Bos resultados de novo dos nosos representantes na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés gañou no campo do Paiosaco e sitúase a dous puntos do liderado, mentres que o Viveiro sumou un punto en Cantarrana fronte ao Gran Peña. Na Preferente, a Sarriana sacou adiante o seu encontro como local diante do Pino e o Lemos fixo o propio co Unión. O Portomarín empatou no campo do Fisterra, mentres que Residencia e Ribadeo non foron quen de sumar nas súas visitas a Dubra e Boiro, respectivamente.
O Racing Vilalbés gaña na Porta Santa e sitúa a dous puntos do Fabril (1-2)
Logo de tres empates consecutivos o Racing Vilalbés voltou á senda da vitoria na súa visita ao campo do Paiosaco e aproveitou o pinchazo do Fabril, primeiro da temporada, fronte ao Somozas, para achegarse á primeira praza. A vindeira xornada o liderado porase en xogo no enfrontamento directo entre Fabril e Racing Vilalbés.
O primeiro cuarto de hora resultou igualado e os chairegos co paso dos minutos fixéronse co dominio do encontro e comezaron a xogar en campo rival. No minuto 26 nunha boa xogada colectiva Jose Varela definiu diante do porteiro a pase de Cuadrado. Antes do intermedio Álex Pérez puxo terra de por medio.


Na segunda metade o Racing seguiu presionando en campo contrario coa intención de impedir ao Paiosaco meterse no encontro. Saiulle ben a iniciativa aos de Simón Lamas, xa que, o cadro local só puido recurtar diferencias no minuto 90 cun tanto de Jorge Raña. No cadro chairego tivo minutos por primeira vez o canteirán Diego Ferreiro.
A falta de puntería penalizou ao Viveiro, que sumou un punto fronte ao Gran Peña (0-0)
Non puido sumar o Viveiro a quinta vitoria consecutiva en Cantarrana, pero foi quen de sumar un punto e manter as diferencias coa zona de descenso. O xuvenil Lucas estreou titularidade e dispuxo dunha boa ocasión para os de Alberto López, logo dun centro de Sané. O filial do Celta pasou a dominar boa parte do primeiro tempo e foi superior a un Viveiro que non sufriu en defensa para frear as acometidas viguesas.

Os mariñáns arriscaron na segunda parte situando a Sané de lateral e a Lucas por diante del na banda dereita e coa entrada no terreo de xogo de Jerome e Sergio Otero. O Viveiro contou con ocasións de Sané, Jerome, Barroso e unha moi clara de Schuster que rematou un saque de esquina sen oposición. O Gran Peña baixou as súas prestacións na segunda metade e non inquietou a portería de Casillas.
A Sarriana vence ao Pino na Ribela e consolida a segunda praza (3-1)
Os de Brais Prados seguen a amosarse intratables no seu campo e sacaron adiante un encontro que os consolida na segunda praza, a tres puntos do Noia. O Pino realizou unha primeira metade moi boa a nivel defensivo, repregados no seu campo e xogando moi directo sobre os dous dianteiros. A Sarriana non pasou ningún tipo de apuro en defensa e foi quen de xerar tres ocasións por medio de Herrero, Diego Rey e Marino ante as que respostou ben o porteiro Borja. O colexiado anulou un tanto a Herrero por fóra de xogo.
Na segunda metade a Sarriana foi quen de manter un ritmo alto de xogo e non tardou en chegar o primeiro gol. Un centro de Marino por diante da defensa introduciuno na súa portería Mosteiro, central do Pino. Nunha falta lateral, a falta cun cuarto de hora para o final, Eloy cun bo testarazo fixo o empate. Non tardou a Sarriana en reaccionar e Herrero no segundo pao non ten máis que empuxar o balón ao fondo da portería. Cinco minutos máis tarde, nunha boa saída de balón dos sarriaos, Santín sentenciou o encontro.
Derrota dunha Residencia que mereceu máis na súa visita ao Dubra (2-1)

O marcador non fixo xustiza ao visto durante os noventa minutos no Juan Baleato. Comezou mandando no marcador o cadro local cun tanto de Dani Moto, que batiu a Diego Bravos cun tiro raso logo de controlar o balón dentro da área. A Residencia non se veu abaixo e lanzouse a polo empate. Este chegou a sete minutos para o descanso. Rober aproveitou un pase de López e definiu ben ante o porteiro. Antes do intermedio sucedéronse as ocasións para os de Dani Galán. López e Poratti erraron dous man a man diante de Fedello. O propio Poratti tivo outra clara ocasión cunha vaselina que non entrou por pouco. Ocasións máis que suficientes para que o encontro caera do lado lucense.
A segunda metade estivo marcada pola escasa luz nun terreo de xogo no que só funcionaban dúas torretas en diagonal e apenas se podía ver e o encontro convertiuse nun caos. Dani Moto anotou o segundo tanto na súa conta particular logo dunha contra. A Resi volcouse na procura do empate e a piques estivo de logralo cun disparo de Veloso que marchou lixeiramente alto.
O Ribadeo corta a súa boa xeira cunha derrota en Boiro (3-0)
Encontro moi condicionado polas numerosas baixas no conxunto ribadense. Roi e Jacob por sanción e Boada, Antón, Carlos e Iván por lesión, ás que se sumou a do mediocentro Iván Rodríguez no quecemento en Barraña. Foi sustituido polo xuvenil Anxo, que debutou co primeiro equipo no once titular. Os de Dani Moirón competiron ben na primeira metade e apenas concederon ocasións a un Boiro que dominou o encontro. O bo labor defensivo ribadense non puido con Pedro Beda, que foi quen de marcar a falta de dous minutos para o descanso.
Na segunda metade o Ribadeo adiantou liñas coa entrada de Álex Meitín, que disputou o segundo encontro coa camisola celeste, pero en dous minutos o Boiro logrou sentenciar o encontro con dous goles, obra de Adrián Pereira e Pedro Beda. Gozaron de minutos os xuvenís Óscar e Aarón, que debutou na categoría.
O Lemos suma a segunda vitoria consecutiva diante do Unión (3-2)
O conxunto monfortino acadou un triunfo importante na súa pelexa por abandonar a zona baixa da clasificación. A primeira metade foi de dominio local e Marco logrou o primeiro tanto logo dun pase de Mauro. Losada estivo atinado na única chegada visitante ao solventar con éxito un man a man.
Na segunda metade o Lemos entrou moi ben ao partido e o segundo tanto non tardou en chegar. Un centro lateral de Diego Torres rematouno na área Dani Arias. Co marcador claramente favorable o Lemos cedeu o dominio ao Unión que logrou recurtar diferencias por medio de Cerqueiras. Xa co tempo cumprido Varela cabeceou ao fondo da portería un centro lateral e Borja Castro anotou en propia porta un balón á área do Unión.
O Portomarín sumou un punto na visita ao pechacancelas Fisterra (0-0)
Encontro no que ámbolos conxuntos optaron por un fútbol moi directo debido ás malas condicións do terreo de xogo. O cadro local non tivo ningunha opción de marcar ao longo dos noventa minutos. O Portomarín entrou ben ao encontro e Fer, a saque de córner viu como o seu remate o sacaba un defensor sobre a liña. Javicho tivo un man a man que non aproveitou.
Na segunda metade continuou cun xogo directo do que o Portomarín sacou máis partido, aínda que sen lograr concretar as súas ocasións. Pardo puido marcar en dúas ocasións, pero non estivo atinado. Mereceu máis o conxunto miñoto na súa visita ao Ara Solis.
Foto de portada: Jorge Vázquez Fagín.
