O Monte Forte logrou a sorpresa da xornada despois de gañar ao Touro a domicilio. Dous goles de Moji na primeira metade encarrilaron un triunfo moi traballado e completo da escadra de Perry.
Ata tres derbis vivimos nesta última data da Segunda Galicia. Un quedou na casa, outro marchou para as visitantes. E o último deles rematou en empate. Leire liderou á Milagrosa no derbi capitalino. A atacante branquivermella logrou un hat trick para decantar un partido no que a Comercial seguiu a mostrar a súa evolución. As de Vivian Dors perdoaron en exceso. Estrelaron un balón no longueiro e ata desperdiciaron un penalti co 1-0 en contra.
Outro dos equipos da cidade amurallada, o San Roque, impuxo a súa lei no Catro Ventos. A posesión e as ocasións levaron a sinatura do cadro de Quiroga, que marchou cun cómodo 0-3 ao descanso. Nos últimos vinte minutos, Ana Lamas non faltou á súa cita co gol para o Carballedo. E tamén deu tempo a que Mery pechase o seu ‘dobrete’ particular. Xornada redonda para as verdibrancas, que se sitúan cuartas despois dos pinchazos de varios rivais.
O derradeiro dos duelos entre lucenses estivo marcado pola igualdade e a limpeza. Cada equipo tivo os seus momentos no encontro. O San Lázaro adiantouse nun balón ás costas da zaga chantadina. Respostou ao momento Tania Gómez, cun zapatazo que rozou o longueiro. Porén, as de Luchi volveron sacar tallada noutra pelota ás costas.



Na segunda parte o partido foi máis vistoso. O Chantada rozou o empate tras diversas combinacións ante un San Lázaro ao que lle faltou agresividade defensiva en certos momentos. A igualada fíxose de rogar aínda que acabou chegando, cun golpeo de Ángeles á escadra no minuto 85. Nas postrimerías do encontro, as de Gorry coquetearon co triunfo. Iso si, o 2-2 non se moveu ao final.
Por último, o líder tivo que suar tinta para sacar os tres puntos do feudo do Cruces. O cadro local adiantouse por dúas veces no marcador, cun gol xusto antes do tempo de lecer e outro á volta do mesmo. E o PM Friol B solventou a papeleta na derradeira media hora, cun hat trick da viguesa Nuria Meijide. O conxunto de Geluco Villar acudiu ao encontro con só doce xogadoras, sen corpo técnico con licenza no filial e Nerea Lombardero como porteira.
O Antas resistiu na primeira metade, o CD Lugo non deu opción ao Sporting Cambre

O Orzán foi un óso demasiado duro para un Antas que asinou unha boa primeira metade en termos defensivos. O cadro de Dani Abelairas tivo algunha aproximación á meta rival sen moito perigo. E viu como Laura Santos marcaba o 0-1 xusto antes do descanso. Na reanudación, as coruñesas tiveron dúas marchas máis. E asinaron un soberbio exercicio de verticalidade para rematar goleando. A mellor nova da segunda metade foi o debut de Camila, xogadora da base do Antas.

Pola súa parte, o Lugo viviu unha matinal plácida ante o Sporting Cambre. Controlou o partido en todo momento, creando ocasións sen materializalas. Deixando a tradicional dose de inquedanza ata o asubío final. As de Joaquín Blanco superaron en todo momento a presión alta visitante, chegando con perigo e nulo acerto na primeira metade. Os goles quedaron para un segundo acto calcado ao primeiro. Ana asinou un ‘dobrete’ que valeu tres puntos.
O balón parado tumba ao PM Friol na súa visita ao líder
Un competitivo PM Friol regresou de baleiro da súa visita ao primeiro clasificado. O Europa mandou nas áreas e estableceu as diferenzas no balón parado. Adiantouse pronto desde o punto de penalti e matou o encontro nun postreiro saque desde o curruncho. Entre medias, Marta Parralejo dispuxo das mellores oportunidades das lucenses, unha en cada metade. A pelota non quixo entrar.
Resultados da xornada

Europa 2-0 PM Friol
Antas 0-5 Orzán
CD Lugo 2-0 Sporting Cambre

Chantada 2-2 San Lázaro
Milagrosa 4-0 Comercial
Carballedo 1-4 San Roque
Cruces 2-4 PM Friol B
Touro 1-2 Monte Forte
