A ponte non supuxo parón para os Máxicos, que xa encaran as últimas xornadas da primeira volta.
O Xove Lago cuaxa un gran partido para superar á SD Chantada (3-2). Foron mellores os locais no inicio do choque, pero non materializaron as dúas primeiras ocasións claras ante unha SD Chantada que non se atopaba cómoda. Jorge aproveitaría entón un rexeite nunha falta lateral para facer o 1-0 e, pouco despois, un balón á espalda da defensa chantadina foi aproveitado por Diego para ampliar a vantaxe, 2-0. Xa na reanudación, un erro defensivo foi aproveitado polo Chantada para poñer o 2-1, pero nunha boa presión de Juanjo errou o gardamallas da SD e o mariñán puxo o 3-1. A 20′ para o final, os visitantes puxeron o 3-2 logo dun centro lateral e apretaron moito ao Xove, pero o electrónico non se movería máis, 3-2 tras 90′ minutos vibrantes de fútbol.
O Outeiro rescata un punto no último minuto ante o Escairón (1-1). Os visitantes levaron o peso do partido, mentres que o Outeiro agardaba para facer dano en transicións. O Escairón enviou un balón ao pau na primeira metade, pero foi na reanudación cando máis apretaron, froito do cal conseguiron o 0-1 á saída dun córner. Co gol, o partido abriuse e os locais conseguiron o empate nun balón parado no 90′, cando estaban cun xogador menos pola expulsión de Alberto. Ao final, reparto de puntos no Municipal.

O Burela imponse con claridade ao Portomarín (6-0). O partido xa o encarrilaron os locais ao comezo, cun tanto a favor que deixou moi mermados aos visitantes. Pouco despois chegaron dous goles máis, ambos en accións a balón parado. Xa no segundo tempo, e pese a que os miñotos insistiron con orgullo, tres contragolpes ben levados polos mariñáns traducíronse en tres goles máis, 6-0 para o Burela nun duelo que se saldou coa dimisión de Diego Díaz como adestrador do Portomarín.


Un inicio fulgurante válelle ao Chantada Atlético ante un Meira con baixas (5-2). Os locais comezaron o duelo na matinal do domingo moi enchufados, e no minuto 10′ xa mandaban por 2-0. O Meira conseguiu recurtar diferenzas á saída dun córner, pero os chantadinos seguiron moi intensos e anotaron dous tantos máis antes do descanso, 4-1. Na reanudación melloraron os visitantes, que pecharon ao Chantada Atlético no seu campo, pero foron máis efectivos os do Sangoñedo e o resultado rematou cun abultado 5-2 e coa expulsión do local César.
Unha parte para cada un no Ladairo (1-1). Foi mellor o Taboada ao longo do primeiro tempo, con chegadas claras que non se materializaron ata que Fabio perforou a rede rival á media hora de xogo. Os visitantes mantiveron o ritmo e puideron facer algún tanto máis, pero o Guntín aproveitou o aire a favor na segunda metade para pechar ao Taboada no seu campo e, xa na recta final do choque, lograr o empate por medio de Quiñones, 1-1 nun Ladairo en mal estado.
O Lourenzá supera con claridade ao Guitiriz nun duelo de urxencias (4-0). Púxose de cara o choque para os laurentinos cun gol de Xoel no primeiro minuto de xogo, mentres que o Guitiriz tivo que remar desde o inicio nunha situación adversa. Erik e Antón levaban o peso do xogo visitante, mentres que o Lourenzá facía dano con balóns ás costas da defensa do Guitiriz. O 2-0 chegou antes do descanso e, pese a que os chairegos fixeron méritos para anotar no segundo tempo, sería o cadro de Roberto Ramallal o que sentenciaría a contenda con dous goles máis, 4-0 na Santa Cruz.

A Milagrosa non levanta cabeza e cae ante o Santaballés (0-2). Bastoulles a primeira metade aos chairegos, que souberon xogar cun home menos durante 60′. Foi precisamente tras a expulsión cando comezaron a carburar os de Freire, con dous goles na recta final do primeiro tempo que deixaron moi tocados aos albivermellos. Tras o descanso, a Milagrosa acumulou xente por diante do balón, pero o oficio do Santaballes foi suficiente para manter a portería a cero e sacar tres puntos de ouro do López Gorgoso, 0-2.
O líder Pol non da opción ao Monterroso (7-0). Xa mandaban os locais por 3-0 no minuto 9′, logo dun inicio fulgurante do Pol ante un Monterroso que aínda non chegara ao terreo de xogo. O 5-0 no 24′ auguraba unha mañá moi longa para os visitantes, pero o Pol baixou o pistón e tan só anotou dous goles máis no resto do partido, 7-0 para pechar un duelo sen historia no Manuel Luna.
O Foz confirma o seu bo estado de forma a costa do Riotorto (4-0). Un tempraneiro gol de Moreda deu moita tranquilidade a un Foz que está a consolidarse como un dos equipos máis en forma da categoría. Os locais impuxéronse ao Riotorto ao longo dun primeiro tempo que rematou con 2-0, aínda que os visitantes tiveron ocasións que non concretaron ata a expulsión de Jesu, cando o electrónico xa marcaba o 3-0. Así, a seguridade e intensidade mariñás valéronlle ao Foz para sentenciar a contenda con un tantos máis, 4-0.

Antón
12th Dic 2023O Riotorto non se presentou o partido,soio o número 6 merece foi un xogador de futbol.Recoñezo que teño que cambiar de deporte,porque darlle a Álvaro Moreda o de mellor xogador do CD.Foz,no meu entender é que eu non teño nin puñetera idea.Porque foi nefasto o partido de ese xogador.Vou ir ver Petanca.Saudos e grazas.