A Milagrosa xa é de Primeira

«A Milagrosa obra o milagre» sería un titular que a quen pertencemos ao (tan fermoso como denostado) gremio xornalístico faríanos «chiribitas nos ollos», pero non se axustaría á realidade.

‘Milagre’ (s.m.): 1. Feito que non ten explicación lóxica e que se atribúe a unha intervención divina. 2. Cousa que produce moita admiración por suceder en contra do que se esperaba ou por ser algo fóra do común.

Atendendo á acepción da RAG, o ascenso da Milagrosa non pode tildarse de milagre porque o que non admite dúbida é que é froito dun gran traballo, durante toda a tempada, do equipo dirixido por Héctor Expósito; e todo o éxito que se atribúa a calquera outro ítem, non lles faría xustiza.

Así pois, o meritorio ascenso da Milagrosa converte ás lucenses en equipo de Primeira Futgal. Tras gañar na ida 2-0, a as albivermellas visitaban o campo do Bergantiños B co obxectivo de manter a súa vantaxe na eliminatoria e conseguir o ascenso. O plan saíu á perfección. A Mila non só puido manter a renda, senón que foi quen de imporse a domicilio cun 1-2 final e que quedará na lembranza, sobre todo, das dúas «Candelas» do equipo que, facendo honra ao significado do seu nome, iluminaron cos seus goles o triunfo do ascenso milagrosista.

Malia que o resultado favorable da ida puidera aumentar a presión sobre as lucenses, o certo é que conseguiron saír ao campo coa actitude lóxica: confianza en si mesmas, no resultado que colleitaran, e en seguir facendo o bo traballo que amosaran ata o momento.

Así, as de Héctor Expósito dominaron o encontro en case todas as súas fases, a excepción dalgunhas ocasións illadas en xogadas a balón parado. Candela Gallego foi a encargada de anotar o primeiro tanto, no 63′, semellando sentenciar a eliminatoria. Porén, o Bergantiños recurtou distancias grazas a unha boa xogada tras un saque de banda.

Pero Candela Otero non quería dúbidas e, cun chicharrazo tremendo de falta, puxo punto e final ao partido (2-1). Listo para sentenza: o ascenso da Milagrosa listo para asinar en acta.

A gran tempada da Mila, recén ascendida a 2ª e que nalgún momento incluso, puido saír a competir en 3ª, consegue o ascenso nunha tempada que aínda pode traer máis ledicia ás albivermellas xa que esta fin de semana agárdaas a final da Copa Deputación, ante o Antas.

A Milagrosa xa é de Primeira

A Milagrosa xa é de Primeira