero confío neles e deséxolles a máxima sorte, xa que, o noso futuro depende en parte deles. O Vilalbés está enseñando as garras nesta fase de ascenso e vaille facer dano ao Levante B na súa casa. O Compos ao xogar en San Lázaro co apoio da súa afección poden ser bos condicionantes moitivadores pra que remonten a eliminatoria“. Do rival do domingo en Cantarrana, Álex Paz non se fía. “É un rival que nos puxo as cousas moi difíciles nos dous encontros de liga, sobre todo aquí na casa, onde tivemos que remontar. A pesar de descender, ten bos xogadores en tódalas facetas do xogo“.

Pola súa banda, o Atlético Escairón, tras unha temporada que xa comezou convulsa no verán coa saída do adestrador Alberto López, e que seguiu con dous trocos máis no banco, non foi quen de manter a categoría.  Chega a este encontro logo derrotar tamén nos penaltis á U.D. Pastoricense. Tal e como nos di o lateral monfortino Borja Castroxogaremos sen presión, para divertirnos e chegaremos a onde teñamos que chegar. O obxectivo da temporada era acadala permanencia e e non o conseguimos, polo que a Copa aínda que a gañemos non nos salva a temporada“. Para o xogador do Escairón, o encontro do domingo “é un aliciente poder xogar nun campo tan bonito como é Cantarrana. Ademáis o Viveiro, logo de eliminar o Polvorín salirá motivado e con ganas de chegar lonxe na competición“.

O conxunto do Saviñao non foi quen de manterse en Preferente

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Promoción de Ascenso a Segunda B

Levante B – Racing Vilalbés (Domingo ás 11:30 na Cidade Deportiva de Buñol): os chairegos buscarán acadar unha nova xesta. O encontro de ida amosou que os de Gilsanz poden competir contra calquera, e co apoio da afección que se despraza desde Vilalba poden dar a campanada.

O betanceiro Óscar Gilsanz tentará atopalo camiño para que o Racing siga a facer historia

Campionato de Preferente

Polvorín S.D. – U.D. Ourense (Sábado ás 18 horas na Pinguela): encontro entre os campións dos dous grupos de Preferente do que sairá o campión deste temporada. Os de Durán, que seguirá no banco lucense en Terceira, enfróntanse a un histórico do noso fútbol, o sucesor do mítico Clube Deportivo Ourense.

Promoción de ascenso a Terceira

C.D. Estradense – Ribadeo F.C. (Sábado ás 19 horas no Municipal da Estrada): coa ventaxa do gol marcado por Martín Traba na ida, o Ribadeo buscará saír victorioso dunha promoción que non vai ter premio, salvo que ocorran descensos administrativos.

Copa Deputación (Preferente e Primeira Autonómica)

Club Lemos – S.D. O Páramo (Domingo ás 18 horas  na Pinguela): os de Edu Rodríguez, sobrepoñéndose ás baixas, eliminaron ao Chantada, invocando o “efecto Pinguela” e agora reciben a un Páramo que logo de salvala categoría xoga esta competición sen presión, polo que será un rival perigoso.

S.D. Monterroso – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas en Cerdeiriños): os locales derrotaron á Resi e os de Peón fixeron o propio nas Valgas ante o Ribadeo, polo que ámbolos conxuntos chegan nun gran momento.

Copa Deputación (Segunda e Terceira Autonómica)

Fonsagrada – S.D. Burela (Domingo ás 19:30 no Municipal Gómez Besteiro): logo de protagonizala sorpresa nos cuartos de final eliminando ao Pol, os locales buscarán outra campanada ante un Burela que está raiando a altísimo nivel nesta Copa.

O Burela, lanzado na Copa, visita ao equipo revelación

Chantada Atlético – C.D. Brollón (Domingo ás 18 horas no Sangoñedo): os chantadinos buscan o doblete logo do ascenso acadada fai pouco máis dun mes, ante un Brollón que superou as tres últimas eliminatorias na lotería dos penaltis.

Copa Deputación Fútbol Feminino

Peluquería Mixta Friol – S.C.D. Milagrosa (Sábado ás 19 horas na Reigosa): encontro de altura entre os dous favoritos para facerse con esta edición da Copa, que buscarán o pase para a gran final.

Ribadeo F.C. – Antas S.D. (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): as da Ulloa, recén ascendidas a primeira división galega, visitan ás ribadenses que no ano do seu debut fixeron unha máis que notable temporada.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario