O Pol conseguiu unha gran vitoria na última xornada ante o Cidade de Ribeira por 3-0 nun encontro no que o conxunto puido dominar con moita claridade. Tres puntos que serviron para confirmar que o Pol é un dos equipos máis en forma da Preferente do último tramo de competición, o que fixo que agora estean a sete puntos dos postos de promoción de ascenso, que marca o seu último rival, no seu primeiro ano na categoría.
Esta xeira aconteceu coa entrada de Manolo García no clube. O adestrador do Pol pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, o estado de forma do seu equipo, os aspectos nos que melloraron, a loita pola promoción e o seu próximo encontro ante o Negreira.
Último encontro: «Foi o mellor partido que disputamos onde dominamos en ambas áreas. Viuse reflectido ese dominio ante un gran equipo e confirma que se nos están a dar mellor os equipos da zona alta que os que pelexan pola salvación. Queremos ser un equipo dinámico con moitas chegadas e onde buscamos propoñer».
Estado de forma: «Xa con Roberto estaban indo as cousas ben. Nós agora estamos nunha zona morna da táboa e nós loitaremos partido a partido para sacar todos os puntos posibles para aproveitar a boa dinámica. Temos un grupo pequeno, o que nos condiciona a nivel físico con baixas coma as de Omar e Manu Cedrón. Pero queremos seguir competindo ben e sumar todos os puntos posibles tendo xa o obxectivo practicamente cumprido».


«O Pol ten un cadro de xogadores moi preparado»
Mellora do equipo: «O cadro é moi receptivo nos adestramentos. Intentamos meter máis exercicios con balón e conseguimos que xogadores coma Iñaki ou Cuadrado creceran moito connosco. Temos unha plantilla moi preparada e só metemos optimismo e queremos ter o balón».
Loita pola promoción: «A promoción penso que se nos vai escapar polos encontros ante o Galicia Mugardos e O Val. Inda así, queremos ter os pés na terra buscando quedar o máis arriba posible. Todo o que sexa crecer é moi importante, pero sen volvernos tolos».
Encontro ante o Negreira: «Recuperamos a xente sancionada e queremos ser protagonistas nos encontros. Os xogadores teñen moita soltura e este é un moi bo reto ante o segundo clasificado da táboa coa intención de conseguir os tres puntos».
