O Guntín é o novo campión da Copa Deputación de Preferente e Primeira logo de superar ao Ribadeo na quenda de penaltis que tivo lugar o pasado sábado en Vilalba. Por outra banda, o Monterroso caeu en Ponteareas (3-1) e terá que remontar en Cerdeiriños se quere dar o salto de categoría.
Na final da Copa a protagonista foi, sen dúbida, a intensa calor. Aínda así, ambos conxuntos saíron ao céspede moi intensos e con moita profundidade. Froito diso, unha gran xogada por banda esquerda do cadro laranxa foi culminada por Dani, 1-0 no 2′ de xogo. O Ribadeo, lonxe de baixar os brazos, sacou peito e acadou o empate en menos de dez minutos, cun bon gol de Castrín. Desde ese intre e ata o descanso sucedéronse as alternativas para dous conxuntos que amosaron o seu lado máis ofensivo e vertical. Porén, ningún tivo acerto.
O Guntín gañou aos penaltis por cuarta vez nesta competición
Na segunda metade a calor fixo moita mella e o ritmo baixou de xeito drástico. As circulacións foron máis lentas e os defensores decidían mellor que os atacantes para levar o choque, paseniño, ata os lanzamentos de penaltis. Unha lotaría desde os once metros na que o Guntín demostrou unha precisión exquisita e se impuxo por 5-4.
Os do Ladairo, tras esta victoria, superaron catro das cinco rondas do KO logo de vencer na quenda fatídica. Así sucedera contra o Iberia na rolda previa (0-0 e 4-3), Pol nos oitavos de final (1-1 e 6-5), Monterroso nas semifinais (0-0 e 6-5) e ocorreu de novo o pasado sábado na final. Os de Germán Campos puxeron de manifesto que o dominio dos penaltis é fundamental para acadar títulos.

Por outra banda, a outra competición que segue activa é a promoción de ascenso á Preferente. O Monterroso visitou o domingo ás 19h o feudo do Juvenil Ponteareas, que se vestiu de gala para recibir aos de Cerdeiriños na final polo salto de categoría. Os lucenses saíron dubitativos e os pontevedreses aproveitaron a súa capacidade goleadora para poñer o 1-0 por medio de Cándido, un futbolista que anotou 36 goles no que vai de temporada.
Os lucenses reaccionaron co paso dos minutos e Quintá aproveitou unha gran ocasión para empatar. Era o 31′. Porén, Cándido voltou adiantar aos seus no 38′ e, xa coa primeira parte case terminada, o colexiado sinalou un penalti a prol dos ponteses que supuxo o 3-1 e un duro golpe para os de Fernandito.
Na segunda metade, porén, os vermellos saíron renovados e buscaron con insistencia un gol que os achegase no electrónico, pero os locais tiraron de pragmatismo e experiencia para evitar sobresaltos e manter unha boa renda para o partido de volta. De tódolos xeitos, o Monterroso demostrou que está moi vivo e que, co apoio da súa xente, é posible a remontada. Cerdeiriños dictará sentenza.


