Co grupo de ascenso visto para sentenza, os Máxicos que quedan en competición loitan por evitar o descenso dos seus equipos.

GRUPO PERMANENCIA 1:
San Roque 3-1 San Lázaro: o San Lázaro consumou o seu descenso á Segunda Galicia logo dun choque no que comezou dominando e, froito do bo xogo, fixo o 0-1 co que se chegou ao descanso. Na reanudación, o colexiado sinalou un penalti a prol do San Roque que supuxo o 1-1 e que sacou do partido aos da Ponte, que consideraron excesiva a pena máxima. Porén, non foi ata o tempo engadido que chegaron o resto de goles locais. O 2-1 logo dunha boa acción combinativa e o 3-1 tras un novo penalti. A victoria mantén con vida aos de Montirón, que buscaran a fazaña no campo da Pontenova o próximo domingo.
Monterroso 3-0 Sporting Pontenova: o Monterroso xogará un ano máis na Primeira Galicia logo de superar por 3-0 a un Sporting que mostrou unha boa versión, pero foi peor que o seu rival nas áreas. Dous goles no primeiro tempo deixaron as cousas de cara para os locais, pero os mariñáns volcáronse na segunda parte e a piques estiveron de anotar algún gol. Porén, sería o Monterroso o que sentenciaría co 3-0 final.


Pastoricense 0-3 Folgueiro: gran victoria do Folgueiro no Acebreiro que pon en apretos ao Pastoricense de cara a última xornada ligueira. Comezaron mellor os mariñáns, que no minuto 23′ xa mandaban por 0-2. A reacción local chegou a partires do segundo tanto, pero a boa actuación do gardamallas visitante evitou que o Pastoricense recurtase diferenzas. Nada máis saír dos vestiarios, o Folgueiro fixo o 0-3 co que sentenciou o partido e que lle permite soñar coa permanencia.

GRUPO PERANENCIA 2:
Alfoz 1-2 Lourenzá: derbi no Municipal con desenlace tráxico para un Alfoz que consumou o seu descenso á Segunda Rexional. Comezou dominando o Lourenzá, que se adiantou por medio de Julián. O Alfoz reaccionou e logrou o empate antes do descanso, pero un xogador diferencial neste último treito de temporada, Iago Cruña, puxo o 1-2 definitivo a balón parado cando restaban 20′ minutos de partido. Unha mágoa para o Alfoz, que pese a súa boa primeira fase non puido manter a categoría e que tratará de volver canto antes á Primeira.


Outeiro de Rei 1-0 Xove Lago: o Xove comezou o choque moi serio a nivel defensivo, e impediu que os locais xerasen por dentro. Sumado á boa actuación de Trullo nun man a man, chegouse ao descanso co 0-0. No segundo tempo, o Outeiro deu un paso adiante e comezou a chegar polas bandas, ata que Pereira fixo o 1-0 no 64′. Co gol, o Xove puxo toda a carne no asador e foi á procura do empate, algo que fixo que o partido se abrise moito e ambos conxuntos gozasen de ocasións para anotar. No 95′, o Xove puido poñer o empate por medio dun penalti, pero o gardamallas local Alberto evitou o tanto cunha gran parada.
Guntín 2-1 Friol: partido tenso no Ladairo por todo o que estaba en xogo. Logo dunha primeira parte moi igualada na que ningún conxunto cometeu erros, o Friol adiantouse no minuto 54′. Lonxe de achicarse, o Guntín reaccionou e, en vinte minutos, fixo o empate e culminou a remontada. Unha vez mandaban os locais, o Friol tentou igualar, pero a solidez defensiva dos laranxas deixou os tres puntos na casa. Con este resultado, o Friol confirmou o seu descenso á Segunda.
