#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Lemos cae nun encontro onde o fútbol non foi protagonista

A Pinguela, estadio do Lemos

O que parecía unha tarde propicia para o fútbol na Pinguela rematou cunha derrota do Lemos onde o que aconteceu no campo pasou a un segundo plano. Unha lea vergoñenta na que xogadores, corpos técnicos, directivos e afeccionados se viron inmersos empañou a ida da final da promoción de ascenso á Terceira RFEF. No plano futbolístico, foi o Portonovo quen saiu con vantaxe cun gol de Brais Bernárdez no minuto 93 que fai que o cadro monfortino teña que vencer si ou si para, como mínimo, levar a eliminatoria á prórroga ou aos penaltis.

Un encontro propio da ida dunha eliminatoria tan importante

O encontro comezou co Lemos coméndose o campo, atopando oportunidades nos cinco primeiros minutos grazas a Fito e a Youness, pero foi no minuto 10 cando o Portonovo tivo a oportunidade máis clara de todo o encontro cun disparo de Dieguito que marchou alto por moi pouco. A partir de aí, o encontro comezou a trabarse e ningún equipo atopaba unha continuidade no xogo que lle permitise terboas oportunidades. Só Fito tivo chegadas positivas con dous centros a área que acabaron paseándose pola área do Portonovo.

Na segunda metade, o Lemos tivo un bo intento case no inicio. Brais viu que Dadín estaba adiantado e intentouno cunha picada, pero o porteiro puido estirarse para sacar o disparo. As chegadas foron contadas, con Brais sacando un tiro desde a frontal que detivo Dadín con facilidade no minuto 62 e, a nove do final do tempo reglamentario, Pablo Losada tivo que actuar para sacar un lanzamento lonxano. Foi no engadido cando o Portonovo aproveitou para sacar un centro atrás que remataría Brais Bernárdez axustado para facer o tanto da vitoria dos pontevedreses.

O Lemos-Portonovo quedou empañado

Foi no gol onde comezou a caldearse demasiado o ambiente, co lanzamento de botellas ao campo por parte da afección do Lemos e co lanzamento dun petardo no sector dos do Portonovo. Unha vez rematou o partido, o ambiente foi cada vez máis bravo, froito dun encontro moi trabado e intenso e coa afección monfortina enfadada coa arbitraxe. Pero todo cruzou unha liña cando, nas inmediacións do vestiario do Portonovo e incluso dentro, comezaron os empurróns e os golpes. Con xogadores, corpos técnicos e directivos na lea, tamén baixaron afeccionados do Lemos ao campo para intervir e todo deu lugar a unhas imaxes que nunca se deben dar nun campo de fútbol.

Minso Vidal, adestrador do Portonovo, sinalou en directo no Galicia en Goles que «Xogadores do Lemos tamén viñeron ao noso vestiario, chegaron as mans… unha situación bastante lamentable» e engadiu que «a policia non deu suxeitado todo o que estaba pasando. Vímonos increpados, isto non se pode vivir nun campo de fútbol». Pola súa parte, o presidente do Lemos, Antonio López, pediu disculpas polo acontecido e dixo que «pedínlles que deixaran de provocar porque o partido xa estaba quente. Recibín insultos hacia a miña persoa e reaccionei como non tiña que reaccionar».

A espera das consecuencias que poida ter para ambos equipos de cara ao encontro de volta e para o Lemos ao ser o equipo local do encontro, o que queda claro é que os feitos empañaron unha eliminatoria por un ascenso á Terceira RFEF, coa tristura que sempre produce que nun encontro de fútbol se deixe de falar de deporte. Máis alá do resultado que haxa na volta, o importante ten que ser o que aconteza no verde.

O Lemos cae nun encontro onde o fútbol non foi protagonista

Diario dun Mercado. Episodio 509

O Lemos cae nun encontro onde o fútbol non foi protagonista

O Lemos cae nun encontro onde o