#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Manu Cedrón, SD Pol: «A dinámica dos adestramentos é mellor»

Manu Cedrón, porteiro do Pol

14 partidos, 14 vitorias; 42 puntos de 42 posibles; 38 tantos a favor e tan só 3 en contra. Non son números de película, é o balance real da SD Pol neste inicio de campaña 2023/2024. Un comezo que non ten parangón coñecido e que augura un éxito histórico para os do Manuel Luna na Primeira Galicia.

O certo é que o cadro de Pol xa leva varios anos detrás dun ansiado ascenso á Preferente, pero o Portomarín ou o Castro, entre outros, impediron o salto de categoría as pasadas campañas. Esta temporada, o conxunto mantense intratable no alto da táboa, perseguidos de lonxe por Escairón, Burela, SD Chantada e Chantada Atlético.

Manu Cedrón (Lugo, 1996), é un dos líderes deste equipo. O gardamallas lucense acumula este curso 14 partidos xogados e tan só 3 goles encaixados na Primeira Galicia, un dos datos decisivos para que o Pol conte todos os seus encontros por victorias.

Futbolinlugo: Parece que este ano si vai ser o do ascenso.



Manu Cedrón: Si, tivemos o obxectivo claro desde principio de temporada. Os resultados están acompañando e a idea é dar o salto.

FIL: O certo é que o cadro de xogadores semella de outra categoría.

MC: Si, ao final contamos con futbolistas que xogaron en Terceira, Segunda B, Segunda… as categorías ao final están por algo e iso nótase.



Creo que a dinámica de adestramentos está a ser mellor que a do ano pasado.

FIL: Pero algo máis hai que facer ben para gañar sempre.

MC: Está claro, o ano pasado tamén tiñamos un bo cadro e non nos chegou. Estamos adestrando ben, competindo todos os partidos e iso é o que che permite estar arriba.

FIL: Que cambiou respecto ao ano pasado?

MC: Creo que a dinámica de adestramentos está a ser moito mellor que a do ano pasado, iso é o que che da ritmo e che permite competir ben.



FIL: Tres goles encaixados, e tan só batido en dous encontros (2 do Xove Lago e 1 do Guntín). Estamos ante o Manu Cedrón máis en forma?

MC: O porteiro é unha peza chave, pero todo chega desde o bo funcionamento en fase defensiva. Sempre temos a broma de manter a portería a cero cada domingo, e eu penso que é o básico para cumprir obxectivos: medrar desde atrás. Tanto se queres ascender como salvar a categoría, creo que tes que basearte na solidez defensiva.

FIL: Aínda por riba, xa superastes a rivais directos como Escairón ou os «Chantadas».

MC: Si, estamos competindo a un gran nivel contra todos. O día de Xove recibimos un aviso, porque perdiamos 2-0 no minuto 20′ (ao final remataron 2-4), pero máis alá de aí estamos evitando que os rivais xeren ocasións… para min como porteiro é un gusto ver ao equipo así de ben.

O susto de Xove viunos moi ben para decatarnos de que non por ser os primeiros os partidos se gañan sós.

FIL: Este domingo xogades contra un Monterroso que está a competir moi ben.

MC: Esteas en Terceira Galicia ou en Terceira Federación, calquera pode darche un susto. Penso que nos viu ben o susto de Xove, para decatarnos de que podemos perder con calquera, e que non por ser o primeiro clasificado imos gañar os partidos.

FIL: A aspiración do conxunto é chegar á Preferente ou seguir medrando cara a Terceira?

MC: Si, a idea é subir este ano e seguir cara arriba. As facilidades postas polo club son moitas, como por exemplo as instalacións. En poucos equipos estiven que tivesen dous campos de herba natural, e ademais nas condicións nas que están, sobre todo no que xogamos… é unha pasada. Xoguei moitos anos en Terceira e non te atopas con campos así.

FIL: No plano persoal, que che fixo apostar polo Pol?

MC: O ano pasado tiña a idea de xogar un pouco máis abaixo, porque tiña a hernia na espalda e non podía manter o ritmo de catro días de adestramento. Tiven unha época bastante mala, e me chamaron de Pol… adestras máis preto da casa, podes compaxinalo con adestrar aos cativos… as condicións eran boas e aceptei.

FIL: Xa coñeces o club e ocupas unha posición moi relevante no campo. É Manu Cedrón un líder dentro do céspede do Manuel Luna?

MC: Ao final nun equipo tes que intentar aportar o que poidas. Cando era máis novo e estaba noutros equipos trataba de aportar certas cousas… e agora que tes máis experiencia aportas doutro xeito. É certo que no equipo hai xente moi experimentada como Álex, Gerardo, Omar… rapaces que veñen pisando forte desde atrás…

FIL: Un ano, porén, que estará enturbiado para sempre polo tráxico falecemento de Carlos Fidalgo.

MC: Foi un pau durísimo. Estiveramos coa súa familia o día previo, o mesmo día falando con el… pasamos unha semana moi difícil. Tivemos partido en Guntín e empezas a xogar sentíndote moi raro. Desde aquí gustaríame mandar todo o noso apoio á familia, porque foi moi doloroso.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *