#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 10

Os Máxicos seguen a facer das súas na Primeira Autonómica.

SD Chantada 2-0 Sporting Pontenova: o Sporting defendeu ben, e a SD non atopaba moitos espacios para finalizar. Pedro fixo o 1-0 no minuto 20′ tras unha boa acción combinativa, pero o Sporting soubo responder e chegou a xerar ocasións por medio de transicións. Os locais se fixeron co dominio no segundo tempo, e sentenciaron no 80′ no rexeite dun penalti. O 2-0 sentenciou a un Sporting moi combativo e que fixo merecementos para máis.

Burela 1-0 Pastoricense: na primeira ocasión do choque, Javi Celes fixo un gran gol que puxo por diante aos locais. O Burela fixo dano polas bandas, pero o Pastoricense soubo axustar e competiu de ti a ti na Marosa. Os intentos ofensivos visitantes non foron suficientes para empatar, ante un Burela que mostrou unha versión moi seria.

Atlético Escairón 1-1 Lourenzá: partido moi disputado no Saviñao, con dous equipos que tiveron moitas opcións de anotar. Pese a que os locais se adiantaron cedo por medio de Denis, os visitantes foron quen de xerar perigo na primeira parte. O segundo tempo comezou cun bon Lourenzá, que provocou un penalti e fixo o 1-1. Co empate, os locais deron un paso adiante e buscaron a victoria, pero non materializaron as súas opcións e o partido rematou co empate.



San Ciprián 3-2 Antas: vibrante choque na Veiga, no que o Antas comezou moi ben e fixo o 0-1 ao pouco do inicio. Porén, tres erros condenaron aos visitantes na primeira metade, pois o Sanci sacou partido deles e chegou 3-1 ao descanso. Á volta dos vestiarios, os visitantes fixeron o 3-2 e incomodaron a meta rival, pero os locais impediron o empate cunha defensa bastante sólida.

Riotorto 1-3 Castro: o Castro tivo a pelota, mentres que o Riotorto buscaba facer dano ao contragolpe. O partido se resolveu nos últimos 15′. O Riotorto fixo o 1-0 no 75′, pero unha acción polémica na área local supuxo o 1-1 e, en dous balóns colgados nos últimos 5′, o Castro sacou partido e fixo o 1-2 e o 1-3 definitivo.

Xove Lago 1-1 Santaballés: partido moi bonito en Xove cunha parte para cada equipo. Na primeira foron mellores os locais, que anotaron o 1-0 e xeraron perigo por medio de pases interiores, mentres que o Santaballés tivo a súa opción nun balón parado que detivo o porteiro local. No segundo tempo melloraron os chairegos, que empataron (1-1) e tiveron varias opcións para darlle a volta ao partido. Ao final, reparto de puntos no Municipal.



Foz 2-1 Monterroso: un competitivo Monterroso puxo contra as cordas a un gran Foz no primeiro tempo, grazas a un gol de David. Os visitantes tiveron outra ocasión clara, que erraron, e o Foz errou un penalti. Mediado o primeiro tempo, os locais igualaron por medio dunha falta lateral e, xa no segundo tempo, deron a volta ao electrónico cun gol de Gonzalo. Co 2-1, os locais controlaron o choque e conseguiron tres importantes puntos.

Outeiro de Rei 3-0 Taboada: dominio local ao comezo do choque, que se traduciu no 1-0 logo dunha boa acción de Denis no 20′. Pouco despois, Redondo fixo un 2-0 que fixo bastante dano aos visitantes. O choque entón se trabou algo e, xusto despois do descanso, Lucas fixo o 3-0 para sentenciar o choque. O Taboada intentouno pero non foi quen de anotar ante un gran rival.

Pol 1-1 Chantada Atlético: partido de alternativas no Municipal. Os locais se adiantaron por medio dun penalti moi protestado polo Chantada Atlético, e unha boa acción de Álex Arca pouco despois puxo o 1-1 tras un rexeite en propia portería. A partires de aí, o Chantada dominou algo máis no primeiro tempo e o Pol mellorou no segundo, pero ninguén foi quen de anotar máis tantos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *