Penúltima xornada do ano para os nosos Máxicos Luca’s Grill, con sorpresas e victorias chave para varios conxuntos.
Foz 3-1 Xove Lago: partido de fútbol directo en Foz, no que os locais foron superiores ao longo do primeiro tempo e chegaron 1-0 ao descanso. Unha acción vertical do Foz puxo o 2-0 ao comezo do segundo tempo, pero o Xove reaccionou e fixo o 2-1. Cando mellor estaban os visitantes, sufriron a expulsión de Pelayo e, aínda que se volcaron en ataque, o Foz sentenciou por medio dun contragolpe.
Pol 2-2 Riotorto: partido de mérito do Riotorto na casa do Pol. A flamante nova fichaxe, Pape, fixo o 0-1 para os visitantes, co que se chegou ao tempo de lecer. Nada máis comezar o segundo tempo, Dapo facía o 1-1 nunha acción a balón parado e, pouco despois, Dani Roca remataba un centro de Gerardo para facer o 2-1. O Riotorto volcouse na procura do empate, e conseguiuno de novo por medio de Pape, ao anotar unha falta directa no 89′.
Outeiro de Rei 3-0 San Ciprián: partido trabado ao longo do primeiro tempo, no que o Outeiro mandaba co balón, mentres que o Sanci agardaba as súas opcións e rexeitaba as ofensivas locais, ben na súa liña defensiva ou por medio do seu gardamallas. Os mariñáns quedaron cun home menos no 71′, e no lanzamento da falta que causou a expulsión o Outeiro conseguiría abrir o marcador. Co 1-0 o choque se abriu e os locais conseguiron dous tantos máis, aproveitando tamén que o Sanci quedou con 9 xogadores sobre o céspede.


Chantada Atlético 2-1 Atlético Escairón: inicio vibrante no Sangoñedo, pois un erro defensivo visitante supuxo o 1-0 no minuto 5′ e, pouco despois, o Escairón acadou o empate por medio dun golpeo desde fóra da área. Logo dun primeiro tempo de dominio visitante, os locais deron un paso adiante coa entrada de Brais Pardo, quen culminaría un contragolpe no 80′ para facer o 2-1. A nota negativa, o traslado de Ethan ao hospital tras levar un forte golpe na cabeza. Mandámoslle desde aquí unha forte aperta ao central do Saviñao.
Monterroso 2-3 Burela: comezou moi mal o Burela e moi ben o Monterroso, pois o marcador no minuto 7′ era de 2-0 a prol dos vermellos. A reacción mariñá chegou mediado o primeiro tempo, pero conseguiron chegar 2-2 ao descanso. Un balón largo nada máis comezar a segunda metade supuxo o 2-3 para un Burela que soubo defenderse e manter o resultado pese ás ofensivas locais.
Santaballés 0-1 SD Chantada: victoria de mérito da SD no campo da Liga ante un Santaballés inmerso nunha mala dinámica. Comezou mellor o cadro local, pero os chantadinos resistiron as ofensivas iniciais e fixéronse pouco a pouco cun maior control do xogo. A primeira media hora da segunda parte foi para os visitantes, que avisaron en varias ocasións que detivo Adrián e anotaron o 0-1 cun gran gol de Michi. Co resultado adverso, os locais buscaron a igualada, e a piques estiveron de conseguila nunha triple ocasión dentro da área. Ao final, victoria para os de Traste.

Castro 6-0 Sporting Pontenova: boa primeira parte do Sporting, que viu como os locais se adiantaban por medio dun penalti e conseguían o 2-0 antes do descanso. O segundo tempo foi de dominio total para os locais, que anotaron catro tantos máis e despedido o 2022 no Arturo Pereiro cun gran resultado.
Antas 1-0 Pastoricense: partido trabado no Castro Seoane, no que ambos equipos procuraban a súa primeira victoria da temporada. Apenas houbo ocasións na primeira metade, pero a entrada de Portu no segundo tempo inclinou o xogo a prol dos locais e, tras unha falta botada polo propio Portu, Rafa aproveitou o rexeite para facer o definitivo 1-0 e dar aos celestes o primeiro triunfo da campaña.
Taboada 2-0 Lourenzá: duelo entre dúas das afeccións máis fieis da Primeira Galicia, no que foi o Taboada que levou o gato á auga logo de mandar por 2-0 no descanso tras unha boa primeira parte. O «Atleti» buscou reaccionar tras a reanudación, pero o bo facer defensivo dos da Medela impediu chegadas claras por parte dos da Santa Cruz, que buscarán resarcirse diante da súa afición o próximo domingo.
