A Sarriana quedou, por segundo ano consecutivo, sen o ansiado ascenso a Terceira RFEF logo de perder no campo do Arteixo. O Lemos arrancou un empate do sempre difícil campo do Fisterra. Na pelexa pola permanencia, o Foz acadou unha vitoria de moito mérito no campo do Boimorto e pelexará por seguir na categoría na última xornada. A Residencia foi quen de vencer no campo do Pino e ten no peto a permanencia virtual. Paso atrás do Ribadeo que saiu goleado do campo do Puebla e xogará a permanencia no Pepe Barrera. O Santaballés perdeu no seu campo co Boiro mentres que o Escairón non foi quen de puntuar no Poboado diante do As Pontes.
A Sarriana perde co Arteixo e queda sen opcións de ascenso (3-0).
Non puido ser. Logo de toda a temporada na pelexa polo ascenso, por segundo ano consecutivo, a Sarriana quedou ás beiras do ansiado salto de categoría a Terceira. No enfrontamento directo co Arteixo, os de Edu Rodríguez non realizaron o fútbol ao que nos teñen acostumados, pero na primeira metade non foron inferiores ao seu rival, malia non ter a profundidade habitual. O conxunto local, salvo algunha transición, apenas xerou ningunha ocasión de gol, pero foi quen de marchar ao descanso por diante ao transformar Edu un lanzamento de penalti.
A segunda metade non comezou ben para a Sarriana cunha perda innecesaria de balón que case remata en gol. Os sarriaos puideron empatar nalgunha situación que non foron capaces de finalizar ben dentro da área e o Arteixo puido sentenciar cun lanzamento ao longueiro de Aitor. No minuto 80 o veterán Pablo Domínguez fixo o segundo poñendo moi costa arriba o encontro para unha Sarriana que se veu abaixo co gol. E no minuto 95 un tanto in extremis de Montes otorgoulle o ascenso ao Arteixo e deixou case sen opcións á Sarriana. Unhas horas despois, a vitoria do Paiosaco xa deixou sen ningunha posibilidade de ascenso aos da Ribela.



O Lemos mereceu máis dun punto na súa visita ao campo do Fisterra (1-1).
Nun encontro intrascendente a nivel clasificatorio, o conxunto monfortino foi superior ao seu rival e ben puido sair cos tres puntos. A primeira metade resultou igualada e sen moitas ocasións de gol. Primou o fútbol directo e ningún equipo foi quen de ter a profundidade suficiente para xerar perigo. Ademáis, as numerosas faltas impediron que houbera continuidade no xogo.
Na segunda metade o Lemos foi moi superior a un Fisterra xa en inferioridade por mor da expulsión de Cea. Mauro, nunha boa xogada combinativa adiantou aos de Alberto López. Armesto, Arias e Varela tiveron claras ocasións de gol , pero o gardameta Bugy resultou determinante con varias actuacións de mérito. Na única chegada do cadro local chegou o empate por medio de Víctor Casais.

A Residencia gañou no campo do Pino e certifica a súa ‘permanencia virtual’ (3-4).
Gran partido o realizado pola Residencia no sempre difícil campo dun Pino xa coa permanencia asegurada. O conxunto lucense acada a segunda praza e na derradeira xornada recibe na Cheda ao Estudiantil.
Non comezou ben o encontro para os de Dani Galán. Antes dos vinte minutos de xogo Borja anotou en propia porta ao intentar despexar un balón de cabeza. Non tardou en reaccionar a Resi. Un bo balón de Xabi rematouno Rober dentro da área. A falta de cinco para o descanso Jesús Sainz puxo por diante ao cadro local cun bo gol de vaselina, pero antes do intermedio Rober puxo o empate no marcador logo dun bo pase de Txiki. Yeray e Rois tiveron dúas boas ocasións para darlle a volta ao marcador.

Comezou ben a Residencia na segunda metade, pero ata o ecuador da mesma non chegou o tanto da remontada lucense. Un balón ao espazo de Borja controlouno Rober que culminou o seu hat trick cun man a man diante do gardameta. A falta dun cuarto de hora para o final, Bendaña igualou cun bo lanzamento desde fóra da área que se colou pola escadra. A Resi volcouse na procura do tanto da vitoria. As ocasións sucedéronse, pero o tanto non chegou ata o minuto 90. Un centro de López rematou dentro da portería logo dun erro do gardameta Pablo Vidal.

O Ribadeo deixa deberes por facer logo da contundente derrota co Puebla (4-0).

O que parecía improbable converteuse en posible. O Ribadeo terá que gañar na última xornada no Pepe Barrera diante do Pino para non ter que mirar a outros campos para manter a categoría. Na súa visita ao Puebla, os mariñáns non tiveron o seu día.
A primeira metade resultou igualada, aínda que as mellores ocasións tiveron nas botas dos ribadenses David Rodríguez e Matelo, que se atoparon coa boa actuación do gardameta local Aarón. Logo do intermedio, puido de novo David Rodríguez anotar, pero non estivo atinado. O Puebla gozou de gran efectividade e Viturro nunha das primeiras chegadas rematou desde dentro da área lonxe do alcance de Carrera. Os de Dani Moirón lanzáronse na procura da igualada e os barbanzáns aproveitaron á perfección os espazos para machacar á contra. Adrián Falcón fixo o segundo e desestabilizou por completo ao Ribadeo. Viturro, nos últimos intres, anotou dous tantos máis para completar a goleada.
Gran triunfo do Foz no campo do Boimorto que mantén con vida aos mariñáns (1-2).
O Foz xa deixou claro nas últimas xornadas que non se ía dar por vencido na pelexa pola permanencia. Os mariñáns venceron diante dun Boimorto que tamén poñía en xogo as súas opcións de manter a categoría e a vindeira semana, diante do Victoria no Martínez Otero, poden festexar a permanencia. Iso si, terán que gañar e agardar que non o faga o Laracha.
Os de Gayol realizaron un bo encontro no Carballal, pero tiveron que remar contracorrente logo que de o Boimorto lograra adiantarse cun tanto de Peiteado ao aproveitar un erro defensivo. O Foz logrou o empate antes do intermedio por medio de David Ben, que foi o máis listo nun barullo na área logo dun saque desde o curruncho.
A segunda metade resultou igualada. O Boimorto chegou con certo perigo ás inmediacións de Rubén, pero a ocasión máis clara tívoa Gonzalo cun testarzo que se estrelou no longueiro. Moi preto do final, Xenxo rematou ao fondo da portería un bo centro de Ángel.
O Santaballés plantoulle cara a un Boiro que demostrou que estaba para maiores desafíos (0-2).
O cadro chairego, xa sen nada clasificatoriamente en xogo, foi quen de competir diante dun Boiro que incomprensiblemente non xogou por ascender de categoría. Os visitantes tiveron o balón e o Santaballés defendeu repregado e coas liñas xuntas, que impediron claras ocasións de gol. Yago tivo unha ocasión cun tiro desde a frontal para os locales. Preto do intermedio o Boiro adiantouse nunha boa xogada que culminou Felipe.
A segunda metade seguiu un guión similar. Yago puido empatar cunha boa ocasión que detivo con éxito o gardameta Juan. Cumprido o cuarto de hora os visitantes marcaron o segundo gol, pero o Santaballés non se rendiu e contou con opcións de recurtar diferencias.
O Escairón non puido sumar diante dun As Pontes con máis en xogo (3-0).
Impúxose o conxunto local nun encontro marcado pola maior necesidade de puntos dos de Rafa Casanova, que foron superiores ao Escairón na maior parte do encontro. Na primeira metade, Sergio Otero fixo dous tantos que puxeron en clara vantaxe ao cadro local e puido incrementar a súa conta cun golazo pola escadra que foi anulado polo colexiado.
Na segunda metade, o As Pontes puido incrementar diferencias pero non estivo atinado de cara a portería e só no desconto foi quen de sentenciar por medio de Brais.