O All Star Futbolinlugo non naceu como un mero partido de fútbol feminino e outro masculino. É moito máis que eso. É unha xornada de convivencia pensada para todos os que integramos o fútbol lucense, unha festa que integre a todo aquel que queira participar dela.
Por iso, desde a organización preparamos unha serie de concursos futbolísticos que terán os seus correspondentes premios. A inscrición en cada un deles será gratuita e libre, todo o mundo pode participar. Iso si, con prazas limitadas por rigurosa orde de inscrición.
1º Concurso. Crossbar Challenge Marino A Barbería (o mítico tiro ao longueiro): 17:00-17:20. Os participantes tratarán de impactar co balón no longueiro. Cada concursante gozará de dous intentos por ronda, e aumentaremos a distancia en cada ronda ata que tan só quede un vencedor.
2º Concurso. Xogo de precisión FUT-GOLF GADIS: 17:25-17:40. Desenvolverase nun principio por parellas (dependerá do número total de participantes). Os dous membros da parella lanzarán o balón desde o círculo central e terán que metelo nun curruncho de saque de esquina. Unha vez anoten, terán que volver ata o círculo central e, desde aí, saír de novo ata outro dos currunchos. Cada toque contará como un golpeo de golf. Os xogadores que completen dous «buratos» con menos golpeos pasarán de rondas.


3º Concurso. Fútbol Burbulla: 17:45-18:30. O fútbol burbulla chega a Carballedo para facer minipartidos de 2×2 con formato torneo. Por tanto, será por parellas. Un dos pratos fortes do All Star para o que contaremos coa colaboración do CERCUD de Baamonde.
Para apuntarse en calquera dos concursos, contacta con nós a través das redes sociais ou por correo electrónico antes do xoves 23 de xuño ás 14:00. Recorda, as prazas son limitadas.
