O anecdotario: “A terapia do Ratibrom caseiro”, por Arturo Calvo

Unha rata solta e un capitán atemorizado no vestiario

No noso vestiario somos moi de facer bromas. As botas adoitan ser recurrentes ao estar debaixo dos nosos asentos. Atamos cordóns todos xuntos, botamos champú dentro das mesmas…

Pois ben un día, entrounos un rato pequeno no vestiario. Aínda non sabemos como. Empezou a corretear por entre as botas, os bancos. Non o demos atrapado. Só o víamos pasar de cando en vez de xeito moi fugaz. Ese día serviunos para darnos conta de que un dos nosos capitáns, Xaime, lle tiña unha fobia criminal aos ratóns. O tipo chegaba, arrimábase ao interior do vestiario e preguntaba atemorizado se o bicho andaba por alí. Mentres miraba escrupulusamente todo debaixo do seu sitio, as botas incluidas.

Xaime, o protagonista indirecto da historia

Deunos unha idea. Así que un día chegamos antes ca el ao vestiario. Gastámoslle unha broma das boas. Collimos cinta negra e fixemos con ela unha pelota alongada. Semellando o corpo dun rato. Tamén lle metimos o cordón dunha bota vella para facer como se fose a cola do rato. E metimos o noso bicho artificial no interior dunha das botas de Xaime.

Xaime chegou ao habitáculo e seguía preguntando polo rato. Se estaba dentro, se o viramos… Vestiuse atemorizado e chegou o momento de calzar as botas. Tentou poñer a primeira delas. Non deu e de feito estampouna no outro lado do vestiario. Tirouna dicindo:

“Dentro da bota hai algo, dentro da bota hai algo…”, dixo cun medo evidente.

“Pero que dis oh…”, contestamos.

Pasámoslle a bota de nova. Volveuna a medio poñer e volveulle dar outro golpe.

“Aquí dentro hai algo”, repetiu Xaime.

“Que dirás, non hai nada”, respostamos de novo.

Volveuna coller, meteu a man dentro e quitou o rato de mentira gritando como un tolo. Ese día certificamos o medo de Xaime aos ratos. Un home tan forte de apariencia pero ao que un rato pequeno de nada lle atemoriza.

Arturo Calvo Martínez. Home gol do Viveiro, canteira do Cembedo

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario