Nun fin de semana sen xornada en Terceira, a Preferente convirtiuse na gran protagonista. A Sarriana, con Vilariño no banquiño, goleou ao As Pontes, mentres que o Ribadeo remontou en Mugardos e acadou tres puntos vitais. A Residencia empatou na Cheda co Fisterra e Lemos e Portomarín caeron derrotadas nas súas visitas aos campos do Pino e Unión, respectivamente.
A Sarriana golea ao As Pontes e achégase de novo ao liderado (5-1)
Goleada no primeiro encontro sen Edu Rodríguez no banquiño. Vilariño, adestrador provisional dos sarriaos, afrontou o encontro cunha alineación que difería moi pouco da última do técnico monfortino. Bo encontro dunha Sarriana que foi máis vertical e con máis velocidade con balón en campo contrario. Santín e Echavarri puxeron en clara vantaxe ao cadro local na primeira metade. Nada máis comezar a segunda metade, Herrero sentenciou o choque, pero os de Rafa Casanova recurtaron rápido diferencias cun tanto de Alberto Leira. Foi un espellismo e os dous dianteiros, en estado de gracia, ao igual que no primeiro acto, anotaron dous goles máis que fixeron que o encontro rematara en goleada.
Empate con sabor agridoce da Residencia fronte ao Fisterra (1-1)


A visita do pechacancelas da Preferente auguraba unha vitoria da Resi que o achegaría aos postos nobres da clasificación, pero os de Dani Galán non afrontaron o encontro coa intensidade necesaria para obter os tres puntos. A primeira metade foi un carrusel de ocasións, con Txiki como protagonista de varias delas. Á media hora de encontro, un lanzamento desde fóra da área de López cólase polo lado do porteiro.
Na segunda metade, co marcador a favor, a Residencia seguiu manexando o encontro e contando con ocasións para marcar, pero foi o Fisterra quen logrou o empate por medio de Eugenio nun despiste defensivo local. Os visitantes tiveron dúas ocasións para darlle a volta ao marcador, pero non foron quen de aproveitalas. Nos últimos intres, Poratti a pase de Artai rematou lixeiramente alto moi preto da portería.
Tres puntos vitais para un Ribadeo obrigado a remontar no campo do Mugardos (1-2)

Sete puntos dos últimos nove en xogo acadou o Ribadeo lonxe do Pepe Barrera. Os de Dani Moirón están a atoparse máis cómodos a domicilio e foron quen de gañar no campo do Galicia Mugardos, onde ninguén o fixera ata o de agoara. Na primeira metade o Ribadeo realizou un gran fútbol e foi superior ao seu rival, pero non foi quen de transformar o seu dominio en goles.
Despois do intermedio saiu mellor o conxunto local con dúas ocasións claras nas botas de Gabarre e Del Río. O propio Del Río foi o autor do gol dos mugardeses tras rematar un centro lateral. Tan só sete minutos máis tarde, Asier estableceu a igualada ao aproveitar un rexeite despois dun saque desde o curruncho. Nos últimos vinte minutos o encontro abriuse e puido caer para calquer lado, pero foi Xaime quen decidiu o choque cun maxistral lanzamento de falta no minuto 92.
O Lemos non puido sumar no difícil campo do Pino (3-1)
O encontro presaxiaba outro final vistos os primeiros vinte minutos. O Lemos dominou ao rival e chegou con perigo á área rival. A ocasión máis clara tívoa Diego Torres, que atopou a fenomenal resposta do porteiro local Borja. Co paso dos minutos, o Pino castigou en exceso cada perda de balón monfortina con rápidas transicións. Así chegou o primeiro tanto, obra de Eloy tras aproveitar un centro lateral.
Na segunda metade, xa cun campo impracticable por mor da forte choiva, o Lemos xogou máis directo e o Pino meteuse atrás por mor do empuxe dos de Óscar Moure. A dez minutos para o final, Diego Torres empatou o encontro, pero pouco despois, nunha perda de balón en medio campo Rubén Ferreiro fixo o segundo, e preto do final de tempo regulamentario o propio dianteiro sentenciou o choque.


O Portomarín cae no campo do Unión malia a adiantarse en dúas ocasións (3-2)
O encontro comezou de cara para o Portomarín cun tanto desde a frontal de Mario. Baixo o diluvio que caía en Rianxo, o cadro local non tardou en igualar o choque cun gol de Rebo. O colexiado suspendeu o encontro durante uns minutos por mor dunha tromba de auga. Cando se reanudou o partido, co céspede case impracticable. O Unión contou cunha boa ocasión para poñerse por diante ao sinalar penalti o colexiado por man de Nacho, pero o balón estrelouse no longueiro. Na seguinte xogada chegou o segundo do Portomarín, obra de Hugo ao aproveitar un balón solto.
Na segunda metade, un centro lateral do Unión rematou co tanto de cabeza de Chuso. Co marcador igualado o conxunto local foi lixeiramente superior e nun remate case sen ángulo de Cristian rematou no fondo da portería. Nos últimos minutos Diego Fente tivo o empate cun lanzamento que saíu lambendo o pao.
